Un pescador atopa por casualidade unha virxe do século XIV no leito do río Sar en Compostela

Virxe atopada no leito do río Sar © Apatrigal

En Galicia, e moi especialmente en Santiago, o patromonio material atópase en todos os recunchos. Tanto é así que en ocasións é posible tropezar con el, literalmente. Hai uns días o estradense Fernando Rey Quintela atopábase no río Sar, pescando á altura do Hospital de Conxo, en Compostela. Camiñaba polo leito do río, nunha zona de baixo caudal, cando de súpeto -á altura do campo de fútbol- deu cunha pedra que lle chamou a atención. Semellaba ser unha figura feminina, probablemente unha virxe, acompañada de figuras de anxos.

O estradense Fernando Rey Quintela atopábase pescando no río Sar, á altura do Hospital de Conxo, cando deu coa figura

Ante a sospeita de que se tratase dun elemento patrimonial de importancia, púxose en contacto con Ana Paula Castro Jiménez (Galantiqua), experta en Patrimonio Cultural, integrante ademais da Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal) e colaboradora da empresa de taxación Alforo Asesores. Castro Jiménez trasladouse ao lugar para tomar fotografías e medicións para a correcta identificación do achado, chegando á conclusión de que se podía tratar dunha peza gótica do século XIV.

Virxe atopada no leito do río Sar © Apatrigal

Apatrigal púxose en contacto coa Consellería de Cultura para poñer no seu coñecemento este achado arqueolóxico

Apatrigal púxose de inmediato en contacto coa Consellería de Cultura para poñer no seu coñecemento este achado arqueolóxico casual, instando ao departamento de Patrimonio a "proceder a retirar" a peza -duns 150 quilos de peso- para evitar calquera posible espolio, "dado que está á vista nun espazo público".

Detalle da virxe atopada no río Sar © Apatrigal

A peza procede probablemente do segundo ou terceiro cuarto do século XIV

A catalogación realizada por Ana Paula Castro Jiménez indica que esta talla de vulto redondo tiña probablemente unha función decorativa no exterior dalgún edificio relixioso. Feita de granito e con estilo gótico, esta figura da virxe co neno procede probablemente do segundo ou terceiro cuarto do século XIV.

A figura, que a experta en patrimonio cultural sitúa próxima por semellanza ás virxes de Oseira ou da Franqueira, suxeita no colo o neno Xesús. De ambos os dous lados da virxe, nos seus ombros, xorden dous anxos "e se ben están bastante desgastados apréciase o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe", indica no seu informe. 

Detalle da virxe atopada no río Sar © Apatrigal

Castro Jiménez manexa a hipótese de que se trataba dunha talla “suspendida” acaroada a unha parede, quedando practicamente ao aire mesmo a base ou parte inferior

Castro Jiménez manexa a hipótese de que se trataba dunha talla “suspendida” acaroada a unha parede, quedando practicamente ao aire mesmo a base ou parte inferior. Esta posibilidade "vén reforzada pola decoración que presenta a peza na base cunha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, que non tería sentido se estivera apoiada noutra estrutura sobre esa base", sinala.

Para a realización do informe foron consultados o profesor Juan Monterroso Montero e Ramón Yzquierdo Perrín, que afirma que "posiblemente é unha imaxe que en data antiga -talvez no barroco- se converteu nunha pedra máis, e de algún xeito foi desacralizada, por iso o rostro da virxe foi suprimido e a cabeza e o torso do neno". Ademais, a Yzquierdo Perrín a peza lémbralle "á virxe que colga da arquivolta da igrexa de Santa Salomé", en Compostela.

A virxe foi atopada polo estradense Fernando Rey Quintela, cando pescaba no río © Apatrigal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.