A que soa un pemento?

Imaxe do festival Dominio Público Praza Pública

Música clásica e pementos de Herbón. Esa é a oferta cultural do mes de xullo na parroquia de Herbón, en Padrón, grazas ao I Festival de Musica de Herbón As notas do Pemento. Unha cita que reunirá no fermoso convento de Herbón as mellores promesas da música clásica de Galicia nunha serie de cinco concertos que combinarán recitais líricos, cuartetos de vento, música barroca ou un dúo de piano e gaita.

As notas do pemento está organizado polas asociacións Sementar, Onde hai Música e Galicia Sustentable e conta coa colaboración da S.A.T. A Pementeira, da Asociación Galega de Amigos do Camiño (AGACS) e da Axencia de Comunicación Xurimaru. O seu obxectivo é resaltar as potencialidades do pemento de Herbón a través da música. E para iso, nada mellor que o lugar onde naceu e se mimou durante tantos anos; o convento franciscano de Herbón, fundado en 1396. A horta, o claustro e a fonte serán algúns dos escenarios que acollerán estes concertos, que terán lugar os venres de cada mes a partir das 20.30 horas mais o domingo 28 ás 12:00. 

Precisamente, Eliseu Mera, o director do festival, destacou este feito durante a presentación do evento no Hotel Monumento San Francisco de Santiago e que contou coa presencia do seu director, Jorge San Martín. "Queremos homenaxear un produto tan sinalado da nosa terra como é o pemento de Herbón e facelo no lugar no que medrou por primeira vez, o Convento Franciscano", precisou Mera.

 

Grupos convidados

Entre os músicos e grupos convidados están Ensemble Giogia; con Belén Freire (frauta), Natalia Insua (clarinete),José Manuel Quintián (trompeta), Marta Freire (saxo alto), María Santos (saxo tenor) e Ana Moas (cello). Actuarán o venres, 5 de xullo. Unha semana despois, o 12, será a quedan de Ensemble Rosa del ciel; con Esperanza Mara (soprano e cello barroco), Thiago Vaz (tenor) e Guilherme Barroso (laúde e guitarra barroca). O 19 de xullo estará Herbens Consort con Indra Sesti (soprano), Eliseu Mera (barítono), Carlos García Amigo (viola da gamba) e Diego Rojo (arquilaúde). O venres, 26, terá lugar un Recital lírico a cargo de Sonia Bouzada (mezzosoprano), Enrique Martínez (tenor) e Elena Pérez (piano). O ciclo rematará o domingo, 28 de xullo, ás 13.00 horas co grupo Quodlibet con Felipe Rea (gaita) e Andrea García (piano).

Na filosofía do festival está, ademais, achegar a música clásica á xente. "Mediante esta iniciativa pretendemos, por unha banda levar a música a novos espazos e abrila a novos públicos e, pola outra, darlles aos novos músicos a posibilidade de ter un evento diferente no que actuar", sinalou Eliseu Mera. Por iso, os concertos están pensados coma encontros nos que os músicos dialoguen co público. Ademais, haberá unha exposición audiovisual e fotográfica do proxecto Onde hai Música e do proxecto Herbón.

 

Promoción do pemento

“Este festival contribuirá á difusión da produción de pemento de Herbón como base da nosa economía local, defendendo o traballo das nosas pementeiras. E, ademais de gozar da música, tamén se poderá coñecer a historia deste cultivo e a súa relación coa casa franciscana”, apuntou, tamén, durante a presentación do evento, Pilar García, coordinadora da asociación Sementar. E é que ademais de música, o público que se acerque ata o convento poderá disfrutar dunha visita guiada por este edificio histórico que agarda, aínda, ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC). E serán os propios frades franciscanos os perfectos guías nesta aventura pola historia de Herbón. Iso será media hora antes dos concertos, porque ao remate dos mesmos, os organizadores ofrecerán unhas tapiñas de pementos.

Imaxe do festival Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.