Arranca a viaxe documental pola historia do teatro galego

Tuto Vázquez e María José Mosteiro, nun ensaio © O que hai que facer

Uxía é a filla de Tuto e Mariajo, actores de teatro xa falecidos, e está interesada en saber como foron aqueles anos no que os seus pais percorrían Galicia presentando funcións. Ao non poder contar xa con eles, opta por unha viaxe histórica e emocional a través dos compañeiros de profesión dos seus proxenitores. Será o xeito de explorar a historia do teatro galego daquela época, o da segunda metade do século XX, o máis recente e exitoso.

O documental xira arredor de Uxía, filla de Tuto e María José, que percorre a vida de seus pais para explicar a historia do teatro galego

Tuto e Mariajo son Tuto Vázquez e María José Mosteiro, figuras clave no teatro galego e nos que se baseará a longametraxe documental dirixida por Iago Vázquez. O que hai que facer para non ir ao mar! Unha viaxe a través do teatro galego, ese é o título deste filme que se porá en marcha o vindeiro luns 17 de febreiro ás 12 do mediodía na Sala Casa Hamlet da Coruña. Será a presentación do proxecto, a posta en marcha das gravacións do documental, ademais do lanzamento da campaña de micromecenado para o seu financiamento.

Será un traballo emocionalmente forte para o seu director. Porque Iago Vázquez é irmán de Uxía e fillo de Tuto e Mariajo. "Advertiume xente que sería duro para min porque non hai tanto que meus pais morreron e a cousa está aínda moi presente e é certo que ao principio custoume un pouco ver imaxes e lembrar cousas", explica o director dun documental que xurdiu como proxecto final dun master en produción e xestión audiovisual. "Sempre quixera facer unha homenaxe a toda esa xente que fixera teatro, sobre todo amateur, na segunda metade do século XX", conta.

Os protagonistas son antigos compañeiros de Tuto Vázquez e María José Mosteiro que repasan a súa vida nos escenarios

Tuto e Mariajo foron fundamentais naquel teatro galego e Iago Vázquez comezou a contactar con xente do sector que tivera vinculación cos seus pais, desde actores e actrices, pasando por produtores, directores ou tradutores. "Todo o mundo estaba ilusionadísimo co proxecto", destaca. Tanto o estaban, que elaborou unha listaxe da que saíron 40 posibles protagonistas da fita que tiveron que quedar primeiro en vinte e logo en doce ante a imposibilidade de abranguer tantas personaxes. "Todos mostraron a súa ilusión por colaborar", engade. Entre os elixidos, Agustín Vega, Xosé Vilarelle, Amparo Gómez, Elina Luaces, Luísa Merelas, Amalia Gómez, Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Miguel Pernas, Eduardo Alonso, Lino Braxe e Xulio Lago. E Uxía, a súa irmá, sobre a que xira a historia.

Non foi tan doado, porén, acadar financiamento. "Atopei atrancos de varias entidades e a situación é difícil pola crise". Por iso, optou polo crowdfunding, campaña que botará a andar o vindeiro luns en Verkami e coa que prevé xuntar cando menos os 8.000 euros que como mínimo precisa para iniciar un proxecto que se atopa en fase de preprodución. Tamén colaboran algunhas entidades, ben sexa achegando cartos ou material.

Tuto Vázquez e María José Mosteiro, nun ensaio © O que hai que facer
María José Mosteiro e Lino Braxe en 'Ei Freimule!' © O que hai que facer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.