Agrupación Teatral Furafollas abandona o Centro Galego de Barcelona por discrepancias coa dirección

Actividade de rúa de Furafollas © Furafollas

A Agrupación Teatral Furafollas vén de anunciar o final da súa colaboración co Centro Galego de Barcelona despois de ter realizado durante os últimos catro anos un bo número de actividades en conxunto. Os responsables de Furafollas afirman que ven "obrigados a marchar", tras "comprobar" neste último ano que a nova Xunta Directiva do CGB  "é incapaz de integrar as diferentes sensibilidades culturais de tódolos socios". Furafollas denuncia que o CGB "converteuse nun lugar ermo para proxectos culturais galegos". E salienta que "o futuro do CGB como o futuro de Galiza está na xuventude, na súa vitalidade e na súa capacidade de crear". O 26 de abril realizou a súa derradeira representación no Centro Galego de Barcelona. Ao remate da obra leron un manifesto que explicaba a súa decisión.

Furafollas leva 13 anos facendo teatro galego en Barcelona. A agrupación defínese como "un espazo aberto ás comunidades galega e catalá, no que os seus integrantes traballan co gallo de proxectaren as súas inquedanzas artísticas". Desenvolven fundamentalmente actividades relacionadas coas artes escénicas mais nas súas performance "teñen cabida outras artes como a música, a plástica…".

 

Actividade de rúa de Furafollas © Furafollas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.