'A pegada dos avós', unha "mirada renovada e moza" da represión franquista

Rapaces que participan no documental © A pegada dos avós

“Parece que en España hoxe non queremos recordar”.  Así fala un dos adolescentes que protagoniza o documental A pegada dos avós, un filme do director Xosé Abad, que por primeira vez trata o drama da Guerra Civil e da represión posterior desde o punto de vista duns que ven aquel terrible episodio da historia desde unha distancia tan enorme.

Xosé Abad (Issac, O segredo da Frouxeira) volve tratar o tema da Memoria Histórica, pero coa innovación de centrarse na mirada de sete mozos que se achegan á contenda civil e á represión fascista facendo a súa propia investigación e investigando a través da escoita dos avós, pero non dos seus avós, senón de represaliados que eles mesmo escolleron. Un proxecto innovador tamén porque “ante a gravidade da situación do sector audiovisual” emprega vías de financiamento a través do crowdfunding e consegue achegas a través da Rede para poder rematar un documental que prevé estar listo a finais de ano.

O documental finánciase a través de crowdfunding e poderase descargar e visionar gratuitamente

“Quero construír a miña propia opinión; son historias que teñen que ser contadas, que non poden quedar soterradas e que teñen que ser xulgadas”, di outra das mozas protagonista do documental, alumna, como os seus compañeiros, do instituto de Adormideras da Coruña.
“Todo empeza cando a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa nos propón facer un documental”, explica Xosé Abad a Praza, que optou daquela por “renovar a mirada” que se adoita pousar sobre a guerra, o franquismo e a represión. “Quixemos tratalo desde o punto de vista duns rapaces cunha distancia moi grande con respecto á ditadura e saber tamén así se decidían pasar páxina ou seguir reivindicando e interesándose polo tema”, explica o director. A resposta foi rápida. Malia que a maioría dos mozos tiña un coñecemento “escaso e menor” sobre a época histórica que se trataba, a medida que avanzaban na investigación “foron sufrindo unha transformación e aumentando a súa sensibilidade cara ao razonable” E que é o razonable? “Pois que as animaladas e crimes son sempre animaladas e que a xustiza debe actuar”, explica o director.

Sete rapaces dun instituto investigan sobre a represión despois da Guerra Civil para "renovar a mirada" sobre os feitos

Todo cambiou moito, conta, cando os sete rapaces empezan a visitar os lugares protagonistas da represión ou a escoitar a familias represaliadas, concretamente dúas que sufriron o asasinato tras a Guerra Civil de pai e nai. “Detalles como meter o dedo no furado que deixou unha bala no muro onde fusilaron a unha muller vailles cambiando a forma de pensar”, explica Xosé Abad, que recorda que os rapaces tamén van colgando a través de blogs “os seus pensamentos individuais e intimistas, sen ningún tipo de intervención”.

O filme, que corre a cargo de EAF Producións, continúase gravando e contando coa participación “e o apoio e a solidariedade” de moitos compañeiros do sector. “Ao principio contamos coa axuda da CRMH, pero a gravación, a montaxe, os técnicos... Todo o demais conséguese grazas ás achegas populares”. “Podémolo facer porque son moitos os que se implicaron no proxecto sen recibir a remuneración que lles correspondería”, conta Xosé Abad, “orgulloso e entusiasmado” tamén pola colaboración cidadá. O pasado sábado pediu a participación de xente anónima para gravar unhas secuencias no Campo da Rata da Coruña. Apareceron 200 persoas que colaboraron desinteresadamente como figurantes. 

O director do filme amósase "orgulloso" do apoio desinteresado do sector e da cidadanía anónima. Unhas 200 persoas exerceron de figurantes de maneira altruísta

“Non queda máis remedio porque o audiovisual está desfeito como o resto da sociedade. Lévannos ao absurdo e á marxinalidade a unha parte amplísima da sociedade e os que facemos traballos deste tipo, ou buscamos recursos de onde non os hai ou non temos opción”, reivindica Abad, que agarda poder remunerar como se corresponde aos participantes nun proxecto que, de seguir conseguindo apoio, quedará rematado a finais de ano. 

Será daquela tamén cando cumpran co “compromiso de que a xente poida visionar ou descargarse grauitamente o cocumental”. Se vai ben, tamén se buscarían outras formas de financiamento, como a venda de DVDs ou a exposición nalgunhas salas comerciais. Todo para espertar conciencias e para, como di unha das rapazas, “remover a xustiza, non as feridas”. “Polo menos para pensar que a raza humana está máis evolucionada que todo iso”, remata outro dos mozos.

Rapaces que participan no documental © A pegada dos avós

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.