Arranca o Festival de Curtametraxes de Bueu

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu comeza este luns © Ficbueu

A sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu dará comezo este luns coa proxección da fita de animación O xigante, única obra galega da sección oficial, á que seguirán outras catro cintas internacionais. Ao igual que nos días sucesivos, haberá dous pases diarios no Centro Social do Mar de Bueu, ás 20 e ás 22.15 horas, coa mesma programación e entrada de balde.

Tras O xigante, pasarase a montenegrina Sve to (Todo iso, 2012), do realizador Branislav Milatovic. Seguiranlle Sessiz-Bé deng (Silencioso, 2012), do turco L. Rezan Yesilvas, e Oma (2012), unha coprodución entre Brasil e Uruguai dirixida por Michael Wahrmann. A primeira xornada do FICBUEU2013 pecharase con Rétention (Retención, 2013), fita dirixida por Thomas Kruithof que chega desde Francia, o país máis representado no festival cun total de nove producións ou coproducións.

O FICBUEU2013 prolongarase ata o sábado, día en que se celebrará a entrega de premios

O martes 3 de setembro proxectaranse outros cinco títulos dos 25 que concursan no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. A noite abrirase con Alcoholic (Ucraína, 2013), de Yulia Gontaruk, para continuar con Les souvenirs (Francia, 2012), do cineasta Renaud Martin, e La France qui se lève tot (Francia, 2011), do realizador Hugo Chesnard. A sesión concluirá con Jimjyrt (Kirguistán, 2012), dirixida por Nargiza Mamatkulova, e Penny Dreadful (Estados Unidos, 2012), de Shane Atkinson.

O mércores continuarán os visionados con propostas basicamente europeas, mentres que o xoves haberá oco para dúas fitas africanas. O venres rematarán as proxeccións, pero o FICBUEU2013, organizado pola Concellería de Cultura, prolongarase ata o sábado, día en que se celebrará a entrega de premios. 

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu comeza este luns © Ficbueu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.