'Liberto' é o texto de Gemma Brió que a actriz Tamara Canosa escolleu para afrontar a súa primeira dirección, un proxecto no que a acompañan como intérpretes Rocío González, Cristina Iglesias e Lucía Aldao
Liberto é un neno que nace con problemas. E non pequenos. A súa nai intúe o que vai pasar, pero ten que pasar por un duro proceso de asunción, non só da realidade do que será a vida do seu fillo, senón de como será a súa. Por iso, toma unha decisión. Coma unha elefanta que, de xeito natural, actúa da mellor maneira para que a manda, e ela mesma, poidan sobrevivir. Como unha muller que é quen de enfrontarse ás mochilas que herdamos. Á culpa. A unha socialización que nos di como debemos sentirnos e ser como nais. E o que debemos aceptar, abnegadas. 'Liberto' é o texto de Gemma Brió que a actriz Tamara Canosa escolleu para afrontar a súa primeira dirección. Acompáñana neste proxecto, como intérpretes, Rocío González, Cristina Iglesias e Lucía Aldao. Falamos con ela tras o paso desta montaxe polo Teatro Principal de Santiago.
‘Liberto’ é a historia dunha muller que non pensa nin se comporta como sempre se lles dixo ás nais que debían ser. Por que escolliches o texto?
“A personaxe de ‘Liberto’ é unha nai que non se entrega a ser unha coidadora abnegada, que se permite pensar nela. E iso é moi valente, e moi humano, e moi normal e natural”
Porque me golpeou. Non foi algo intelectualizado, racional. Lino e quedei planchada. Foi algo instintivo. Mais, por que me interesou a nivel discursivo...? Porque fala do que nunca se fala, desde un sitio que raramente se fala. Agora, ao haber máis creacións feitas por mulleres, hai certo cambio no discurso tradicional de boa nai-Virxe María ou mala-nai bruxa.
A personaxe de ‘Liberto’ é unha nai que non se resigna a ser unha coidadora abnegada, que se permite pensar nela. E iso é moi valente, e moi humano, e moi normal e natural. E contalo fai que non nos sintamos monstros se nos pasa algo así. O relato ao que estamos afeitas é: eu entrégome e xa non agardo nada máis. Por iso hai culpa se non pensas así. Par min, é un tema do que toca falar.
É algo do que comeza a poderse falar. Como das nais que, malia querer os fillos, se arrepinten de ter sido nais…
É un conflito non resolto socialmente. Algo do que, si, podemos comezar a falar.
Supoño que non foi doado atopar o equilibrio entre o dramático, o verosímil, o cómico… A historia que conta é moi dura, polo que se corre o risco de pasarse de tráxico...
“O que estou presentando é unha mamífera: unha femia que loita, que fai o que pode e que, cando ten que facelo, deixa atrás. Porque o que decide é avanzar”
Guieime polo que sentín cando lin o texto. Tiña clara que non ía facer escenas tipo Scarlett O' Hara, que non ía xogar ao vitimismo. Porque o que estou presentando é unha mamífera: unha femia que loita, que fai o que pode e que, cando ten que facelo, deixa atrás. Porque ela o que decide é avanzar. Eu quería trasladar iso á enerxía escénica das actrices.
Foi, nese sentido, un traballo moi corporal, moi físico, moi de ter os pés na terra. Foi desde aí desde onde traballamos. Tamén porque teño claro cal é o tipo de teatro que me gusta, entón sabía cal era o tipo de ferramentas que quería utilizar nos ensaios, nos que non quería que tivésemos máis apego ao texto do necesario. Eu son a directora pero en realidade foi un traballo colectivo. As actrices despregaron a súa capacidade creativa e estamos moi contentas co resultado…
As tres actrices teñen un rol bastante diferente na obra. Lucía Aldao canta, marca as transicións, é como a narradora… Rocío González, a protagonista -a nai- ten un traballo moi de texto e tamén moi xestual, nunha montaxe moi de teatro de interpretación, sen adobíos, moi espido… Cristina Iglesias interpreta moitos personaxes -a irmá da nai, entre eles-, nun momento intercámbiase con Rocío…
Tiña claro tamén que a protagonista e a súa irmá tiñan que ter un tipo de enerxía escénica. A protagonista non cambia de personaxe máis que por un momento para saír de si mesma e verse. Cristina si cambia moito de personaxe. En realidade, o que se está contando é a viaxe da protagonista, da nai, e as personaxes de Cristina son o apoio que precisa para relatar o que lle pasou. Lucía é como o demiúrgo, que se sitúa noutro plano temporal. Ten un papel de contrapeso, de alixeirar… A súa presenza escénica é moi diferente da das outras dúas actrices. Penso que entre as tres se complementan moi ben. A música de Lucía é moi importante, pero teño que dicir que sei que a ela a desaproveitamos un pouco. Quedei con esa espiñiña…
Ademais de por seren boas actrices -boa música e poeta no caso de Lucía-, se cadra as escolliches tamén por ser mulleres que teñen feito papeis femininos moi potentes en textos feministas. Como Cristina na curta ‘16 de decembro’ de Álvaro Gago…
“A escoita que fan entre elas, o conectadas que están… Escenicamente non se precisa moito máis”
É importante ter un equipo que reme na mesma dirección ca ti. Cristina aínda non rodara ‘16 de decembro’ cando empezamos con esta obra. O que pasa é que nós estreamos en marzo do 2019 e non xiramos nada. Escollín as actrices por intuición, porque coñecía o seu traballo e parecíame que encaixarían. Cando fas a túa primeira dirección, ademais, precisas unha afinidade: sentir que te vas entender con elas.
Eu non sabía que ía pasar: se sería quen de adaptarme, de xestionar ben os ensaios… E ademais cun texto tan escuro que precisa dunha viaxe emocional tan complicada. A miña experiencia é como actriz e por aí sabía que enerxías tería que xestionar. Pero o resto é ir probando e aguantar o tirón. Elas nunca traballaran xuntas antes, pero eu intuía que ían conectar, e así foi. E penso que se ve no resultado: a escoita que fan entre elas, o conectadas que están… Escenicamente non se precisa moito máis.
Despois, durante o proceso fomos quedando con cada vez menos cousas. Comezamos con máis elementos, con máis atrezzo… e logo fomos depurando. Porque fomos descubrindo que non precisabamos nada máis. Canto ao espazo, hai un moi bo traballo de Coti en escenografía e iluminación. O que eu quería era un non-sitio, un espazo baleiro. Pero hai moitas maneiras de facer iso, e Coti fíxoo moi ben.
Ademais de traballar co texto, fixestes algo de investigación sobre o tema? Refírome a falar con mulleres ás que lles pasase algo así, por exemplo. É todo como un flashback, algo semellante ao teatro documento…
“O tema da eutanasia investigueino ao principio, pero despois decateime de que o tema principal non era ese, senón a liberación da culpa”
Eu si que fixen algo de traballo de investigación sobre a eutanasia pero, como dixen antes, tampouco me interesaba que as actrices intelectualizasen un discurso. Quería algo moi orgánico, moi feito desde o corpo. As primeiras semanas traballamos máis co que lles saía a elas, improvisando. Tampouco tivemos moito tempo de ensaios: seis semanas. Si que fun con elas a unha unidade de neonatos para que elas puidesen imaxinar mellor a situación. Iso pareceume interesante. Pero non moito máis.
Ademais, o texto xa está escrito desde a experiencia, porque conta o que lle pasou á propia autora. Nós o que fixemos foi tentar levalo ao noso terreo. A autora escribe desde outra clase social, outro contexto socio-político. O texto orixinal é algo máis reflexivo, que conta en pasado o que a autora viviu, con moito estilo indirecto. Nós contámolo en presente. Podiamos simplemente coller o texto e facer unha lectura dramatizada, pero quixemos ir máis alá.
Por outra banda, o tema da eutanasia investigueino ao principio, pero despois decateime de que o tema principal non era ese, senón a liberación da culpa, que é algo co que calquera pode conectar. É esa parte mamífera da que falaba antes. Ela é unha mamífera que decide avanzar para protexer a súa manda, que ten que desfacerse dunha mochila, que toma unha decisión vital. En realidade, do que se está a falar é de pura loita pola supervivencia.
Falabamos antes da dificultade dos cambios de personaxe de Cristina.
“Máis alá das eivas que poida ter a obra, penso que funciona porque elas funcionan”
Todo iso que fai Cris non pode facelo todo o mundo. Eu comecei cunhas actrices que xa me gustaban e despois decateime de que podían facer máis incluso do que eu imaxinara, de que podía propoñerlles calquera cousa. E Cristina é moi orgánica, precisa que todo lle pase polo corpo. Hai que falarlle pouco, poñerlle poucos exemplos e traballar con dinámicas físicas. Funciona moi ben cos ritmos.
É un pouco dicirlle: proba a dicir isto de forma automática… Ten moita intuición e é unha actriz moi positiva, sempre busca solucións. Máis alá das eivas que poida ter a obra, penso que funciona porque elas funcionan. Tecnicamente é moi complicada, cunha estrutura fragmentaria e caótica que reflicte como foi a experiencia da autora. Ademais conta todo de xeito moi sensorial, tal como o sentiu ela. E iso supón unha viaxe emocional moi forte dos personaxes…
Hai unha serie de repeticións na obra que axudan a marcar a intensidade. Tamén son un acerto, ademais de ser unha complexidade máis para as actrices. Foi cousa vosa?
Tamén tiña claro que quería xogar á repetición, mais depois nos ensaios fun descubrindo en que sitios. Os animais repiten, seguen un patrón. E a repetición era interesante para subliñar certos efectos psicolóxicos. Tamén tiña claro o que non quería. Entón consistiu en ir propoñendo cousas ás actrices e probar. Foi tamén a maneira de crear unha atmosfera de espera, de angustia… E despois foi encaixar onde, como…
As personaxes son a nai e a súa irmá, pero hai moitas máis: o persoal médico, o compañeiro da nai, a familia, as amizades… É interesante o xeito no que a historia está contada desde ela sen que se nos mostren as presións que, como muller, recibe. Pero sabemos que están. Tería sido máis fácil contalo desde aí, desde as presións.
“A obra o que nos mostra é como ela asume a realidade e toma a decisión de tirar para adiante. Como vive a súa pugna con esa mochila herdada de nai Virxe María na que somos educadas”
Iso está no texto tamén. Hai que ter en conta ademais que é un texto moi brotado, no sentido de que a autora o escribiu en dúas semanas, contando a súa experiencia. Por iso hai momentos de confusión, de caos, porque é como o viviu. Que non se nos amose esa presión social, quitando o momento en que se encara coa súa parella, non significa que non a percibamos, efectivamente. Porque é así como funciona a culpa.
Quero dicir que, por moito que a túa parella, e a túa familia, e os teus amigos, estean contigo, ti sabes o que “tes que sentir” porque é unha mochila coa que cargamos as mulleres. Estamos programadas para iso. A obra o que nos mostra é como ela asume a realidade e toma a decisión de tirar para adiante. Como unha muller vive a súa pugna con esa mochila herdada de nai Virxe María na que somos educadas. A obra fala da viaxe dela, de como asume algo que intúe desde o principio, e que non é só o tipo de vida que vai ter o seu fillo Liberto. O que lle di ao público é claro: para que vós quededes tranquilos, teño eu que foderme a vida? Ela asume que ten dereito á vida.
Xa que falas do público, non hai cuarta parede. Apélase varias veces ao público… É un recurso moi común do teatro contemporáneo, pero é algo importante na vosa montaxe. E aí Lucía ten un papel importante.
Está no texto e é un recurso que me interesa especialmente. Creo que é interesante apelar directamente ao público, incorporalo desa maneira. Tentamos facer o teatro que nos gusta ver…
O persoal médico non é todo igual: hai médicos distantes e enfermeiras próximas, por exemplo. Mais á nai non se lle dá toda a información, ou dínselle cousas contraditorias e confusas… É parte da situación mais, como o tema da burocracia á que ela ten que enfrontarse, reflicte tamén unha forma de violencia. É un tema secundario, pero presente.
É un tipo de abuso que non é persoal, que forma parte dos protocolos e que está na sanidade e na xustiza. Como cando unha muller vai poñer unha denuncia de violencia de xénero. Unha muller que está a pasar por un trance brutal ten que pasar aínda por iso. Non é o tema principal, pero axuda tamén a darlle verdade á historia. Calquera que fose a un hospital puido sentirse algunha vez así. Eu entendo que teñen que funcionar cun principio de igualdade, que haxa protocolos, pero é preciso tamén humanizalos. Falta formación sobre como comunicar, por exemplo. E mellorar iso é xusto e necesario.
Lucía canta e as cancións axudan a contar a historia. Falabas antes de que non está o aproveitada que che gustaría…
“Estou moi orgullosa da parte musical. Lucía é moi talentosa”
Estou moi orgullosa da parte musical. Lucía é moi talentosa. Pero tivo a mala sorte de lesionarse cando estabamos cos ensaios, entón perdeu uns días e foi unha pena, porque despois non tivemos tempo de probar máis cousas. Quería incorporar máis cancións dela, pero non houbo tempo. Tivemos seis semanas e ademais eu polas tardes traballaba noutra cousa.
Por iso tiven que decidir o que probaba e o que non. Mais iso tamén nos obrigou a traballar quizais de forma máis intuitiva, o cal seguramente foi algo bo para o que quería, que non era facer algo intelectual, como explicaba antes. Desfrutei moito facéndoo, en calquera caso. Saíse ben ou mal, aprendín moito no proceso.
E ademais estabas embarazada… Marelas Producións é unha compañía nova, non sei se exactamente feita para este espectáculo.
Si foi creada para esta obra porque nos pareceu a mellor maneira de levala adiante. Pero despois decidimos manter a estrutura. É un proxecto do meu compañeiro, Xacio Baño, e meu, que somos parella e decidimos crear unha produtora de teatro e de cine para poder sacar adiante os nosos proxectos. Porque non hai outra maneira de facelo que en equipo, e de compatibilizar a vida coa crianza. Agora chámase Rebordelos, que é un nome que xa usara antes Xacio.