A Xunta mantén o gasto no Gaiás malia á parálise dos edificios pendentes

Vista do edificio do Arquivo de Galicia CC-BY-SA Merixo

O pasado marzo o Parlamento aprobaba, contra todo prognóstico, unha iniciativa do BNG para frear definitivamente as obras dos edificios pendentes da Cidade da Cultura. A parálise que deixaba incompleto o "soño" de Manuel Fraga non foi ben recibida nalgúns sectores do PP, a comezar polas súas axitadas filas en Compostela, e implicaba unha negociación coas empresas construtoras que a Xunta reclama levar con "discreción". O que non está entre esas repercusións inmediatas é un aforro de cartos públicos, toda vez que o gasto da Consellería de Cultura e Educación no complexo se mantén practicamente intacto nos Orzamentos Xerais para 2014.

O proxecto de contas públicas que o Parlamento tramita dende o pasado sábado rexistra unha baixada de apenas o 0,5% dos cartos inxectados nos edificios do Gaiás. Así, a suma das subvencións de explotación e capital pasa de 9,3 a 9,2 millóns de euros, unha caída residual pero menor ao 0,7% que experimenta o total do orzamento cultural do Goberno galego, que pasa de 61,3 millóns a 60,9. Segundo as previsións plurianuais que inclúe o proxecto orzamentario para a Fundación Cidade da Cultura, a caída do gasto no complexo comezará a notarse en 2015, cando os fondos para pagar "obras de urbanización e edificación" e o seu "remate" pasen de achegarse aos 5 millóns a quedar en algo menos de 1,4.

Os fondos para o Gaiás caen un 0,5% e o orzamento global para cultura, un 0,7%

Neste escenario, os cadros numéricos elaborados polo departamento que dirixe Jesús Vázquez seguen amosando a Cidade da Cultura como un mal negocio para o erario. Así, o complexo no que agora tamén se instalan organismos oficiais como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica ou a Agadic absorberá 836.000 euros durante 2014 en concepto de "reparación e conservación", un 31% máis que no exercicio de 2013, mentres que os gastos para a programación cultural pasan de 2,9 millóns a 1,9. Isto sucede mentres, como xa detallou este diario, mentres a principal fornecedora de cartos para os actos culturais do complexo é a Fundación Gaiás, a entidade constituída como privada e que agora, malia ter capital maioritariamente público, segue sumida na opacidade.

Os cartos públicos para o complexo achéganse aos 10 millóns, os ingresos apenas superan os 2

Malia á declaración de intencións de converter o recinto en economicamente sostible os Orzamentos revelan ademais que os ingresos previstos para 2014 non cobren, nin de lonxe, os gastos. Así, Cultura prevé ingresar algo máis de medio millón de euros por "visitas, eventos, alugueres" e fontes similares, aos que se sumarían 1,7 millóns por patrocinios. Son, polo tanto, uns cartos que apenas cubren a partida de programación cultural e que s eingresarían nun contexto no que os resultados da reorientación de espazos se amosan tamén como discretos: para 2014 as "actuacións de creación" cultural prevense que sexan seis, as empresas relacionadas coa tecnoloxía instaladas no Gaiás serán 10 e os profesionais da cultura que traballen no espazo de coworking, unhas 30.

Vista do edificio do Arquivo de Galicia CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.