A Real Academia Galega celebrou este xoves a segunda sesión do Simposio Carvalho Calero, dedicado nesta ocasión aos seus estudos literarios, entre os que destaca a súa Historia da literatura galega contemporánea (1963), unha obra esencial cun peso fundamental na definción do canon literario durante décadas. Na sesión, moderada por Marilar Aleixandre e na que participaron Pilar García Negro, Dolores Vilavedra e Alberte Valverde fíxose especial fincapé nas importantes achegas de Carvalho Calero sobre a obra de Rosalía de Castro, que o converteron no primeiro grande investigador da autora.
O 17 de maio de 1958 Ricardo Carvalho Calero ingresou na Real Academia Galega cun discurso dedicado a Rosalía de Castro (Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía) e anos antes o autor xa centrara a súa tese de doutoramento e o volume 7 ensayos sobre Rosalía (1952). En 1963, no centenario da publicación de Cantares Gallegos, e no ano no que Rosalía de Castro foi a primeira autora homeaxeada no Día das Letras Galegas, Carvalho Calero publicou o primeiro tomo da súa Historia da literatura galega contemporánea (1963).
Segundo Pilar García Negro, Carvalho foi “o autor primeiro e primordial en abordar a investigación rigorosa e integral da obra da escritora"
Segundo Pilar García Negro, Carvalho foi “o autor primeiro e primordial en abordar a investigación rigorosa e integral da obra da escritora”. Para a profesora da UDC, alén do cuantitativo (máis de cen entradas), a bibliografía rosaliana do protagonista das Letras Galegas 2020 destaca no cualitativo, “no que ten de abordaxe científica pioneira” que somete a obra da escritora a “unha análise como a dispensada a outros clásicos da literatura universal”. “Tal perspectiva investigadora supón unha novidade integral nun contexto cultural onde a escritora era máis citada do que lida, máis reverenciada do que coñecida, inclusive máis deformada do que recoñecida na súa verdade textual”, engade.
No Simposio tamén interveu Dolores Vilavedra, que afondou nas contribucións á canonización da narrativa. Vilavedra destacou que Carvalho Calero non amosou moito interese pola narrativa ficcional, que consideraba un xénero secundario fronte á poesía. Segundo a profesora, a obra de Carvalho como crítico deixa clara a súa preferencia polas formas narrativas breves e a “alta consideración canónica que sempre lle mereceron Castelao, Otero Pedrayo e, nun segundo nivel, Vicente Risco”. E deste xeito a comparación con Otero e Castelao serviralle tamén a Carvalho Calero “como criterio avaliador e canonizador de obras e autores”.
Dolores Vilavedra destacou a simpatía de Carvalho Calero pola Nova Narrativa Galega e o seu “posicionamento distante” perante a produción narrativa de Eduardo Blanco Amor
Dolores Vilavedra destacou tamén a simpatía de Carvalho Calero pola Nova Narrativa Galega e o seu “posicionamento distante” perante a produción narrativa de Eduardo Blanco Amor, ao seu xuízo condicionado por consideracións ideolóxicas, “tanto no relativo á moral coma a manifestacións de certo clasismo”. A profesora considera que a actuación canonizadora do autor no relativo á narrativa galega estivo sempre mediatizada polos seus prexuízos, dende os identitarios aos lingüísticos. “Mais coido que, máis a miúdo do que se adoita recoñecer, foi quen de superalos ou, máis ben, integralos no seu punto de vista para achegarse aos textos dende unha perspectiva inmanente, deixándonos análises que hoxe resultan iluminadoras e, diría eu, imprescindibles”, dixo.
Na mesa de debate participou igualmente Alberte Valverde, que falou sobre a produción crítica e historiográfica de Carvalho Calero referida ao discurso poético, comezando nos anos de mocidade do autor e a súas publicacións na revista Nós.