Robe Iniesta, antigo líder de Extremoduro e unha das voces e figuras máis influentes do rock en español, faleceu este mércores, deixando moreas de mensaxes de pésame e admiración a un compositor, músico e cantante que marcou varias xeracións no Estado.
Nos últimos anos en solitario e antes en Extremoduro —mítica banda da que foi fundador— o influxo de Iniesta na música española foi enorme, virando de líder de rock marxinal e radical a figura respectada que acabou por abranguer multitude de públicos. Fíxoo, sobre todo, grazas ás súas letras, de fonda carga literaria e filosófica, recoñecidas como das mellores que haberá nunca na música en castelán.
O escrito do seu representante evidencia un recoñecemento que é común: "Hoxe despedimos o último gran filósofo, o último grande humanista e literato contemporáneo de lingua hispana, e o cantante cuxas melodías conseguir estremecer xeracións e xeracións".
Unha enfermidade obrigouno a suspender a súa última xira tras o seu concerto en Vigo; sen sabelo, Galicia acolleu a última actuación dun artista mítico
Robe Iniesta faleceu de súpeto e de maneira inesperada. Aínda non se coñecen as causas exactas do seu falecemento aos 63 anos, pero hai un ano o cantante suspendeu de xeito indefinido os concertos que tiña previstos en Madrid logo de ser diagnosticado cun tromboembolismo pulmonar.
Aquelas citas na capital do Estado ían servir de clausura da súa xira Ni santos ni inocentes, que tivo a súa última parada antes da cancelación en Galicia. Vigo acolleu, sen sabelo daquela, o que xa é o último concerto de Robe Iniesta. Foi o 9 de novembro de 2024, hai algo máis dun ano.
O IFEVI acolleu un concerto de dúas horas ante milleiros de persoas de todas as idades. Nel, Robe deixou algunha anécdota como os recordatorios ao público para deixase os teléfonos, algo que o amolaba. "Queréis dejar los putos móviles!", pediulles.
Foi un concerto, contaron as crónicas, pleno de enerxía e conexión co público, con temas míticos e unha atmosfera brillante. Pero a súa doenza obrigouno, desde ese día, a retirarse á intimidade para centrarse na súa recuperación. Xa non voltará, pero quedan a súa música e as súas letras. E queda para sempre un último concerto en Galicia.