A proposta das Letras 2015 para Carvalho Calero quenta motores dende Ferrol

Carvalho Calero, en 1978, recibindo o premio 'Ferrolán do ano' © http://deferrolparaelmundo.blogspot.com.es/

Hai unhas semanas comezou a traballar en Ferrol unha comisión, encabezada por Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz, que busca incrementar os apoios para que as Letras de 2015 estean dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, destacando dende un primeiro momento o feito de que siga sendo "unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país" e lembrando que van xa tres ocasións nas que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas ao profesor e autor ferrolán.

Esta comisión mantivo nos últimos días encontros e contactos con asociacións veciñais, culturais, colexios e outras institucións, co obxectivo de ampliar o grupo promotor desta iniciativa e as entidades sociais que a apoian e, de feito, persoas como J.M. Souto, Pim Patinho, Henrique Dacosta, Bernardo Lorenzo Cuetara ou Delia Vázquez forman xa parte da mesma, que é apoiada igualmente por asociacións veciñais da cidade, o Ateneo Ferrolán, Artabria, Fuco Buxán ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

"24 anos despois do pasamento de don Ricardo, primeiro profesor de lingua galega da nosa universidade, non pode quedar máis tempo no esquecemento e nunha inxustificada marxinación"

Esta comisión determinou na súa última xuntanza, celebrada este mércores, que "24 anos despois do pasamento de don Ricardo, primeiro profesor de lingua galega da nosa universidade, non pode quedar máis tempo no esquecemento e nunha inxustificada marxinación tan inxel creador literario como autor dunha obra monumental sobre a lingua e cultura galegas, persoa tan íntegra como comprometida a prol dunha Galiza de seu". Por este motivo a Comisión chama "a todas as entidades cívicas, aos claustros dos centros docentes, a outras institucións e persoas, para que publiquen pronunciamentos constantes e continuos co lema común de Letras Galegas 2015 para Carvalho Calero".

Ademais, a comisión, que celebrará unha nova xuntanza o 19 de febreiro, acordou desenvolver accións coordenadas, camiño dunha homenaxe o vindeiro día 25 de marzo diante da casa natal de Carvalho Calero, en Ferrol Vello, e presentar formalmente en Ferrol ao Consello Municipal da Lingua e aos grupos políticos municipais de Ferrolterra a petición de que se sumen a esta comisión e lle reiteren á Real Academia Galega a solicitude da homenaxe para o autor.

Denuncian que Carvalho Calero "foi vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués"

A Comisión destaca que o autor recibiu un notable recoñecemento na súa cidade, dende que a Sociedade Cultural Medúlio lle realizara en 1981 asúa primeira homenaxe pública, e seguindo por outros eventos e decisións. Por exemplo, Carvalho foi nomeado fillo predilecto de Ferrol en 1990, unha rúa, un centro de ensino e outro centro cultural desta cidade levan o seu nome e aquí se celebrou no ano 2010 o último congreso sobre el. Porén, os integrantes da Comisión denuncian que Carvalho Calero "foi vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial". E sinalan, "usando das súas palabras" que "certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente ... Que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura".

Carvalho Calero, en 1978, recibindo o premio 'Ferrolán do ano' © http://deferrolparaelmundo.blogspot.com.es/
A casa natal de Carvaho Calero está no barrio de Ferrol Vello CC-BY-NC-SA Lydia gonzález dios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.