A presentación de 'Unha nova historia dos feminismos ibéricos' acompáñase de debates, poesía e música

Cartel do coloquio © Uvigo

A New History of Iberian Feminisms é unha análise colectiva da evolución do feminismo en Portugal e no Estado Español dende o século XVIII ata a actualidade. A obra, editada pola Toronto University Press, está coordinada por Silvia Bermúdez e Roberta Johnson, profesoras nas universidades de Santa Bárbara-California e Kansas, respectivamente. O libro incorpora estudos de máis dunha vintena de autoras, entre elas por exemplo Olga Castro (Aston University, Birmingham) ou María do Cebreiro Rábade (USC).

"É o primeiro estudo que dá conta de maneira sistemática de como o labor feminista, dende o século XVIII ata o presente, trazou redes intelectuais, sociais e políticas que efectivamente abranguen toda a diversidade lingüística, nacional e cultural da península"

A obra preséntase este venres en Vigo, no marco do coloquio internacional Uma nova história dos feminismos ibéricos, que organiza a Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo. Ademais da propia presentación a cargo de Silvia Bermúdez, ao longo de todo o día haberá conferencias, mesas de debate e mesmo un peche no que poesía e música serán protagonistas. Os actos terán lugar no Centro Cultural Camões a partir das dez da mañá.

Silvia Bermúdez ofrecerá a conferencia “Contextualización: De El feminismo ibérico (1970) a Una nueva historia de los feminismos ibéricos (2018)”, na que destaca que o libro que co-edita con Roberta Johnson "é o primeiro estudo que dá conta de maneira sistemática de como o labor feminista, dende o século XVIII ata o presente, trazou redes intelectuais, sociais e políticas que efectivamente abarcan toda a diversidade lingüística, nacional e cultural da península". Para Burghard Baltrusch, presidente da Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo, trátase dunha obra "absolutamente fundamental para a historia do feminismo na península ibérica, que aínda carece dunha narrativa sintética” e permite "apreciar dunha forma moi detallada e variada a complexidade do pensamento e do activismo feminista no espazo ibérico ao longo de varios séculos”.

Vanda Anastácio (Universidade de Lisboa) falará de “Antes de ser já o era? Pensar o feminismo em Portugal antes de 1800”. E Olga Castro intervirá a continuación cunha charla baixo o título de  “Discursos feministas na Galiza de comezos do S. XX: entre o feminismo 'españolista' e o nacionalismo galego”. Xa pola tarde María do Cebreiro Rábade Villar, Silvia Bermúdez, Olga Castro e Vanda Anastácio debaterán sobre “Feminismos Ibéricos desde a ‘Transición’ e do 25 de Abril até hoje”. Finalmente María do Cebreiro e o proxecto literario-musical Cintaadhesiva pecharán a xornada cun recital poético-musical.

 

Cartel do coloquio © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.