A TVG intenta non pagar polas curtas galegas que emite, denuncia o Observatorio do Audiovisual

Gravación dunha curtametraxe CC-BY-NC-SA Bibliotecas municipais da Coruña

"Autoriza a Televisión de Galicia, S.A. a realizar a reprodución e a comunicación pública por televisión e para todo o mundo e da versión galega da obra ... (...) A devandita cesión de dereitos de emisión non terá custe económico algún para TVG, S.A.".  A Televisión de Galicia está difundindo dende hai meses unha instancia na que lles solicita aos responsables de curtametraxes a cesión dos dereitos de emisión das súas obras sen remuneración ningunha para os seus autores e autoras. Denúnciao o Observatorio Audiovisual de Galicia, entidade constituída en agosto e presentada publicamente en outubro co obxectivo de analizar e debater a política audiovisual galega.

O informe critica as "claras regresións" no investimento da televisión pública en curtametraxes e "un interese nulo" por apoiar este formato

O Observatorio elaborou un informe que afonda na política seguida pola TVG con respecto ás curtametraxes nos últimos anos, poñéndoa en relación coa súa obriga "de apoiar e de desenvolver o cinema e o audiovisual dentro de Galicia" e coa política seguida por outras canles autonómicas. O informe critica as "claras regresións" no investimento da televisión pública en curtametraxes e "un interese nulo" por apoiar este formato.

O informe recoñece que a emisión das curtametraxes a través da TVG significa un "apoio á visibilidade da produción cinematográfica galega e concretamente ás curtametraxes, un formato cinematográfico tradicionalmente marxinalizado". Porén, denuncia que "a sinerxia do sector coa TVG tórnase nunha única dirección xa que o ente público pretende dar a coñecer a produción cinematográfica galega sen contraprestacións económicas de ningún tipo". E lembra que "a visibilidade da produción cinematográfica é algo que a TVG está recollido nos obxectivos dos seus estatutos".

O Observatorio compara a actual política da TVG coa que mantiña ata hai pouco, a través do programa Onda Curta. Este espazo adquiría os dereitos de emisión dunha curta (por cinco anos) pagando 100 euros por minuto

O Observatorio compara a actual política da TVG coa que mantiña ata hai pouco, a través do programa Onda Curta. Este espazo adquiría os dereitos de emisión dunha curta (por cinco anos) pagando 100 euros por minuto máis o IVE correspondente. O informe sinala que este programa semanal de media hora de duración tiña un orzamento anual de 152.000 euros, un 0,152% do orzamento total da CRTVG, situado nos 100 millóns de euros. O informe, que gaba o traballo realiado polos programa Zigzag Diario e Zigzag Eirado, insta á TVG a buscar "novos modelos de colaboración co sector" e "novas maneiras de establecer apoios ao sector audiovisual de Galicia que reincidan alén da simple emisión do produto".

O informe fai tamén un repaso comparativo polas políticas seguidas por outras canles autonómicas, coma TV3, a ETB ou Telemadrid, e pola segunda canle de TVE. Sinala, por exemplo, que a televisión pública vasca paga 200 euros por minuto pola cesión por tres anos dos dereitos de emisión das curtas. Ou que a televisión pública catalá reserva para as curtametraxes dous espazos de 30 minutos os sábados e os domingos en horario prime time (ás 21:30) a través do programa Curtcircuit 33. Ou que Telemadrid participa dentro da Semana del cortometraje de Madrid adquirindo os dereitos de seis curtametraxes e concedendo un primeiro premio de 6.000 euros e cinco de 4.000 euros. La2, pola súa banda, ten espazos reservados para as curtametraxes, como Somoscortos e Metrópolis, pagando ao redor de 1.200 euros por curtametraxe. O informe destaca igualmente que as canles canaria, extremeña ou asturiana teñen espazos semanais de emisión de curtametraxes que melloran o ofrecido pola TVG. 

"Os criterios de programación non só prexudican á visibilidade da produción galega de curtametraxes, senón que prexudican igualmente á visibilidade dun programa de produción propia que consideramos necesario"

O Observatorio critica que a televisión pública galega reserve unicamente para as curtametraxes dez minutos semanais dentro do espazo Zigzag-Eirado, que ademais se emite á unha mañá na TVG2, acadando unhas moi baixas cifras de audiencia. Lembra que o programa Onda Curta dedicaba media hora semanal ás curtas e que se emitía na primeira canle autonómica xusto á medianoite, acadando un share moi superior, ao redor do 6%. Conclúe que "os criterios de programación non só prexudican á visibilidade da produción galega de curtametraxes, senón que prexudican igualmente á visibilidade dun programa de produción propia que consideramos necesario e que está a ser programado nunha franxa horaria residual".

 

"Pases ilimitados"

No que respecta á devandita instancia, o informe non só critica o feito de que a Televisión de Galicia busque facerse cos dereitos de emisión de balde, senón tamén que este este modelo de cesión de dereitos se estenda a todos os soportes e medios (internet, dispositivos móbiles). De feito, sinalan que, aínda que na autorización se especifica que a cesión de dereitos se limita a "un único pase e para a súa inclusión unicamente no apartado de curtametraxes do programa de produción propia ZIG ZAG - EIRADO", este mesmo programa repítese varias veces na mesma canle, o que "incumpre o contrato de cesión dun pase soamente". Ademais, engaden, o programa completo é publicado na web da CRTVG, o que fai que "a curta quede aberta, sen limitacións de pases, e de reproducións" e que "os pases poden ser ilimitados".

"Entregar de balde equivale a facilitar que o ente público deixe de investir", conclúe

Ademais, sinalan que a TVG lles solicita aos propietarios dos dereitos dos traballos unha “copia máster en soporte profesional con calidade broadcast”, o que supón "un gasto extra para os produtores das obras sen dereito a remuneración ningunha".

O Observatorio insta aos creadores e creadoras a non aceptar estas propostas de cesión de balde do seu traballo, pois considera que "todo aquel que regale o seu traballo estase a prexudicar a si mesmo e a todos os compañeiros do sector. "Entregar de balde equivale a facilitar que o ente público deixe de investir", conclúe.

Gravación dunha curtametraxe CC-BY-NC-SA Bibliotecas municipais da Coruña
Logo de 'Onda Curta' Dominio Público TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.