Alumnos de Belas Artes íspense para difundir a creación artística da súa facultade

David Crespo, un dos impulsores da iniciativa, tamén posou © Uvigo

Seis alumnas e alumnos da facultade de Belas Artes de Pontevedra veñen de elaborar un calendario, a partir de imaxes de eles mesmos nús e núas, que busca difundir a produción artística que se realiza no centro. A iniciativa partiu de Cristina Amado e David Crespo, que estaban a realizar un traballo para a materia de Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán.

O obxectivo do traballo era “organizar unha acción cultural real, coa idea de que reflexionen sobre outras liñas de traballo máis alá da creación artística, para que saiban como é estar detrás da obra, xa que moitos acabarán despois traballando como comisarios, ou en centros culturais”, en palabras do profesor. Entre as distintas propostas houbo exposicións, performances e outros eventos artísticos.

Cristina Amado e David Crespo buscaron daquela a colaboración dos seus compañeiros e compañeiras para que tamén de deixasen fotografar espidos e espidas, cubertos por algunha das creacións artísticas que realizan. A encargada de tirar as imaxes foi Irene Ríos, tamén alumna de Belas Artes, e Elena Bello, Iria Chaves, Lara Torres e Iria Pérez accederon a participar no proxecto, titulado desnudArte.

Inicialmente, o formato ideado era o clásico calendario de parede, pero o feito de contar con seis modelos e seis imaxes, levounos a compoñer con elas un cubo cun tamaño A3 en cada lado. Os cubos véndense no servizo de reprografía da facultade a 2,5 euros, o prezo de impresión, pois os seus responsables lembran que a iniciativa non busca o beneficio económico, senón a promoción da produción artística da facultade e dos seus alumnos e alumnas. “Trátase dunha forma de amosar arte nun formato accesible, barato e decorativo”, sinala David Crespo. De feito, detrás de cada fotografía figura información sobre a autoría, o título, as dimensións ou a técnica empregada.

Iria Chaves, noutra das imaxes do proxecto desnudArte © Uvigo
As seis imaxes conforman un calendario composto como un cubo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.