En só uns días, Antón, un rapaz de 15 anos, descobre a perda e o amor. O impacto da morte e a vida que se impón sobre ela. A través do seu avó Mauro tracexa, ademais, unha especial conexión cos tolos da vila que, coas súas extravagancias e a súa imaxinación hiperbólica, axúdanlle a afrontar a realidade desde outra perspectiva. Así é a nova novela de Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, (Galaxia), homenaxe a Vento ferido de Carlos Casares.
A orixe da novela, -xa o contas no limiar-, está nunha conversa con Carlos Casares…
Si. Cando presentamos As rulas de Bakunin en Santiago tivemos unha conversa moi entretida. Empezamos a falar dos tolos, -el dos seus e eu dos meus-, e díxenlle -que tampouco era verdade de todo-, que eu tiña un rexistro de toliños... El díxome que por que non escribía un libro sobre o tema. Díxenlle que si, pero despois el faleceu e a idea quedou aí… ata que no 2014, cando me nomearon fillo predilecto de Xinzo, fun á casa onde nacín, que fora o cárcere da vila, e miña nai empezou a contar historias… Así recuperei aquel proxecto de escribir o libro en homenaxe a Carlos Casares.
Meu pai era municipal e ás veces traía os tolos á casa, que mesmo comían con nós, para desgusto da miña nai... Así, partindo da infancia dun rapaz dos anos 70, e mesturando memoria e ficción, foi xurdindo a novela. -Por exemplo, a historia de Gabriela, a moza da que namora Antón, parte dun feito real-. É unha novela, desta maneira, que ten unha parte biográfica, e que tamén pode lerse como a historia da miña xeración. Como ían cumprirse, ademais, os 50 anos de Vento ferido de Carlos Casares, pareceume un bo momento para sacala. Cando estaba xa rematada chegou ademais a noticia de que ían dedicarlle a Carlos o Día das Letras…
"A novela ten unha parte biográfica e tamén pode lerse como a historia da miña xeración"
A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
"A miña pretensión era homenaxear ‘Vento ferido’ e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor"
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois... É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado...
"É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están a miña experiencia e a miña imaxinación"
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real.
Precisamente iso é, se cadra, un dos aspectos que poden interesar máis ao lector desta novela: a relación dos personaxes coa morte. A de Antón, a de Gabriela, a de súa nai, a de Demetrio…
Un neno coma Antón non repara moito na morte ata que lle pasa algo como o que lle ocorre a el, é normal… Mais eu creo que os personaxes tamén reflicten a relación coa morte que se tivo sempre no rural. Non era raro ir darlle un bico aos mortos, por exemplo. Da mesma maneira que se xuntaban os veciños, rían, bebían... como un xeito de exorcizar a morte. Mais si, quizais aceptaban a morte con maior naturalidade que agora. Aínda que non é o tema principal da novela, senón un dos temas secundarios.
O tema principal son os tolos, cos que Antón ten unha relación mediada polo personaxe do avó. Un home que resucitara de neno, que caera de maior e a consecuencia da caída volvera á infancia… Como construíches ese personaxe?
Case todos os personaxes da novela están baseados en persoas reais. Iso non significa que queira facer un retrato desas persoas reais, polo que haberá trazos que resultarán recoñecibles e outros que non. A miña avoa materna viviu ata case os 100 anos, pero non a incluín porque case precisaría unha novela enteira para ela… O avó e os pais si que están baseados, claro, en persoas da miña familia. O avó Mauro mestura cousas dos meus dous avós.
Cando falo de tolos, ademais, non o digo con ton pexorativo. Non hai, nese sentido, tampouco, un afán paternalista na novela. Están retratados con dignidade, con cariño, e con realidade: tal como eu os vía de neno. Integrados na vila, cada un coas súas teimas. Uns seres entrañables, espontáneos, que para min, desde os meus ollos de neno, eran a máxima expresión da liberdade.
Despois tamén están, claro, o frío, a fame… mais a min o que me chamaba máis a atención era a súa imaxinación hiperbólica, as súas fantasías, a súa extravagancia… Hoxe xa serían máis difíciles de atopar, porque están máis medicados. Antes estaban máis desprotexidos nese sentido, mais a súa excentricidade podía dar moi bos froitos desde o punto de vista literario… E non sei se os atraio eu a eles ou eles a min, mais sempre houbo esa comprensión cara a eles pola miña parte e pola de meu avó…
"Non hai un afán paternalista na novela. Os tolos están retratados con dignidade, con cariño"
A loucura é, si, outro tema moi literario. Mais pode haber riscos ao respecto. Un sería romantizar a loucura, ao poñer o acento na relación entre trastorno mental e creatividade esquecendo ou minimizando a outra cara, que é o sufrimento. Outra é que os tolos do pobo quizais sexan protexidos e, á súa maneira, integrados. Mais tamén é frecuente que sexan obxecto de escarnio, que pode chegar mesmo ao maltrato.
Pode ser, mais na novela están tratados tal como os vía eu de neno, é dicir, desde a mirada limpa dun neno. Claro que habería situacións de abandono, segundos as traxectorias particulares de cada un. E seguramente moitos deles tiñan unha vida moi complicada. Mais eu creo que o lector atento tamén pode intuír iso na novela, aínda que non sexa no que máis se fixa o neno protagonista. Por exemplo, cando a un lle preguntan se vai frío, responde que para que quere o frío se non ten abrigo.
"Non creo que haxa unha ollada romántica nin que se negue a traxedia na que podían vivir algúns"
De todas maneiras, a miña percepción si que é que estaban integrados. Claro que podía haber alguén que fose algunha vez cruel con eles, pero en xeral eu penso que a xente os trataba ben e que mesmo participaban nos seus delirios, seguíndolles a corrente… No Entroido igual se metían un pouco con eles, mais non creo que pasase moito diso. Pero é que che dicía: a historia está contada desde o ollar inocente dun rapaz. Non creo que haxa unha ollada romántica nin que se negue a traxedia na que podían vivir algúns. Como a personaxe da muller que busca papeis por todos os lados coa esperanza de atopar os documentos da propiedade que pensa que lle roubaran…
Teño un favorito: o que vive permanentemente no emoción dos días previos ao Entroido. É inventado?
Ese non é real, non. Pero si que é verdade que en Xinzo hai moita xente que si vive moi pendente do Entroido, porque é unha festa moi importante alí. Están moi metidos nese mundo, e é normal porque temos a sorte de ter ese gran monumento inmaterial que é o Entroido. Mais cos personaxes pasáronme moitas cousas. Demetrio, por exemplo, é de ficción. Pois resulta que houbo un xardineiro que se chamaba Demetrio, e veu xente dicirme que estaba moi ben retratado…
"Temos a sorte de ter ese gran monumento inmaterial que é o Entroido"
E haberá quen che diga que non está retratado exactamente como é… como se tivese que estalo. Hai outra cuestión supoño que autobiográfica, que é a descuberta da literatura. Antón descobre a morte, o amor, o sexo… e o abraio pola palabra e polos libros. Fala con Carlos Casares, Camilo Dios dille que se le será libre...
Eu empecei a escribir tarde, con 22 ou 23 anos, pero cando tiña uns 11 ou 12 anos regaláronme unha Odisea e gustárame moito. A xente non me cría cando dicía que lera a Odisea con esa idade. Despois, cando quixen volver lela, decateime de que o que eu lera era unha adaptación. Mais si, gustárame moito. Aínda que a literatura que eu lía a esa idade era máis ben novelas do Oeste, que era o que había na casa. Ás veces pregúntome se sería mellor lector ou mellor escritor se tivese máis libros na casa… non sei.
A razón de que estea Camilo Dios é que viviu porta con porta comigo. E era amigo de Carlos Casares, coma Antonio Rodríguez, o bibliotecario. Que era comunista e case chega a alcalde. Era unha persoa moi querida.
Outro tema moi presente é a emigración. O avó marchara para Madrid e non lle gustaba que se idealizase o estranxeiro…
Si, a emigración está por exemplo no personaxe de Paco, o amigo de Antón, que ten os pais en Alemaña. Viven sós os catro irmáns porque os pais non están. Era un xeito como de orfandade, como o era tamén a dos que viviamos gran parte do ano nun internado. Meternos nun internado era o mellor que podían facer por nós se queriamos estudar, pero supoñía estar lonxe da familia a maior parte do tempo. E era normal ter os pais en Francia, en Alemaña, en Suíza… O avó Mauro vai a Madrid, e a outro personaxe que é emigrante, que tamén está baseado na realidade, fanlle transplantes de cabelo porque pode pagalos…
Nos personaxes pode verse o prestixio de volver da emigración con cartos. Aínda que na miña casa non era tanto así. Miña nai era costureira e meu pai policía municipal. Traballaban moito e había tamén un orgullo por progresar quedando aquí. Primeiro vivindo nas casas baratas, despois no centro da vila, despois facendo unha casa… Todo grazas ao que traballaban meus pais, sen ter que emigrar.
Tamén falas de culpa, como no teu libro anterior, ‘Os elefantes de Sokurov’. Mais se cadra a relación de Antón con Elsa, despois de perder a Gabriela, non é máis que o triunfo da vida sobre a morte.
Si, Antón sente culpa por non ter acompañado a Gabriela ata o final, mais tampouco sabe se estaría á altura… As personaxes das primas na realidade non eran primas, pero si eran rapazas que viñeran para a vila no verán. O que pasa con Elsa pode ser un xeito de desdramatizar a morte, no sentido que dis, de que o amor se impón sobre a morte. É, ademais, o amor da adolescencia, que lle serve a Antón como táboa de salvación tras a perda de Gabriela, aínda que a memoria de Gabriela tamén se acaba impoñendo. Mais si, está a idea de que os novos amores poden curar a ferida deixada pola traxedia da perda.
E a ti pasouche coma ao Antón da novela, que quedou sen amigos porque Gabriela o escolleu a el?
Pasou. Botáronme do grupo. E lembro a sensación de soidade, de non ter con quen quedar. Despois apareceron as rapazas de Alemaña, -aínda que na realidade foi ao verán seguinte-, pero si. Hai xente da pandilla que xa non se acorda, pero eu pasárao mal, claro. Iso tampouco é inventado… Por certo, tamén é real a foto da portada, que é un personaxe do que fala Carlos Casares nunha novela. Eu case non o lembro. Pero ten moito que ver coa novela…