Alertan de que a paralización da Rede de Teatros suporía a morte das artes escénicas en Galicia

Rolda de prensa de Escena Galega CC-BY-SA Praza Pública

Escena Galega alerta de que a Rede Galega de Teatros e Auditorios "está totalmente parada". A asociación que agrupa as empresas de artes escénicas, xunto con todos os colectivos representativos do sector, amosa a súa preocupación polo feito de que a dez días para que remate o ano, a programación da rede aínda non estea pechada e nin sequera convocada, como viña sucedendo todos os anos.

Esta rede, na que a Xunta viña colaborando economicamente cos concellos para garantir a programación de teatro, danza, circo e maxia en 44 localidades do país, é o piar fundamental que sostén o sector

Esta rede, na que a Xunta viña colaborando economicamente cos concellos para garantir a programación de teatro, danza, circo e maxia en 44 localidades do país, é o piar fundamental que sostén o sector. O Goberno galego achegaba ao redor dun millóns de euros anuais para incentivar a contratación por parte das administracións locais de case un milleiro de espectáculos realizados por cerca de 70 empresas galegas. O sector acusa a Xunta de "apatía neglixente" e de levar a cabo un "ERE ás agachadas". Lembra que este programa non é unha subvencíón senón "un incentivo á contratación como teñen moitos sectores produtivos".

Lorenzo é o responsable provisional de AGADIC e Escena Galega acúsao de "enganalos" e dunha permanente desidia

Explican que nos últimos meses, dende que o 25 de outubro cesara Juan Carlos Fasero como director de AGADIC, lle pediron en varias ocasións a Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, que se fixera cargo da resolución deste asunto. E que Lorenzo deu unha respota tardía e remitiu ao nomeamento dun novo director. Porén, Lorenzo é o responsable provisional de AGADIC e Escena Galega acúsao de "enganalos" e dunha permanente desidia: "En vez de ocuparse do tema, engánanos. Como outras veces, en vez de dicir as cousas claramente non di nada, esperando que as cousas morran por si soas. É unha táctica que se vén empregando nos últimos anos: desaparecen as cousas sen dicir nada e cando se fai público xa non hai forma de levantalo".

"Hai 30 anos unha persoa do Barco de Xove ou de Ribeira non tiña acceso ás artes escénicas coma un habitante das cidades", un acceso que a Rede garantiu

Escena Galega denuncia que esta política non responde á "deixadez" nin ao descoñecemento do sector senón a un "plan premeditado" e que "apelan a unha crise económica que está non sei onde para non solucionar os problemas de aquí". "Todo aquilo que desaparece non se pode volver retomar", lembran, en referencia á Feira das Artes Escénicas ou ás axudas para as compañías residentes e salientan que as artes escénicas non só xeradoras de emprego, senón que nos últimos dez anos achegaron "unha identidade á cidadanía galega" e ofrecéronlle un valioso servizo: "hai 30 anos unha persoa do Barco de Xove ou de Ribeira non tiña acceso ás artes escénicas coma un habitante das cidades" un acceso que a Rede garantiu. E conclúen: "Esta demanda non é anecdótica nin é unha pataleta. Significa practicamente a desaparición do sector".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.