Antes de que, en maio de 2017, Salvador Sobral dese a Portugal o seu primeiro triunfo en Eurovisión, o músico lisboeta xa levaba moitas horas de voo musical. Pero, con toda probabilidade, nunca enchería salas e auditorios con tanta facilidade se non fose por aquel inusitado triunfo con aquel Amar pelos dois, un tema melódico que podería ser moitas cousas, pero nunca o que a estas alturas de século XXI pode considerarse eurovisivo, con máis lume e espectáculo panorámico -da Panorama- que música ou sentimentos.
Tras encher titulares por todo o continente co seu triunfo e despois, co seu estado de saúde, Sobral volveu aos escenarios con novas músicas, con moita máis popularidade e tamén con moito máis agarimo de público ao que antes non chegara. Agarimo, e moito, foi o que houbo esta semana nos dous días consecutivos nos que subiu ao escenario do Auditorio de Galicia, en Santiago. Primeiro, para recoller un dos premios da III Gala aRi[t]mar, certame a prol das ligazóns galego-portuguesas que organiza a Escola Oficial de Idiomas da capital galega. E ao día seguinte, este 1 de novembro, cun concerto xunto á súa banda no mesmo escenario organizado dende Luneda Producións.
Agarimo, e moito, foi o que houbo esta semana nos dous días consecutivos nos que o cantor lisboeta subiu ao escenario do Auditorio de Galicia
Antes de actuar en Compostela a Salvador Sobral explicáronlle que non cumpría que mudase do portugués ao castelán, idioma que domina, para falar ante o público galego. "Já fui avisado", dixo cun sorriso ao inicio do seu concerto do primeiro de novembro. Sobre o escenario compostelán Sobral non aforrou simpatía, movementos nin idiomas. Danzou, brincou, foi e veu, riu e fixo rir... e cantou en portugués, inglés e español temas como Nem eu, You've changed ou Cerca del mar con fasquías de jazz. Tamén adentrándose en terreos como o hip-hop en poderosos retrousos que o levaron a preguntar ao público ata que punto se sorprenderan a despregar tal enerxía daquel "coitadinho" que, "doente", fora a Eurovisión.
O 'Amar pelos dois' xa é tamén un chisco "amar polos dous", ironizou Sobral, porque "na Galiza também a senten como sua"
E, por suposto, chegou "a canção", ironizou. Referíase, obviamente, ao seu Amar pelos dois, que xa é un chisco tamén "amar polos dous", dixo. Porque "na Galiza também a senten como sua". E por iso a cantou a coro co milleiro de persoas que inzaban o patio de butacas.
Salvador séntese cómodo en Galicia. Se cadra, mesmo un chisco namorado do país que o recibiu entre néboas e do que xa leva amigos como o pianista Abe Rábade, con quen compartiu escenario nos dous concertos. "Abe Rábade é galego do norte e eu sou galego do sul", di o cantor. "Toda Espanha semelha estar virada de costas para Portugal, mas aí está a Galiza, eternamente apaixonada" e por iso sente "algo de lástima". "Às vezes penso que este sentimento não é recíproco, que em Portugal não sabemos muito da Galiza", dixo nunha reflexión que ás poucas horas xa estaba a se espallar polas redes. "Mas eu vou chegar lá e dizer por toda a parte que venham cá. Já fomos um. Por que não continuarmos a sê-lo, ainda que for de outra maneira?", cuestionou. A súa primeira achega foron versos de Celso Emilio Ferreiro con Abe Rábade ao piano e mais unha (case) improvisada interpretación do Alalá das Mariñas.