A 'Ruta Zombi' chega a Vigo

Capa do libro de Dario Vilas © Editorial Dolmen

Sexa polo que sexa parece que Vigo se está a converter na cidade galega con maior presenza de zombies. No verán Coruxo acolleu a carreira zombie vs runner, que en todo o Estado só se celebrou ademais en Madrid e Barcelona. E este xoves chega á cidade olivica a Ruta Zombie, organizada por Dolmen Editorial.

Os actos terán lugar na tenda Norma Cómics (fronte ao mercado do Progreso) e terán como prato forte a presenza do autor vigués Darío Vilas, que asinará exemplares de Instinto de superviviente e Antología Z Vol. 6. Ademais, os asistentes poderán participar en diversas actividades vinculadas coa temática Z, e aqueles que asistan disfrazados levarán un agasallo. Por último, seleccionarase un disfrace gañador que poderá optar a un premio a nivel nacional, concedido por Dolmen Editorial. A Ruta Zombie comezou en Madrid o pasado 7 de setembro e xa pasou por Santander, Barcelona e Valencia, e despois de Vigo farao por Albacete, Sevilla e Málaga. 

E os afeccionados á temática zombie do norte de Galicia non deben esquecer que o vindeiro sábado 29 se celebrará na Coruña a segunda edición da Freakemacine Zombie Walk, que arrancará no Obelisco e será conducida por Os irmáns siameses zombies (Nelson Quintero e Alberto da Sinda) cara á Fundación Luis Seoane. A xornada culminará cunha gran esta-concerto na praza de Azcárraga coa actuación do grupo barcelonés de psychobilly Motorzombis.

Capa do libro de Dario Vilas © Editorial Dolmen

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.