A 'Virxe do Río Sar' xa está no Museo das Peregrinacións

A peza, que pode datar do século XIV, foi recollida este luns e trasladada ao Museo das Peregrinacións © Xunta

A figura da virxe atopada por un pescador no río Sar, en Compostela, xa se atopa no Museo das Peregrinacións, onde será estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial. Na tarde deste luns, persoal da Consellaría de Cultura levou a cabo o traslado da peza, duns 150 quilos de peso, dende o lugar que ocupaba no leito do curso fluvial.

Agora a peza será estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial

Á operación, complexa polo peso e dimensión da figura e polo coidado con que debía ser tratada, asistiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, algúns integrantes da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e do responsable do achado, o estradense Fernando Rey Quintela.

A virxe, no leito do río Sar © Xunta

Apatrigal: "nós fixemos o que calquera galego debe facer se encontra casualmente unha peza arqueolóxica: comunicarllo directamente á Consellería de Cultura"

A Xunta agradeceu a "estreita colaboración e a dilixencia no proceder" de Apatrigal, que exerceu de mediadora na comunicación do achado aos servizos de Patrimonio, que analizarán agora a figura.

Ana Paula Castro Jiménez (Galantiqua), experta en Patrimonio Cultural que realizou a primeira catalogación da peza, destacaba este luns en declaracións a Nós Televisión a importancia de que este tipo de achados sexan comunicados ás administracións correspondentes en lugar de ser vendidos no mercado negro buscando un lucro persoal pois "é patrimonio de todos". De igual xeito Carlos Fernández Coto (Apatrigal) subliña que "nós fixemos o que calquera galego debe facer se encontra casualmente unha peza arqueolóxica: comunicarllo directamente á Consellería de Cultura, seguindo o artigo 99 da Lei de Patrimonio Cultural. Pois aínda que estea na túa propia finca non é teu, é público".

Unha talla “suspendida” acaroada a unha parede

A catalogación realizada por Castro Jiménez, coa colaboración dos profesores Juan Monterroso Montero e Ramón Yzquierdo Perrín, indica que esta talla de vulto redondo tiña probablemente unha función decorativa no exterior dalgún edificio relixioso. Feita de granito e con estilo gótico, esta figura da virxe co neno procede probablemente do segundo ou terceiro cuarto do século XIV.

Castro Jiménez manexa a hipótese de que se trataba dunha talla “suspendida” acaroada a unha parede, quedando practicamente ao aire mesmo a base ou parte inferior. Esta posibilidade "vén reforzada pola decoración que presenta a peza na base cunha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, que non tería sentido se estivera apoiada noutra estrutura sobre esa base", sinala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.