'Romería' explora a viaxe que a cineasta Carla Simón emprendeu con dezaoito anos para coñecer a súa familia paterna, á que forza a responder preguntas silenciadas e enterradas. Estréase o 5 de setembro
Nos anos oitenta, en plena Transición española, abriuse unha época de liberdade e experimentación para a mocidade. Unha parte dese movemento coñecémolo como A Movida, e en Vigo tivo o seu especial e particular impacto, así como trouxo unha crise da que aínda se sofren as consecuencias: a da heroína. Os pais da directora de cine Carla Simón morreron pola sida tras contaxiarse co virus do VIH a través do seu consumo con xiringas compartidas. Eles coñecéronse en Vigo, onde compartiron uns anos que os marcarían profundamente. Ela morreu tendo a súa filla seis anos, xa de volta en Catalunya; e el morreu en Vigo, de onde non chegou a marchar, tendo a cineasta tres anos de idade. O filme Romería explora a viaxe que Simón emprendeu con dezaoito anos para coñecer a súa familia paterna, á que forza a responder preguntas silenciadas e enterradas.
Romería chega ás salas de cinema o 5 de setembro da man da produtora e distribuidora Elastica Films e de María Zamora, recente Premio Nacional de Cinematografía, coa que Simón xa colaborou en Estiu 1993 (2017) e Alcarràs (2022) –gañadora do Oso de Ouro na Berlinale–, as dúas películas nas que a cineasta catalá conta parte da súa historia familiar, unha sorte de triloxía que se ve completada nesta Romería na que a paisaxe marítima de Vigo brilla como nunca.
A película está dividida en capítulos como un diario e formula unhas preguntas de corte existencialista, son as que se facía antes de pensar en rodar este filme?
Non, as preguntas entraron na película xa na fase de montaxe. Non era unha cousa que estivera aí dende sempre, pero si que é certo que xurdiron facilmente porque si que eran preguntas que me teño feito a min mesma.
Leva moitos anos pensando nesta película, cando se reencontrou cos espazos da costa viguesa viunos doutra forma? Mudou algo do que quería contar na película ou tiña xa un guión moi claro?
Penso que o feito de estar aquí non fixo cambiar o guión, pero tamén porque antes de rodar fixemos moitas viaxes. Non chegamos a rodar sen coñecer Vigo. O ano anterior á rodaxe estivera aquí un mes buscando localizacións e incluso antes, durante a pandemia, como tivemos que atrasar un ano Alcarràs pola COVID, pasei aquí un verán enteiro, e despois tamén viñera no Nadal. Ademais, vin moitas veces para ver a miña familia, tamén coa vista posta en facer esta película, e durante esas viaxes foi medrando o guión.
"Polo estigma e o tabú que traen consigo a heroína e a sida, dalgunha maneira a memoria desa xeración non está ben colocada e as familias vivírono con tanta dor que non o lembran ben"
Na entrevista cos protagonistas do filme, Mitch e Llúcia, contan como desde a súa percepción a xeración que foi máis afectada polas mortes derivadas do consumo de heroína polo VIH e a sida non é unha ‘xeración perdida’, senón máis ben esquecida. Vostede sénteo tamén así?
Si, totalmente. Porque non é que se perderan, é dicir, moita xente morreu, iso é o que pasou, e creo que polo estigma e o tabú que traen consigo a heroína e a sida, dalgunha maneira a memoria desa xeración non está ben colocada e as familias vivírono con tanta dor que non o lembran ben. Se cadra non é tanto que non o lembren, máis ben que non souberon xestionar esa dor e iso provocou que a memoria daquilo quedase un pouco soterrada.
Ten a sensación de que tantos anos despois aínda está a poñer en palabras (e imaxes) os silencios desas familias?
Si, eu creo que si. Sinto que dalgunha maneira esta é unha película para reparar esas perdas e poñer en valor a toda esa xeración que foi a que rachou con todo. Foron nenas e nenos que medraron nunha represión máxima durante o franquismo e despois durante a súa xuventude chegaron á liberdade, e decidiron explorala en todos os seus sentidos. Iso tamén pasa por rachar con todos os valores conservadores dos seus pais e introducir esas ideas máis progresistas que viñan de Europa. Viviron a liberdade con todas as súas consecuencias e tamén probaron as drogas e todo ese mundo. Eu sinto que está ben reivindicar esa época porque esa xeración foi a que seguramente nos levou a onde estamos agora a través de rachar con todo o anterior.

Cando pensaba en como pechar a triloxía iniciada con Estiu 1993 tamén se produciu un cambio na súa vida persoal coa súa propia maternidade, influíu este cambio de perspectiva en como lembrar os seus pais na pantalla?
Claro, tiven o meu primeiro fillo entre Alcarràs e Romería, e agora o segundo naceu xusto un mes despois de presentar a película en Cannes. Si que sinto que isto pecha o círculo desas películas sobre o pasado da miña familia e, agora que teño xa a miña propia familia, é o momento de mirar cara ao futuro e enfrontar novos horizontes.
Sinto que Romería aínda é un filme moi escrito dende a filla, non tanto desde a nai, pero é certo que o feito de ser nai si que me fai empatizar cos personaxes dos pais doutra maneira. Para min era moi importante filmar a esa parella como os rapaces que foron e non como meus pais, quero dicir, buscaba entender a súa historia, que iso é algo que ás veces é difícil. Ves os teus pais desde outros enfoques e cando te convertes nun deles é como que segues sendo a mesma persoa, pero cun engadido. Creo que dende aí si que me daba a oportunidade de contalo como quería.
Por iso opta por contar a historia da relación dos seus pais case de forma onírica no medio dunha historia que xoga a ser máis documental apegado á realidade?
Iso vén porque ao final esta é unha película sobre a memoria e o que fai o personaxe de Marina [a protagonista] é tratar de reconstruír a historia dos seus pais a través dos recordos da súa familia; e preguntando decátase de que a memoria é moi selectiva e cada un a conta como pode, como quere ou como recorda e que as pezas do quebracabezas non teñen por que encaixar ben. A partir diso ela mesma é consciente de que a historia tampouco sería a mesma se os seus pais estiveran vivos e lla contaran, pois a súa memoria sería distinta e tamén estaría tocada polas súas vivencias persoais.
Entón, decide empregar o poder da imaxinación e inventar esa historia que ela precisa entender e que no meu caso como cineasta fai que utilice o cinema para crear esas imaxes que non teño, para resucitar os mortos e crear ese arquivo familiar que me falta. Por iso Marina se libera cando chega a poder imaxinar todo iso.
"Ao final esta é unha película sobre a memoria e o que fai o personaxe de Marina é tratar de reconstruír a historia dos seus pais a través dos recordos da súa familia"
Realmente, todo o tratamento fotográfico da película é un pouco como de arquivo familiar simulado, como foi o traballo con Hélène Louvart neste eido? Sendo a ría de Vigo case unha protagonista máis do filme.
Romería está moi ligada aos espazos que Marina busca e filma por onde cre que pasaron seus pais. Ao final, os espazos quedan e a xente que pasa por eles marcha. Atopar eses lugares e filmalos de maneira orgánica era importante para nós. Tiñamos que filmar a ría de maneira que non semellara tampouco unha postal, senón que quedara realmente integrada na historia e nesa procura que emprende a protagonista.
Para nós tamén era moi importante diferenciar as dúas liñas temporais da película, a parte dos anos 2000 e a dos oitenta, por iso as filmamos de forma distinta. Filmamos á familia paterna con certa distancia porque ela é unha observadora nova nesta familia, despois o outro si que ten unha parte máis lúdica porque filmamos á parella nos espazos que ela imaxina, por iso o tratamento de textura da imaxe é diferente.
"Como Marina, eu sempre fixen esta viaxe dende a curiosidade, non dende o rancor ou dende unha vontade de axustar contas"
Hai algo de axuste de contas coa familia do seu pai na película?
En absoluto porque non sinto ningún tipo de rancor cara á familia. A miña vontade era, sobre todo, contalo desde a empatía coa súa dor. Contar como foi a historia e que a súa memoria non está ben colocada porque sentiron moita dor polo tabú e o estigma que impoñía o consumo da heroína e a morte do meu pai. O reto, para min, era contalo dende aí. Pero como Marina, eu sempre fixen esta viaxe dende a curiosidade, non dende o rancor ou dende unha vontade de axustar contas. É curioso porque é a primeira vez que mo estades preguntando e é aquí, en Galicia.
Como vén sucedendo no seu cinema, mestura a actores profesionais con non profesionais no elenco. Como foi traballar con Tristán Ulloa e Marina Troncoso, por citar dous nomes, e á vez coa rapazada que está na película?
Foi moi bonito. Creo que para min o primeiro paso é que os actores que escollo teñan algo dos personaxes que escribín, que se identifiquen ou mesmo os coñezan, pero que estean preto deles. Logo, tanto se son profesionais coma se non, para min é importante que a maneira de traballar sexa creando unha intimidade, que iso non se crea nun momento cando estás a rodar, senón que ten un traballo previo. O que fixemos foi pasar moito tempo xuntos improvisando momentos que poderían ter pasado entre eles antes da historia que conta a película. Era un pouco tolo porque ao ter dos tempos, había días que Mitch e Llúcia eran curmáns e outros nos que eran parella; pero isto, sexas ou non profesional, axúdache a construír unha memoria compartida entre todos que fai que na rodaxe xa pasaran no seu propio corpo por certas experiencias que a nivel emocional axudan moito e que se transmiten doutra forma na pantalla.