Adeus a Nonito Pereira, referente e figura clave da historia musical en Galicia

Nonito Pereira, nunha imaxe tirada do seu blog persoal © nitope.blogspot.com

Adeus a unha figura clave da música en Galicia e, particularmente, na Coruña. Neste martes faleceu Nonito Pereira Revuelta aos 76 anos. Crítico musical, xornalista especializado, promotor, comentarista ou picadiscos, a súa vida estivo ligado sempre á música, do mesmo xeito que a música sempre estivo vinculado á súa figura. 

Nado no ano 1943 na Coruña, empezou a ser coñecido como disc-jockey no Playa Club nos anos 60 cando introducía a música británica e estadounidense que era aínda moi pouco coñecida neste curruncho da Península. Á fronte desta mesma sala contribuíu durante décadas a convertela nunha referencia musical onde grupos galegos, do resto de España e internacionais acudían a presentar os seus discos. 

Nonito Pereira foi crítico musical, xornalista, promotor, picadiscos... A súa vida estivo sempre ligada á música, tanto como a música estivo ligada a el

Ao tempo exercía como comentarista radiofónico en diferentes programas especializados de música, colaborando en diferentes emisoras ata os seus últimos días. Durante anos de referente musical foi fomentando amizades con figuras como Juan Pardo, Víctor Manuel ou Joaquín Sabina e foi importante impulsor do festival Noroeste Pop Rock da Coruña, agora simplificado no Festival Noroeste, que comezou a súa andaina en 1986 baixo o seu asesoramento. 

Nonito Pereira, nunha imaxe dun documental da TVG sobre a vida de Andrés do Barro © CRTVG

Admirador como poucos do jazz, foi tamén produtor e impulsor de importantes figuras da música galega como Emilio Cao ou Milladoiro e propiciou o frutífero encontro entre Mike Oldfield e Luar na Lubre. 

A Asociación Musical Nonito Pereira, creada hai tan só unhas semanas, tentará continuar co seu legado

Este mito musical faleceu tan só unhas semanas despois de que vise a luz a Asociación Musical Nonito Pereira, creada o pasado mes de outubro co obxectivo de promover o desenvolvemento da cultura musical e de dar a coñecer a traxectoria do xornalista, promotor e crítico coruñés. Desde este colectivo intentará continuarse co legado dun home que, como a súa figura, é único. 

Destacadas figuras da música e da cultura amosaron xa o seu pésame pola perda de Nonito Pereira. O Concello da Coruña di lamentar a súa morte, a dun "referente na historia musical da cidade". O ex-concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, defíneo como "hábil crítico con voz de cine negro, activo cultural, picadiscos, promotor, erudito; indispensable para coñecer a evolución, tendencias e formas da divulgación musical na Coruña". 

A súa morte chega pouco despois tamén da doutra figura indisipensable da cultura musical na Coruña, a de Jaime Manso, dono da emblemática tenda Discos Portobello

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.