Álvaro Cunqueiro en Cataluña

Álvaro Cunqueiro Dominio Público Praza Pública

Todo e de todo sobre Álvaro Cunqueiro e Cataluña. Abriu é unha publicación científica de periodicidade anual editada por Estudis Gallecs i Portuguesos de la Universitat de Barcelona. Co obxectivo de "ofrecerlle á comunidade académica un espazo de debate sobre a textualidade (literatura, cinema, artes escénicas, música...) no ámbito dos estudos brasileiros, galegos e portugueses", esta revista que vén de publicarse inclúe anualmente un monográfico, ao que acompañan artigos de miscelánea e recensións de libros. Na súa estrea, o protagonista é o autor de Mondoñedo.

A revista científica debuta cun monográfico sobre a relación de Álvaro Cunqueiro e Cataluña

De periocidade anual e publicada simultaneamente en edición impresa e dixital en libre acceso, Abriu dedicoulle o seu primeiro número, o de 2012, a Álvaro Cunqueiro, novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo ao que a Xunta homenaxeou o pasado ano 2011 con motivo do centenario do seu nacemento.

María Xesús Lama López (Lugo, 1964) é a editora deste número titulado Álvaro Cunqueiro en Cataluña. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorada na Universitat de Barcelona, é profesora titular de Literatura Galega e coordinadora deste primeiro número da revista científica.

A revista fai un estudo panorámico dos contactos e intercambios de Cunqueiro coa cultura catalá

Ademais, Lama López publica en Abriu o artigo Cunqueiro en Cataluña: un modelo de relacións intersistémicas, un estudo panorámico dos contactos e intercambios do escritor de Mondoñedo e os estudos cunqueirianos coa cultura catalá, "a xeito de presentación do contexto de relacións interculturais no que se inscriben as colaboracións do monográfico". "Estúdanse tres ámbitos atendidos de maneira diversa pola crítica: relacións persoais con axentes da cultura catalá que dan pé a colaboracións e intercambios diversos, relacións profesionais co mundo editorial e xornalístico que proxectan a súa obra no mercado español, e relacións repertoriais que se manifestan en traducións ou en comentarios críticos do propio escritor sobre as súas lecturas", explícase no resumo.

Outros tres artigos completan o monográfico sobre Cunqueiro dunha publicación dirixida por Helena González e onde todos os textos pasan por un sistema de arbitraxe confidencial e anónimo cun mínimo de dúas avaliacións externas de carácter metodolóxico e de estilo. Unha revista científica que engade tamén unha análise sobre a narrativa galega de fin de século ou sobre a obra de Lois Pereiro.

Portada da revista Abriu © UB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.