Agustín Fernández Paz foi galardoado co premio Ramón Piñeiro-Facer País que dende o 2002 organiza a Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor dunha persoa ou entidade a prol do desenvolvemento de Galicia. O escritor recollerá o premio en Láncara nos días finais do vindeiro mes de outubro.
O xurado, integrado por representantes de catorce asociacións de Láncara, Sarria, A Pobra de San Xiao e O Corgo e que considerou un total de 45 candidaturas, salientou o feito de que a súa obra “en tempos de globalización permite a incorporación das novas xeracións ao coñecemento dos valores propios da cultura e a lingua galegas”. Ademais fixo fincapé na súa "innovadora e longa obra narrativa, traducida e recoñecida do premiado e o seu traballo a prol da renovación pedagóxica” o seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”. Subliñaron asemade “a súa peripecia vital e profesional no ámbito educativo e a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza".
O xurado salientou o feito de que a súa obra “en tempos de globalización permite a incorporación das novas xeracións ao coñecemento dos valores propios da cultura e a lingua galegas”
O fallo deuse a coñecer no curso dunha rolda de prensa celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Nas dez anteriores edicións o premio foi outorgado a: Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini&Mero.