Alberto Lema e Samuel Solleiro, protagonistas do número 20 de Protexta

Portada do número 20 de Protexta © Tempos Novos

A revista de libros de Tempos Novos chega esta semana aos quioscos cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños e vendida conxuntamente co propio mensual en galego. Alberto Lema e Samuel Solleiro son os protagonistas deste número e as letras das cancións de Emilio José ou Das Kapital, o teatro de Díaz Pardo ou os dous últimos libros de Camilo Nogueira completan a entrega de inverno da publicación.

"Non son alleo á normalización cultural, son contrario", afirma Alberto Lema na capa, chamada á entrevista longa deste número

"Non son alleo á normalización cultural, son contrario", afirma Alberto Lema na capa, chamada á entrevista longa deste número. No fío da publicación de Da Máquina (Galaxia, 2012), a súa terceira novela, Protexta fala co narrador e poeta dunha escrita que entende como forma de acceso ao real contemporáneo. Tamén recollen as páxinas deste ProTexta entrevista con Samuel Solleiro, que regresa ao relato con Gran tiburón branco (Xerais, 2012) e que anda arredor de posmodernidade fronte a modernidade. Letras de cancións que constrúen un retrato colectivo percorren a reportaxe coa que se abre este número, de Ataque Escampe a Das Kapital. Tamén se lle dedica un espazo a José Viale Moutinho, narrador, poeta e xornalista portugués.

No apartado de narrativa dedícase un artigo ao volume de relatos de Bieito Iglesias, Contos da terra da tarde, e unha crítica á novela Dark butterfly de Rexina Vega. Aténdese a poesía na recensión da obra Balea2, de Estevo Creus. Canto ao teatro, trázase unha ollada á creación dramática de Isaac Díaz Pardo. E o apartado de literatura infantil e xuvenil inclúe noticia da máis recente tradución de Canto de Nadal, de Charles Dickens, de 2044 de Eduardo Santiago, e do álbum de Eric Carle O artista que pintou un cabalo azul. Habibi, de Craig Thompson, é o volume escollido para a banda deseñada.

Un artigo aborda os dous libros máis recentes de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo e A rota do sal

A crítica dun volume colectivo arredor da achega dos emigrantes a América ao desenvolvemento da educación, editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, abre unha cumprida sección que atende o ensaio. Nela inclúese tamén un artigo sobre dúas publicacións urxentes arredor do 15M, A praza é nosa e O pobo indignado. Amais, críticas dunha recolleita de artigos de Xavier Vence, dos volumes que percorren a vida e o pensamento de Luís Soto, José Pasín e Santiago Montero, e de O rastro que deixamos, libro de Agustín Fernández Paz, a camiño entre crónica e creación. A crítica dunha compilación de estudos arredor da arte en América Latina e un artigo que aborda os dous libros máis recentes de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo e A rota do sal, completan este apartado da publicación. O número péchase cun artigo en que o poeta, narrador e xornalista Manuel Darriba anda os carreiros do pensamento contemporáneo para opor á interpretación característica da posmodernidade a contundencia dos feitos.

Portada do número 20 de Protexta © Tempos Novos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.