A vida en 200 palabras: RAG e Puntogal entregan os seus premios de microrrelatos

Imaxe do certame de microrrelatos © RAG e Puntogal

A Real Academia Galega e PuntoGal entregaron este luns os galardóns do seu II Concurso de microrrelatos. O certame premiou nove historias de menos de 200 palabras en tres categorías: adulto, xuvenil e infantil, escritas por autores e autoras entre os 11 e os 75 anos. O concurso ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.

 O certame premiou nove historias de menos de 200 palabras en tres categorías: adulto, xuvenil e infantil

“A fiestra” foi a historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos. Neste relato a súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras. O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”. 

Ángela Arnosa Prieto (San Sadurniño) e Eduardo Cameselle (Vigo) fixéronse co segundo e co terceiro premio de adultos; a modalidade xuvenil distinguiu tamén a Martina Lois Cuns (Santiago de Compostela) e Cristina Fojo (A Coruña); e Alba Díaz Mera (Narón) e Pablo Mirás Sánchez (Tui) fixéronse co segundo e o terceiro premio na modalidade infantil. Os nove relatos gañadores poden lerse nesta ligazón.

O concurso ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital

Os recoñecementos foron entregados na sede da Academia, na Coruña, a cargo de Víctor F. Freixanes, Manuel González, a académica correspondente Mercedes Queixas e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, todos eles membros do xurado. Alén da publicación dos microrrelatos, o concurso inclúe diferentes premios de perfil tecnolóxico, desde un MacBook Air a libros electrónicos e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano.

 

"A fiestra". Relato gañador na categoría de adultos

Sentouse na fiestra reparando e intuíndo o que ía acontecer a continuación. Non sentía nin remordemento nin pesadume, soamente acougo. O inchazo non lle permitía abrir o ollo dereito e a dor nas costas sinalaba, outra vez, varias costelas rotas. Vía todo nubrado pero tiña unha forte sensación de lucidez. Advertiu o ruído da pechadura, e a tentativa errada de introducir a chave indicoulle que era o momento. Só foi necesario un pequeno abaneo e o cheirume a suor, tabaco e sangue desapareceu para sempre. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.