A Xunta 'nacionaliza' a Fundación Cela tras anos de degradación

Inauguración da Fundación, en 1991 © Fundación Cela

A Xunta culmina o rescate da Fundación Cela. A entidade privada, constituída polo escritor nos anos 80 do século pasado para preservar o seu legado e cuxa sede en Iria Flavia permanece aberta dende 1991, pasa a ser integramente pública co obxectivo fundamental de frear en seco o proceso de degradación que viña sufrindo durante os últimos anos, especialmente dende a morte en 2002 do Nobel, momento dende o que a entidade estivo dirixida pola súa viúva, Marina Castaño. O Consello do Goberno galego deste xoves adoptou o acordo que dá luz verde á modificación dos estatutos e á composición dun novo padroado, cuxo presidente pasa a ser "o conselleiro competente na materia de cultura", actualmente, Jesús Vázquez. 

O alcalde de Padrón, o reitor da Universidade de Santiago, os presidentes das catro deputacións, unha persoa designada pola Casa Real e outra pola Universidade Camilo José Cela uniranse a dez membros máis, propostos directamente polo presidente da Xunta, para xestionar unha fundación que viña acumulando serios problemas de xestión. Non en van, en marzo de 2010 o Executivo galego xa tivera que achegar, en forma de convenio, máis de 154.000 euros de subvención para garantir a viabilidade económica. Despedimentos de traballadores, conflitos xudiciais, caídas de visitas ou reproches por parte do persoal á actitude e mala xestión da viúva do escritor e dos seus colaboradores máis inmediatos derivaron, dous meses despois da sinatura desa subvención de urxencia, en que os patróns da fundación decidisen iniciar os trámites para cederlle o control á Xunta, ademais de asumir as primeiras medidas de saneamento económico, como o cesamento do xerente.

A Fundación viña acumulando serios problemas de xestión e a Xunta achegoulle 154.000 euros de urxencia en 2010

Con este acordo tomado Xunta e Fundación reuníanse de novo para asinar un novo convenio no mes de xullo, este sen achega económica inmediata pero de moi importante calado. O acordo coa Fundación Cela, xestionado pola extinta Consellería de Cultura, formalizaba a obriga de realizar "un plan de axuste dos gastos co obxecto de reducir o gasto corrente e adaptalo ás previsións de ingreso" e desenvolver "actuacións" para "manter as achegas dos patróns privados e doutras entidades de carácter público". Ademais, o convenio incluía un terceiro punto que xerou unha controversia case inmediata en Padrón e que este xoves Alberto Núñez Feijóo preferiu pasar por alto. O compromiso pasaba por pór en marcha "as accións precisas" para que a Consellería, "a través da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura", asuma "os gastos de conservación, custodia e difusión do fondo bibliográfico, documental e epistolar". Isto é, protección do legado, ameazado polas pingueiras da deteriorada sede da Fundación, a cambio de que fose trasladado aos baleiros andeis do monte Gaiás.

O que transcendera daquela fora que en Iria Flavia permanecerían a sede social da Fundación, ademais de cadros e pertenzas diversas do autor. Pero os manuscritos, os máis de 40.000 libros e as case 100.000 cartas marcharían a Santiago para seren coidadas con maior esmero e, de paso, engadir contidos á necesitada biblioteca da Cidade da Cultura. Preguntado directamente por isto, Feijóo prefire aclarar pouco. "Galicia ten un premio Nobel e en época de crise temos que manter, con outros orzamentos, o legado que deixou". No novo padroado da Fundación estarán representantes de diversas institucións e "aí decidiremos o que corresponda" sobre posibles traslados, pero "o fundamental", afirma, é que "o que Camilo José Cela deixou en Galicia, quede en Galicia". O que se fará, asegura, será "o que máis lle interese a Galicia como país". E, cal será o volume de fondos públicos que implicará a operación? "Non máis do que se viña destinando" porque a fundación "vai ser eficiente", resolve.

Sede da Fundación Cela, en Iria Flavia (Padrón) © Ministerio de Educación
Inauguración da Fundación, en 1991 © Fundación Cela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.