António Zambujo presenta o seu último traballo en Compostela

Antònio Zambujo Dominio Público Praza Pública

A voz portuguesa máis internacional do fado, António Zambujo, presenta en Compostela o seu último traballo, Quinto. Será este sábado 27, a partir das 21 horas no Auditorio de Galicia, e enmarcado dentro do ciclo Sons’14.

Nas súas cancións Zambujo fusiona elementos do jazz, a bossanova, a morna, o chorinho e o cante alentexano co fado creando un estilo único. Aos seus 37 anos, dono de "unha voz naturalmente musical", como dixo o seu agora valedor Caetano Veloso, ninguén queda indiferente ao escoitalo coa súa delicadeza ao cantar, pronunciando con coidado e sentimento cada palabra co seu pausado acento alentexano. Nótanse en Zambujo unha sinceridade e unha paixón cada vez máis raros nos intérpretes contemporáneos.

Nas súas composicións destacan o coidado pola palabra, o bo gusto nas letras e o sabor que ten o portugués na súa voz. Nel, o fado, parece máis verdadeiro. Todo isto marca a diferenza nos seus directos. Trátase indiscutiblemente dunha das máis valiosas xoias que a música portuguesa regalou ao mundo nos últimos anos.

As entradas para este concerto poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h) así como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Ademais, mañá tamén se poden mercar no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde as 18.00h. Os prezos son de 12 euros en anticipada e 15 euros o propio día do concerto.

Antònio Zambujo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.