A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dá marcha atrás e impide a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, perdendo así os 700.000 euros asignados para a rehabilitación do monumento. Todo, malia que o Consello da Xunta aprobara a incoación do expediente, nunha resolución que fora xa publicada no DOG e no propio Boletín Oficial do Estado (BOE), e a pesar dos numerosos informes técnicos favorables ao aumento da protección deste conxunto histórico-artístico.
Na súa reunión do pasado 2 de maio, a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña decidiu por maioría rexeitar a declaración como BIC do convento de Santo Antonio de Herbón, logo da solicitude encabezada polo Seminario Galego de Educación para a Paz acompañada pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Sociedade Cooperativa Viravolta e o propio Convento de Herbón hai xa case un ano co obxectivo de optar aos fondos do 1% Cultural estatal, uns 700.000 euros, necesarios para afrontar a rehabilitación do devandito monumento.
O Consello da Cultura e a USC emitiran dous informes favorábeis á protección do convento de Herbón
Malia incoar a Dirección Xeral o expediente para a declaración de BIC no pasado mes de outubro e publicarse a resolución no DOG e no BOE, os integrantes da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico amosaron desde un principio discrepancias. No entanto, tanto a Universidade de Santiago de Compostela como o Consello da Cultura Galega emitiron dous informes favorábeis á declaración como BIC do convento de Herbón felicitándose “especialmente polo alcance abranxente do contorno de protección”, un dos principais motivos da polémica que levaron ao Concello a crear unha “alarma social”, tal e como reza un voto particular dun membro da Comisión Territorial ao que tivo acceso Praza.
A Dirección Xeral bota atrás unha declaración BIC incoada por ela mesma e avalada por dous informes técnicos
O alcalde da localidade, Antonio Fernández, e numerosos veciños argumentaron sempre que o “excesivo contorno” de protección do monumento delimitado podería impedir a actividade actual do solo, centrado en uso residencial e nas explotacións agrícolas vencelladas ao cultivo dos famosos pementos da zona, así como afectar aos seus negocios. De feito, o propio Concello de Padrón presentou alegacións a través dun escrito apoiado polas sinaturas de varios veciños no que se defende a limitación da declaración BIC ao convento e estritamente a unha contorna limitada ao recinto amurallado. O único informe externo que se amosa en contra da declaración BIC é o da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.
Hai menos dunha semana, a Comisión Territorial, e tras varias alegacións, volveu someter a consideración o expediente nunha reunión á que asistiu tamén o alcalde de Padrón e o director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel. Malia que o que alí se discutía era unha proposta de incoación formulada e defendida polos propios servizos técnicos da dirección xeral e avalada por dous informes dos órganos consultivos, foi o propio director xeral o que decidiu someter a votación a decisión, cando a práctica habitual e actuar por consenso. O resultado foi o veto á declaración BIC do convento de Santo Antonio de Herbón, unha negativa que impide unha subvención de 700.000 euros para a súa rehabilitación xa comprometida polo Estado e que pon difícil a creación de varios proxectos na zona, entre os que se incluía un Centro Internacional pola Paz que incluría salón de actos e de exposicións e unha biblioteca.
A presión do alcalde da localidade foi suficiente como para paralizar a declaración BIC, logo de crear unha enorme alarma social na parroquia de Herbón, tal e como censuran numerosos colectivos da zona e o propio voto particular dun dos membros da Comisión, contrario á decisión final. Malia que a declaración BIC protexería tamén a contorna e non afectaría aos invernadoiros, foron moitos os veciños que viron perigar o seu negocio.
"A protección deste patrimonio non é unha ameaza para o pemento de Herbón, senón unha oportunidade"
“A alarma social creada entre os veciños da parroquia polo alcance da delimitación do BIC podería e debería terse evitado con un esforzo pedagóxico maior por parte da dirección xeral de patrimonio cultural e da alcaldía de Padrón”, di este voto particular, que advirte que “a protección deste patrimonio cultural non é unha ameaza para o pemento de Herbón, senón unha oportunidade para enriquecer o potencial de atracción turística, económica, cultural e social da zona, con múltiples beneficios, directos e indirectos, para todos os seus habitantes”. As presións políticas, no entanto, foron suficientes para rematar case de vez cunha declaración BIC e un proxecto destinado a dinamizar cultural e socialmente a zona. A polémica chegou a arrodear o envelenamento dun can, unha acción vinculada ao enfrontamento entre os veciños pola protección do monumento.