"Angélica Liddell pode acertar ou errar, pero non minte. Traballa desde a dor e é todo verdade"

Imaxe do documental © Manuel Fernández-Valdés

Todo é auténtico na obra de Angélica Liddell. Pouca xente traballa tan ao límite coma ela. E desde un lugar que non é nada doado: a dor, a angustia. Por iso, que se corte con coitelas e que escriba co seu sangue, que coma terra ou que lamba o chan, que berre ou que chore, non só é anécdota. É que, de non facelo, sería mentira. Iso nos di Una roca sube una montaña, o novo documental de Manuel Fernández-Valdés. O filme, aínda inacabado, foi presentado no Panorama Galicia de Cineuropa. Nunca ninguén gravara antes o que ocorre na sala de ensaios de Liddell. Fernández-Valdés fíxoo, e retratou o seu proceso de creación. E retratouna a ela. A poeta. Que, como di Fernández-Valdés, sente e transmite, e consegue comunicalo. Que fai que a entendamos. Tamén a súa parte irracional. E que non é a loucura. É a fenda que abre a dor na vida de calquera. 

Cando estará rematado o filme?

Para o 2016. Agora está inacabado e é importante dicilo. O que se puido ver no CGAC en Cineuropa é un work in progress.

O comezo do documental sitúase nun día que a ves actuar. Interésaste polo seu xeito de entender o teatro...

Non é tanto o seu xeito de facer teatro como a relación entre a vida e a creación. Esa relación leva, no traballo de Angélica, a un lugar para min descoñecido, que o teatro fai ademais máis palpable que outras artes. Unha ambigüiedade coa que xoga, de xeito que non sabes onde empeza e acaba ela. Ela traballa coa súa propia vida. Pero o que fai vai máis alá do persoal. Consegue falar de cousas que nos pasan a todos.

Por iso pode entenderse como un filme sobre a dor e a angustia e como a xestionamos. Cadaquén como pode. Non só unha persoa cun transtorno mental.

Si. Cada persoa crea desde un determinado lugar, e Angélica crea desde a dor. Ese é o motor da súa creación. E é contraditorio, porque curiosamente a dor acaba sendo o que axuda a vivir, a crear. É o dilema que se formula cos artistas que traballan coa dor. Tampouco sabes ata que punto se van regocixar na dor. Pode haber aí algo enfermizo...

"Cada persoa crea desde un determinado lugar, e Angélica crea desde a dor. Ese é o motor da súa creación"

O que quería dicir é que o que se ve no filme non é o tópico do artista atormentado. Todo é verdade.

Esa era unha das cousas que me preocupaban. No teatro, cada un viste do que pode, e co traballo de Angélica prodúcense malentendidos, porque podes quedar na anécdota: córtase, berra... Pero eu creo que o espectador ve que no caso de Angélica non hai impostura. Eu xa parto da seriedade do seu traballo. Non pretendo xustificala nin nada así. Ela pode acertar ou equivocarse, pero a súa proposta é sempre sincera, verdadeira. Pode haber erro, pero non mentira. Todo o bo e o malo que lle pasa é certo. Angélica Lidell pode acertar ou errar. Pero non minte. Traballa desde a dor, e é todo verdade. 

É a primeira vez que alguén grava na sala de ensaio de Angélica Liddell. Ela aceptou e dixo que fixeras o que quixeras...

Primeiro falei co seu socio, Sindo, e expliqueille que quería facer un documental sobre o proceso de creación de Angélica. A obra coa que estaba traballando nese momento era o final dunha triloxía dedicada a China.  Unha produción grande, con actores chineses, unha orquestra vienesa, un compositor coreano... Supoño que lles pareceu bo momento para facer o documental. Fomos uns días á sala de ensaio para probar, para ver se era posible. E despois duns días xa nos dixo ela que si, que podiamos facer o documental. Eramos só dúas persoas: cámara e son.

A sala de ensaios é un espazo íntimo. Como facer para non alterar o traballo?

A regra era ser invisibles. Aínda que iso tamén pode soar a tópico. Mais é certo que, só cunha cámara e un micro, puidemos ser discretos.

A túa voz en off fai un relato do que vemos. O documental mudaría moito sen iso.

Con Fraga y Fidel, sin embargo xa pensara nisto. A min gústanme os cineastas que utilizan o off. É un recurso cinematográfico e tamén literario, un modo de establecer contacto co lector, co espectador. O que ves, estouno contando eu. Ademais, é un xeito de establecer un contraste con Angélica. Ela ten unha personalidade forte que podía comer a película. Eu quería unha distancia. Entón actúo eu como mediador. Tamén para formular, en xeral, cuestións sobre a creación e a arte. Quería que o documental puidese ter esa lectura, máis alá do particular, da obra dela.

"Ela ten unha personalidade forte que podía comer a película. Eu quería unha distancia. Entón actúo eu como mediador"

Vémola a ela ensaiando e tamén o que vai escribindo ao final da xornada no seu diario. Por que?

A obra de Angélica é a súa vida e leva iso a un extremo absoluto. O seu lugar é o teatro e, cando vai para a casa, segue cos ensaios, co traballo. Creo que iso se ve na película. O diario é moi importante para ela, e é parte da creación. E esa dimensión, esa capacidade de mostrar a súa intimidade nos textos, tamén é un reflexo da súa obra. Ela comparte o máis íntimo.

Comentas no off que comezou sendo Angélica González, e despois foi Liddell que, fose personaxe ou non, ao final é quen é Angélica.

Todos cambiamos constantemente e ela foi transformándose de González a Liddell. Pero hai moito tempo que non quita a capa. Por iso non ten sentido preguntarse onde acaba a persoa e comeza a personaxe. Porque ela é así. É Angélica Liddell.

Non é facil a súa relación cos actores porque lles esixe moito. Quere que vivan o que fan e non só que o pensen.

E a relación cos actores é o lugar no que transcorre a película. Está nos ensaios, nos textos... A ela entendémola por contraste. Traballa dunha maneira e explícalles aos actores o que quere. E hai quen está disposto a seguila e quen non. É complicado traballar con ela. Porque traballar dende ela traballa é moi duro. E tes que ter fe. Xa di ela que non podemos explicalo, racionalizalo, todo. Tes que crer. E se cadra hai actores que consideran que o seu oficio é outra cousa. Que non poden ou non queren chegar onde está ela, á súa poética. Porque ela é poeta, bardo. Ela non necesita explicar. Sente e transmite, e consegue comunicalo. Emociónanos, fai que a entendamos. Tamén esa parte irracional. No fondo, é a representación da poeta romántica.

"Porque ela é poeta, bardo. Ela non necesita explicar. Sente e transmite, e consegue comunicalo"

Un dos aspectos que comentas é como crea beleza desde a dor. Que tamén é moi romántico...

Si que é unha creadora romántica, no sentido de que parte do sublime, o que vai máis alá do humano. Ela utiliza moito o mito de Abraham como metáfora. O pai que está disposto a matar o seu fillo porque Deus llo manda. Pois ela está disposta a enfrontarse ao mundo, a ir máis alá do que faría calquera. Está disposta a cortarse cunhas coitelas, a escribir co seu sangue, a comer terra, a lamber o chan. E nada diso é anécdota. É un xeito de reflectir a dor, máis alá da explicación, do racional. Angélica fala tamén do bufón, do seu papel. Que é alguén que fai o que parece inconveniente, o que vai máis alá da convención. Ela prefire o fracaso á medianía, á morneza. Sempre dá o máximo. Sempre traballa ao límite. Amosa as cousas na súa máxima dimensión.

"Ela prefire o fracaso á medianía, á morneza. Sempre dá o máximo. Sempre traballa ao límite"

Ao mesmo tempo, tamén podería haber risco diso, de quedar na anécdota. No efecto: o sangue... Iso está ben medido, no documental.

No proceso falei moito cun amigo que sabe moito de teatro. Porque, como dicía antes, hai malentendidos co traballo de Angélica. Eu xa conto ao principio do documental que fai todo iso: que se corta... Sería absurdo negalo. E conto tamén que cando fun vela saín contando o que vira, e que saes coa sensación de viches a obra dunha muller louca. O problema é perderse niso. Perder enerxía falando de que se corta ou de que berra. Porque nela non é marketing, efectismo. É todo verdade. Non é disfraz. Ela traballa coa dor e está disposta a chegar ata alí. E consegue que a entendamos. Que vexamos que non hai frivolidade.

"Malia toda a dor, e aínda que ela non o saiba, nese instinto de seguir, nese xesto de non parar, hai esperanza. A beleza sempre gaña"

Ademais, a obra da que gravaches os ensaios foi efémera... Porque a ela non lle gustou o resultado e decidiu cambiala.

Estreouse en Viena e, un mes despois, ela decidiu cambiar parte dos actores e facer outra cousa. Entón o noso documental tamén quedou como documento dunha obra que xa non puido verse máis. Angélica sempre quere máis. Non dá unha obra por rematada aínda que xa a estrease. Mais, malia toda a dor, e aínda que ela non o saiba, nese instinto de seguir, nese xesto de non parar, hai esperanza. A beleza sempre gaña.

Manuel Fernández-Valdés Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.