A Coruña perdeu este domingo parte da súa banda sonora. Tres xeracións de afeccionados á música quedaron sen un dos referentes na cidade e en toda Galicia. Jaime Manso, propietario de Discos Portobello, faleceu o pasado martes tras non poder superar unha enfermidade, non sen antes anunciar o final e despedirse: “Mis últimos 21 gramos de energía para todos vosotros. Muchas gracias y hasta siempre”.
Músicos, melómanos ou simples habituais da súa tenda encheron as redes sociais de mensaxes de condolencia e agradecemento a unha figura fundamental na escena musical da cidade desde que en 1980 montou a súa tenda na rúa Cega, unha pequena, peonil e musical travesía –alí se atopa tamén o emblemático Jazz Filloa– perpendicular á rúa do Orzán.
Jaime Manso e a súa tenda de discos foiron referencia para calquera afeccionado á música na Coruña nos últimos 40 anos
Aquel pequeno recuncho ateigado de vinilos foi parada case obrigada de calquera adolescente que empezara a mergullarse no panorama musical nos 80 ou 90. Regresado duns anos en Inglaterra, onde tratou con importantes figuras, Jaime Manso (Betanzos, 1947) montou no centro da Coruña unha tenda que era moito máis ca iso e a onde chegaba importante material de importación, discos inéditos, xoias antigas ou novidades que agora se atopan facilmente por Internet e que daquela aterraban tras algunha viaxe a Londres.
O goberno local da Coruña xa propuxo que a rúa onde se atopa Discos Portobello pase a denominarse Jaime Manso
Mecenas dalgún grupo musical, impulsor da carreira doutros, referencia e amigo para músicos agora triunfantes, Jaime Manso era tamén organizador de viaxes para asistir a importantes concertos fóra de Galicia cando os billetes non dependían dun click. E a súa tenda foi sede imprescindible onde coller pasaporte para os primeiros grandes recitais de tantos mozos aínda imberbes ou gastar os dedos procurando discos e escoitando os seus consellos.
O dono marchou pero a súa tenda resiste nunha rúa á que o goberno local da Coruña xa propuxo mudar o seu nome para que pase a chamarse Jaime Manso. A poucos metros da rúa Torreiro, onde hai non moitos anos a multinacional discográfica Virgin montou un enorme espazo que acabou pechando axiña. A tan só uns pasos de Portobello, que aí segue.