En 2015 o daquela Ministerio de Fomento detectou "risco de derruba" no edificio da rúa Tabernas, no que se levará a cabo unha actuación de demolición interna
Dende o ano 1979 a Real Academia Galega ten a súa sede no número 11 da rúa Tabernas, na cidade vella coruñesa, nun edificio que foi legado por Emilia Pardo Bazán á institución. Porén, durante os vindeiros 19 meses a RAG trasladará temporalmente a súa sede a unha nave industrial do Polígono de Pocomaco, mentres se levan a cabo importantes obras de reforma no inmoble, unha actuación obrigada polo "risco de derruba" detectado en 2015 por un estudo do Ministerio de Fomento no edificio, no que se levará a cabo unha demolición interna, respectando iso si a súa fachada.
A RAG iniciou xa a mudanza dos seus fondos, arquivos, bibliotecta, mobles e cadros e tamén trasladará os espazos de traballo do seu persoal, para que poidan seguir desenvolvendo o seu labor. O mesmo sucederá cos fondos e co persoal da Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, tamén situadas na rúa Tabernas. En calquera caso, o traslado se prolongará durante varios meses, ata final deste ano 2022.
Os plenos da institución e outras actividades levaranse a cabo en dependencias pertencentes ao Concello da Coruña
Os plenos da institución e outros eventos e xuntanzas de traballo, iso si, levaranse a cabo noutras dependencias, probablemente pertencentes ao Concello da Coruña, que xa se ofreceu a acoller as actividades da Academia. Neste caso, ademais, o traslado supón un retorno da RAG ás dependencias municipais coruñesas, pois cómpre lembrar que entre 1920 e 1979 a Academia tivo a súa sede no Pazo de María Pita.
A RAG terá a súa sede durante os meses que duren as obras nunha nave do Polígono de Pocomaco que nestes momentos se está a acondicionar para acoller provisionalmente os seus novos contidos
As obras de reforma da sede da rúa Tabernas están financiadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cunha achega de 3,12 millóns de euros. A actuación busca manter a actual distribución, co depósito de libros no soto, o salón de actos na planta baixa, a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán no primeiro andar, as oficinas de administración no segundo andar, e nos seguintes andares, a biblioteca, a hemeroteca e mais o arquivo.
De acordo co calendario publicado no BOE, estímase que a adxudicación da obra podería resolverse entre os meses de setembro e outubro. 16 empresas enviaron a súa oferta para facerse co contrato. A partir de aí, a empresa adxudicataria tería que solicitar as licenzas de obras, de maneira que o traslado quedaría resolto a finais deste ano ou comezos do que vén.
A RAG ten a súa sede na Rúa Tabernas dende 1979. Anteriormente ocupaba dependencias no Pazo de María Pita cedidas polo Concello da Coruña
A RAG terá a súa sede durante os meses que duren as obras nunha nave anteriormente ocupada por IMAGAL e que nestes momentos se está a acondicionar para acoller provisionalmente os seus novos contidos. A Academia levara a cabo previamente unha procura de instalacións adecuadas para acoller os seus fondos e actividades, co obxectivo de que fose na cidade da Coruña, onde a institución se fundou e sempre estivo situada. Ademais, buscouse que o espazo fose suficientemente grandes para acoller todos os seus contidos nun único lugar.
As opcións que estiveron sobre a mesa foron, por exemplo, a Cidade da Cultura, ofrecida pola Xunta, pero que non cumpría co criterio de ficar na cidade herculina. E, tamén, un andar das Casas de Paredes, ofrecido polo Concello da Coruña, pero cunha dimensión insuficiente.