"É moi complicado non romantizar unha etapa cunha explosión de liberdade como a de 'Romería"

Mitch e Llúcia Garcia Torras, protagonistas do filme, en Vigo durante a entrevista CC-BY-SA Ana G. Liste / Praza.gal

Llúcia Garcia e Mitch son os protagonistas da película de Carla Simón 'Romería', que chega ás salas de cinema o 5 de setembro e tivo a súa preestrea este martes en Vigo

Vigo acolleu este martes a preestrea de Romería, o filme co que a directora catalá Carla Simón pecha unha sorte de triloxía que comezou con Estiu 1993 e seguiu con Alcarràs na que aborda a súa memoria familiar. A cidade olívica é onde naceu o seu pai, onde segue a residir a súa familia paterna e onde súa nai quedou embarazada dela. Por iso é ao carón da ría de Vigo onde se desenvolve esta historia narrada desde os ollos da filla que chega a Galicia coa curiosidade que calquera tivo sobre a relación dos seus pais antes de seren pais; no seu caso, máis aínda, porque ela non tivo a oportunidade de preguntarlles nada xa que morreron a causa da sida sendo ela unha nena.

Como adoita facer, Carla Simón fai convivir nesta película a actores profesionais con intérpretes noveis aos que chega a partir dun exhaustivo casting. É o caso da protagonista feminina de Romería, Llúcia Garcia Torras, que debuta da man da cineasta interpretándoa a ela mesma e, á vez, á súa nai. Xunto a ela está Mitch, quen tamén ten un dobre papel como curmán da protagonista e como o seu pai. Conversamos con eles antes da proxección do filme, que chegará ás salas de cinema o 5 de setembro, na preestrea no Auditorio Mar de Vigo. Llúcia xa leva unhas horas na cidade e Mitch acaba de baixar do avión, nas súas miradas hai ilusión e complicidade.

Como vos sentides cando vos volvedes ver nos papeis que interpretades pasado xa o periplo por festivais que comezou en Cannes?

Mitch: No meu caso non é a primeira vez que me vexo en pantalla porque xa fixen unha serie de televisión e curtametraxes, ao principio si que me poñía moi nervioso e odiábao, pero agora cando me vexo gozo da película, da historia e vexo o meu traballo pero non me centro no que fixen ben ou mal.

Llúcia: Eu creo que o mellor para non xulgarme é confiar en Carla [Simón]. Ao final, como eu tampouco son actriz, creo que Carla vai saber mellor se din o que ela precisaba ou non. Entón, para min, se ela está contenta xa está. Ao principio si que se me facía raro verme, para que me gustara a película foime moi ben poder vela coas miñas amigas, ás que puiden coar nun pase para académicos en Barcelona. Creo que vela con xente que me quere fíxome gozar de verdade da experiencia.

E como vos acompañastes mutuamente durante a rodaxe?

Mitch: Con moita amizade. Creouse un vínculo de bo rollo e de preocuparnos un polo outro. Todo saíu moi natural.

Llúcia: Si, eu creo que nolo tomamos de maneira bastante similar, un pouco como de broma, ou con pouca seriedade; quero dicir, con tranquilidade, sabes?

Mitch: Si, sobre todo con tranquilidade. Houbo moito tempo de ensaios e cando chegamos á rodaxe xa tiñamos uns vínculos creados e era moi fácil. Moitas veces faciamos as probas de localización e a continuación xa se gravaba, entón foi fluíndo todo bastante.

"Carla ensinounos os diarios orixinais da súa nai e foi moi bonito. Os dous coñeciamos a historia da ‘xeración perdida’, pero eu a vexo máis ben como una xeración esquecida", di Mitch              

Nas conversas con Carla Simón preparando a rodaxe, impactouvos o que ela vos contou das súas vivencias familiares, máis alá do que se conta no filme? Coñeciades a realidade do que chamamos a ‘xeración perdida’, polo impacto da heroína?

Llúcia: Non a coñecía con moita profundidade, aínda así, creo que a palabra non sería impactante porque Carla o vive da mesma maneira que Marina [a protagonista feminina do filme que interpreta Llúcia] e como o plasma na película porque en ningún momento o enfoca desde o dó nin desde o sufrimento, senón desde a curiosidade. Esa foi a realidade e xa está, ela o explica así e iso tamén nos axudou a nós a poder interpretalo desa forma.

Mitch: Carla ensinounos os diarios orixinais da súa nai e foi moi bonito. Os dous coñeciamos a historia da ‘xeración perdida’, é parte da historia deste país, pero eu a vexo máis ben como una xeración esquecida. Foi unha xeración esquecida pola sociedade.

Llúcia: Se había presión era máis por contar a historia dunha xeración máis que a de Carla en si.

Mitch: Si, por contar a verdade, non caer no tópico xonqui. Intentar saír de aí e contar unha historia bonita que vai máis alá da droga nesa época.

É difícil nin romantizar nin pasarse de grotesco, é por ese camiño intermedio polo que transita o filme.

Mitch: Si, é moi complicado non romantizar sobre todo cando é unha etapa que non viviches e cunha explosión de liberdade como esta. Obviamente vas romantizar algo ese mundo, sobre todo se tes referentes dentro da música, da pintura, do cinema... e da literatura xa nin te conto, sobre todo co consumo de opiáceos e o caballo. Cando es un rapaz romantizas iso porque realmente non o coñeces e te atrae esa xente. Logo vas medrando e e decátaste de que o romántico non é toda esa parte escura, senón como conseguiron contar a súa propia historia.

Llúcia: Sen moito contexto é fácil pensar que antes vivían moi tranquilos, por iso está ben que apareza a historia de Marina e non só unha visión subxectiva duns rapaces nese momento romántico. É dicir, que se vexa a película completa e non só esa pequena parte que é como se vivía con esa liberdade.

Llúcia Garcia nunha escena de 'Romería' © Elastica Films

Pensades que faltaban algunhas aprendizaxes para a vosa xeración?

Mitch: Eu non creo que sexa algo novo falar destes temas. O que si é necesario é que unha directora co peso de Carla se atreva a contar esta historia e facelo así, paréceme marabilloso sobre todo porque para falar dun cinema no que se transmita a realidade así temos que ir vinte anos atrás como mínimo, sobre todo para atopar un cine de autor como as películas de Eloy de la Iglesia e o cine quinqui. Penso que a nosa xeración ten presente como era ese mundo, pero si que o romantiza. Pero cando ves a historia de Marina, o que tivo que pasar polo simple feito de que os seus pais non estaban... Ese proceso, esa viaxe é necesario que se conte.

Llúcia: Eu si que me teño atopado en situacións con xente da miña contorna na que ter que pararme e dicir: isto é serio. A romantización é moi fácil e penso que esta película vai ir moi ben para freala.

"Creo que todos os lugares da película xa tiñan unha maxia especial e ese xogo de interpretar aos pais e poder poñer todo aquilo en imaxe foi moi chulo", lembra Llúcia

Como introducides a paisaxe nos personaxes? Porque o mar é case un protagonista máis da película.

Mitch: No meu caso, os dous personaxes están completamente namorados do mar, que é unha parte moi forte e moi importante para o desenvolvemento de ambos. Con Tristán Ulloa fixemos prácticas en veleiro antes para saber navegar a vela. Foi marabilloso, as paisaxes son incribles. De feito, eu sigo pensando en vir para Vigo a vivir. Hai uns meses estiven aquí cunha das miñas bandas para un concerto e quedamos a durmir no mesmo veleiro que usamos na película. Saímos navegar un pouco e logo xa fomos tocar, foi marabilloso.

Llúcia: Eu nunca estivera nin en Galicia e creo que me pasou como a Marina, como fixemos moitos ensaios previos en Barcelona pasei o mesmo proceso ca ela de ir imaxinando os espazos onde estiveran seus pais e, de pronto, estar aquí e velos en persoa foi máxico. Creo que todos os lugares da película xa tiñan unha maxia especial e ese xogo de interpretar aos pais e poder poñer todo aquilo en imaxe foi moi chulo.

A parte da película na que interpretades aos pais de Carla Simón foi a máis divertida de rodar?

Llúcia: Para min si.

Mitch: Para min tamén.

Llúcia: Aos dous apetecíanos moito entrar un pouco nese mundo.

Mitch: É unha parte moi bonita e moi sentimental, con moitas emocións.

Romería’ abriuvos portas no eido do cinema ou aínda é cedo para falar diso? Xa se comeza a falar de candidaturas a premios, é tempo de seleccións e votacións, vós como vivides isto?

Mitch: Aos dous dános exactamente igual se nos seleccionan para premios ou se non, eu creo que temos que desfrutar de estar xuntos e aprender.

Llúcia: A min dáme un pouco de preguiza porque me dixeron que habería que facer promoción das candidaturas e máis promoción aínda... pero a ver, se pensan en nós para os premios estaremos encantados. 

Mitch: Primeiro que se estree a película e que a xente a vexa, que se mova moito e que a xente diga o que lle parece.

Llúcia: Eu en todo caso tomaríame o dos premios como un reforzo ao traballo que fixemos, pero para nada quero que me cambie a vida. Ademais, con Carla e con todo o equipo vivimos todo o proceso como un traballo colectivo e non como unha cousa de recoñecementos individuais.

Mitch e Llúcia Garcia interpretando aos pais de Carla Simón na ficción © Quim Vives

Gustaríavos continuar no audiovisual?

Mitch: Si, por suposto. De feito, onte tiven unha proba para un papel. Se non sae isto espero que saia o da música. Gústame moito interpretar e crear personaxes, e quero poder crear máis e máis personaxes durante toda a miña vida, se é posible.

E en que bandas de música tocas agora?

Mitch: Boston Babies, Escarlata e Análisis.

"Gústame moito interpretar e crear personaxes, e quero poder crear máis e máis personaxes durante toda a miña vida", di Mitch

Entón, xa viviches a noite de Vigo agora e mais tes unha idea de como era na época que conta a película, cres que é moi diferente?

Mitch: Pois todo depende de por onde te movas, esa é a realidade; depende de como queiras vivir ti a noite. Antes non era todo mellor, todo depende de como queira cada un pasar o tempo.

Llúcia: Ti tamén tiveches relación con xente que si viviu aquelas noites de Vigo.

Mitch: Si, relacioneime con xente que estaba alí e que tivo bandas naquel momento, á preestrea vai vir Coral de Aerolíneas Federales. É marabilloso que esta xente che conte como era a vida nesta cidade, durante o proceso da película foi moi interesante poder consultarlles cousas.

Tedes máis expectativas pola preestrea en Vigo e como se vai acoller aquí o filme?

Mitch: A min faime ilusión, creo que é o sitio máis bonito para unha proxección así de grande porque é aquí onde rodamos e é bonito que nos volvamos ver e poder convidar a toda a xente que coñecemos durante a rodaxe. Pasar tempo con elas e eles outra vez e que a xente de Vigo, que sodes marabillosas, nos digades o que pensades da película.

Llúcia: Eu creo que é moi chulo e que cada preestrea vai ser moi distinta. A de Vigo faime moita ilusión por estar aquí e pola xente que vai ver o filme por primeira vez. Pero na de Barcelona faime ilusión porque estará a miña xente. Creo que van ser reaccións moi distintas e vai estar ben analizalas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.