"A poesía de Darwix chega a todo o mundo porque é o berro dun pobo"

Mahmud Darwix © www.iberarte.com

"A poesía de Darwix é unha poesía fácil, que pode chegar a todo o mundo, porque é o berro dun pobo, é como ler panfletos dunha manifestación, que tamén poden ser poéticos”. Así define Moncho Iglesias os textos do poeta palestino, que xa se poden ler en galego grazas á escolma bilingüe (árabe-galego) de 48 textos que vén de publicar Barbantesa baixo o título de Carné de Identidade. Os textos, que abranguen todas as etapas da obra de Mahmud Darwix, non son 48 por casualidade, senón que conscientemente se quixo facer referencia ao ano da ocupación de Palestina por Israel.

Iglesias, tradutor e poeta (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Positivas) coñece ben a Darwix e coñece ben Palestina, pois dende hai anos é profesor na Universidade de Belén. O proxecto de traducilo ao galego naceu coma un hobbie, hai uns tres anos, e como un intento de deitar "unha ponte entre o árabe e o galego, entre Palestina e Galicia".

"Estamos pensando en facer presentacións en Palestina, para dar a coñecer Galicia e a cultura e lingua galegas"

O carácter bilingüe da escolma permitirá ademais que o libro se poida distribuír dalgún xeito en Palestina: "Estamos pensando en facer presentacións alí, para dar a coñecer Galicia e a cultura e lingua galegas, do mesmo xeito que coas presentacións que facemos en Galicia damos a coñecer Palestina". É a primeira vez, ademais, que se publica en galego un libro traducido do árabe, pois até o de agora só tiñamos algunhas traducións de textos soltos, coma as realizadas por Frías Conde para A Trabe d'Ouro. 

Iglesias considera que o coñecemento que se ten en Galicia sobre Palestina é "superficial" pois "o que se sabe é o que chega a través dos medios de comunicación e todos os medios publican as informacións dunha axencia, que ofrece sempre as mesmas noticias". Iglesias conclúe que "non se coñece o día a día, non se coñece toda a historia".

"Israel ten unha necesidade de estar en guerra contra os de fóra, pois iso é o que lle dá unidade ao país, moi heteroxéneo interiormente, con grupos que non teñen contacto uns cos outros"

En canto á situación actual de Palestina, Iglesias lamenta que despois de anos de ocupación os habitantes do país vexan "de forma normal cousas, como que os soldados entren na cidade, que non son normais". Ademais, láiase de que os palestinos se volvesen "moi dependentes da axuda externa, da que se habituaron a vivir". En canto a Israel e aos ruxe-ruxes dun posible ataque nuclear sobre Irán, Iglesias réstalle importancia pois "é algo que alí se repite con frecuencia dende hai moito tempo". Para o profesor, "Israel ten unha necesidade de estar en guerra contra os de fóra, pois iso é o que lle dá unidade ao país, moi heteroxéneo interiormente, con grupos que non teñen contacto uns cos outros".

Capa do libro © Barbantesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.