Anxo Rei Ballesteros, presente

Anxo Rei Ballesteros © Editorial Galaxia

Anxo Rei Ballesteros finou hai case cinco anos, o 29 de outubro de 2008. Eloxiado pola crítica e polos autores da súa xeración, é sen dúbida un autor de culto, con menos visibilidade social e menos recoñecemento do que a súa obra mereceu, pero cunha pegada indubidable da literatura galega das últimas décadas. Axóuxere Editora publica Presenza dunha Ausencia (Sobre Maurice Blanchot), un ensaio inédito do lembrado autor, falecido hai cinco anos. Na obra retoma a liña filosófica que desde a Modernidade interroga o ser humano polo feito imaxinario da súa elaboración como persoa: a literatura como expresión do ser.

O texto foi atopado entre os papeis que o escritor deixara almacenados no seu estudo e chegou até os responsables da editorial escrito a man e sen rematar. Porén, dende Axóuxere destácase que "conserva, porén, unha estraña aura, un fulgor que brilla desde o seu adentro" e cualifícano de "pequeno (humilde e imperceptible) fito no despregue da ensaística en galego". A obra parte dunha "sutil e densa meditación" sobre a obra L'espace littéraire do escritor francés Maurice Blanchot, e despois navega, a través de Michel Foucault, Georges Bataille, Shakespeare ou Goethe, nas preguntas de "Por que as persoas imaxinamos mundos, sucesos, eventos?", "Por que soñamos e transcribimos os nosos soños?" ou "Que é iso ao que chamamos Literatura?".

Anxo Rei Ballesteros foi o iniciador da novela galega contemporánea, nomeadamente a través de Dos anxos e dos mortos (1977), que marcou a fronteira entre a literatura do franquismo e a nova literatura, e Loaira (1992), segundo o crítico Xoán González Millán "un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega". O profesor Xosé M. Salgado dixo que Rei Ballesteros lle recordaba a "eses traballadores perfeccionistas que non se apuran en dar os seus textos para a publicación", de aí a súa produción limitada en cantidade, "pero a historia da literatura non pode xulgar pola cantidade".

A súa negativa a inserirse en grupos, o seu rexeitamento ao carácter institucional da literatura e o carácter rupturista da súa obra, explican a escasa visibilidade da súa produción. Nun artigo publicado en El País Suso de Toro escribíalle a Rei Ballesteros, uns días despois do seu pasamento: "e non quixeches triunfar, ti coidas que si, que quixeches. Non che é certo, Anxo, quen quixo triunfar conseguiuno. Ti non o querías de vez. Sempre fuches verdadeiro de máis, esplendidamente real. Non es quen de caer na vida simulada, viviches sen saír de ti. Nunca te puideches transformar nunha fantasma, nun dobre de ti propio".

'Presenza dunha ausencia' Dominio Público Axóuxere Editora
Anxo Rei Ballesteros © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.