O escritor Antonio Piñeiro gañou o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela A través do fume. Unha obra da que o xurado salientou a súa "grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”. Falamos co seu autor, coñecido por obras anteriores como As fiandeiras ou polo seu traballo co selo de edición artesanal Bourel.
Cando recibiches a noticia do premio non podías crelo…
É que non contaba co premio, claro. Escribir é un traballo que facemos e propomos para que sexa enxuizado pero, claro, co nivel de calidade tan alto que ten a literatura galega actual e aínda máis habendo unha concorrencia tan elevada como neste premio, non agardaba que me tocase a min a chispa da sorte, que en parte depende tamén algo diso.
Dicías tamén que era un libro arriscado. Por que?
Porque é unha proposta experimental. É un monólogo interior -ou podemos chamarlle máis ben corrente de consciencia-, unha representación da linguaxe da mente, do pensamento, que é caótico, desordenado, troupeleado… É, así, unha sucesión de instantes pensados, que se mesturan cun certo ton poético que coido que está tamén na linguaxe mental porque traballa con imaxes, impresións, emocións e abstraccións, todos eles elementos indiscutibles da poética, da lírica… Todo isto converte a novela nunha especie de ensaio, de proba, que non é sempre fácil considerar. Quedei gratamente sorprendido, como falabamos antes, cando souben que fora o escollido polo xurado. Se cadra tamén abre unha porta…
"A novela é unha sucesión de instantes pensados, que se mesturan cun certo ton poético"
É unha novela curta, un relato…? Co mesmo texto, case podería estar presentado en verso. Non ten capítulos, pero cada páxina -sen puntos- é unha unidade, coma un pequeno capítulo autónomo. Por que?
É unha novela porque ten os compoñentes que permiten caracterizar un texto como novela: un tempo concreto, un espazo novelesco ben acoutado, uns personaxes que interactúan e fano de maneira prolongada e non como o farían nun relato curto, dos que ademais se desenvolve un retrato psicolóxico, e tres liñas argumentais. Despois ten proposición, nó e desenlace, pero camufladas. A estrutura que comentas está feita a mantenta. Vanse sucedendo momentos distintos do pensamento da protagonista. No curso da lectura estes fragmentos, instantes, quedan pechados en si mesmos, cun pequeno final, aínda continuando despois no seguinte.
A emigración é o tema de fondo, o que desencadea a historia, mais o libro fala máis ben da ausencia, da espera, quizais da imposibilidade de esquecer…
Está a ausencia e está a emigración, un tema que os galegos sentimos tan próximo. Toda emigración deixa un pouso de ausencia. Queda como un oco. O tema é, si, a emigración que se converte en definitiva e o oco que deixa. En realidade, o tema trasládanos unha imaxe dunha época. Un distanciamento entre a sociedade galega e a sociedade europea dos desprazados do momento. Unha distancia vivencial, laboral, obxectual, de costumes… e tamén emocional, a través de sensacións, obxectos e recordos, de imaxes que desvelan os distintos modos de vida.
"O tema é, si, a emigración que se converte en definitiva e o oco que deixa"
Hai obxectos especialmente relevantes, coma as cartas e as fotos. As cartas da emigración, símbolo tamén da ausencia e da memoria.
As cartas son o fío que une todo. É fácil de entender para un galego. Quen non escribiu unha carta para un familiar desprazado? As cartas non usurpan o papel da memoria, senón que o complementan, acompáñano, coma unha foto que é especialmente importante na novela. Son fragmentos de memoria transmitida polos obxectos a través das cartas: os lugares, os chicles, os agasallos, a festa do Nadal, a lúa que dúas persoas miran á mesma distancia…
"Quen non escribiu unha carta para un familiar desprazado?"
A relación entre nai e filla ten as súas complexidades. A nai ten un medo terrible á sexualidade da filla. Querías facer un retrato da pegada dunha educación represiva?
A novela xoga con dúas vidas, dous escenarios. A nai está tocada polo mundo no que lle tocou medrar, pola educación represiva que viviu amargamente, e que traslada á súa filla a través do medo. Teme dar un mal paso e aférrase ás convencións, ás normas impostas, para non ser socialmente excluída. Na filla hai un compoñente silvestre da sexualidade, porque nese tempo á mocidade non lle quedaba outra que buscar recullos, agochos, momentos íntimos fóra deas vistas dos demais, porque a sexualidade estaba controlada e prohibida. A filla experimenta estes recullos, quere dicirlle algo á nai pero non sabe o que, pero si saberá como desemboca a historia da nai… Hai tres finais, pero non podemos contalos, ten que descubrilos o lector.
"A nai teme dar un mal paso e aférrase ás convencións, ás normas impostas, para non ser socialmente excluída"
De fondo está tamén a sacralización da familia como “base da sociedade” polo franquismo e a ideoloxía patriarcal que a sustentaba. As “nais da nación”. De que maneira quixeches reflectir isto?
É un retrato daquel momento, daquela precariedade social, aquela sociedade decadente, aquela escombreira, que malia todo daba detalles sorprendentes desde o punto de vista literario. Coma o choque entre proclamar a familia como núcleo da sociedade e ao mesmo tempo destruíla a través da emigración, promovida polas políticas franquistas. Ou o amor, que se agochaba, que de tanto tentar controlalo facíase que agromase co seu compoñente silvestre, máxico, case de aventura. É paradoxal.
"O amor, de tanto tentar controlalo facíase que agromase co seu compoñente silvestre, máxico, case de aventura"
A novela funde presente e pasado. A filla lembra a súa infancia desde o presente. A viaxe é importante nesa relación entre os tempos…
A lembranza do pasado é transmitida, experimentada no transcurso dunha viaxe actual. O tempo da novela é entre o embarque e a saída da filla na viaxe Barcelona-Santiago. Unha viaxe na que recupera un obxecto moi importante que trae a Galiza.
E o fume? Aparece varias veces no libro e simboliza distintas cousas. Que é o fume?
Hai unha idea que está en Proust e en moitos filósofos que é que os recendos activan a memoria. A palabra fume ten ese sentido, relacionado cos olores que traen o recordo. Tamén é o fume dunha cidade industrial, e o fume no que queda todo despois do remate final…
Non é unha novela de fácil lectura. Esixe moita atención ata o final, e mesmo así podes perder cousas se non volves ler. Es consciente diso, non?
Sempre foi a miña preferencia probar cousas, experimentar. Comezas comezas a traballar nunha historia empezas por un tema, unha idea… Pero a min gústame tamén experimentar coas formas da linguaxe, explorando a súa plasticidade, as distintas maneiras compositivas. É a miña tendencia persoal na escrita, que neste caso pronunciouse de vez.
"Gústame tamén experimentar coas formas da linguaxe, explorando a súa plasticidade"
O libro fala tamén dunha felicidade que foxe de nós. Outro tema de fondo.
Si, o tema da felicidade está ligado ao tema da identidade, e o tema da identidade á súa relación cos obxectos. Como nas pequenas celebracións de Nadal, nas que as familias separadas pola emigración tentan crer que son felices malia todo.
Escribiches outro libro sobre os anos 80… Moitos dos obxectos que citas serán facilmente recoñecibles para unha xeración.
É que os anos 70 e 80 dan unha materia literaria moi bonita. Foron tremendamente intensos en moitos momentos. Os obxectos traeranlles recordos a persoas dunha determinada xeración, pero o que quero é que todo o mundo poida comprender esas referencias, que lle cheguen a todo o mundo. E creo que eses anos están tan preñados de aspectos distintivos que abren un campo mi grande para conectar co lector.
"Os anos 70 e 80 dan unha materia literaria moi bonita"
A filla lembra os discursos de Franco e do Rei e parécenlle iguais.
É a memoria dunha nena. Non pretende facer unha crítica política. Pero o que ela ve é un mesmo escenario, un mesmo discurso: a familia unida, o fogar, a calor… Cousas que ela non tiña. Todo o mundo falaba do mesmo e ela non o vía na súa realidade.
Hai non moito Borja Fernández fixo a peza teatral ‘Salvador’, sobre un avó emigrado ao que a familia lle perde a pista. Resultaba sorprendente a resignación da súa muller, que criara os fillos soa. Na túa novela, é diferente a actitude da nai e da filla.
Claro, é que non é o mesmo. Pero é que unha muller nese tempo non podía adoptar outra posición. A nai soporta as circunstancias como pode, porque actuar doutra maneira suporía quedar fóra, ser socialmente excluída, e iso era demasiado duro. Tiñan que resignarse e sobrevivir para que non as mirasen mal… Claro que hai certa conciencia autorrepresiva, resultado dunha educación determinada. A represión era sumida como algo natural, convertíase nun automatismo nun círculo social pechado sobre si mesmo.