“A gran casa común creada para superar o horror da guerra, o odio entre as nacións, non é máis que unha supresión de fronteiras para o enriquecemento e o negocio sen límites dunha tropa de gángsters sen escrúpulos, mentiráns compulsivos educados nas mellores universidades para someter aos máis febles disparando democracia”. Así de claro se amosa o texto de Eurozone, a última creación de Chévere. E non é, desde logo, a única das obras presentadas nos dous últimos anos que están a reaccionar contra o enorme engano da crise. Contra os discursos que agochan a restrición de dereitos e liberdades, o afondamento das desigualdades sociais ou o desmantelamento do Estado do Benestar baixo a metáfora do “vivistes por enriba das vosas posibilidades”.
Eurozone non é antieuropeísta. Nin antipolítica. Pero si anti patrañas. “Despois do baleirado dos primeiros textos tiñamos xa a sensación de que estaba todo claro: que todo era un engano. Que a crise fora provocada polo mal uso e a mala xestión financeira, por unhas elites que se enriqueceron e que agora lle queren facer pagar a desfeita á xente”, apunta o director, Xesús Ron. “A nosa posición non é renegar de Europa, senón que esta Europa non serve. Grande parte das decisións que afectan á nosa vida diaria tómanse en Europa. Polo que temos que construír outra. Todo isto pasou porque non participamos, relaxámonos e deixámoslles facer. Estafáronnos e despois aínda viñeron apalearnos. Por iso temos que recolonizar a política, facela nosa, implicarnos nela para polo menos controlar que non chegue arriban gángsters como os que causaron o que está a pasar”, engade.
Desmontar este embuste é un dos principais obxectivos da iniciativa Cultura contra a mentira ou das mobilizacións da Plataforma das Artes Escénicas
O sector das artes escénicas foi un dos máis activos á hora de organizar a resposta ás falsidades que mutilan dereitos en nome da penitencia polos supostos excesos cometidos. Se cadra tamén porque é un dos máis afectados polos recortes que presentan como luxo o que é un dereito dos cidadáns. Desmontar este embuste é un dos principais obxectivos da iniciativa Cultura contra a mentira ou das mobilizacións da Plataforma das Artes Escénicas, parte delas realizadas, simbolicamente, fronte á Cidade da Cultura. Mais, alén das protestas neste sentido, -moi presentes tamén na última Ultranoite de Chévere-, o tema da crise e as súas consecuencias atopa reflexo directo no contido do traballo de diversas compañías.
Bo exemplo diso é a triloxía Colgados, Pisados e Snakizados de Áncora Producións. Tres logomonos ou monólogos ao revés escritos por Gustavo Pernas para denunciar a perversión da linguaxe que viste os recortes de axustes ou reformas, o perdón aos defraudadores de regularización ou a precariedade laboral de flexibilización do mercado. O actual proceso de supresión dos dereitos laborais é, por outra banda, o berce no que aniñan Currículum Vítae de Redrum Produccións e O método Grönholm, a peza de Jordi Galcerán que no último ano representou Talía Teatro. A segunda fura no que as persoas desempregadas se ven obrigadas a aturar para conseguir un traballo, nun contexto de progresivo desequilibrio de forzas entre empresario e traballador que favorece o abuso de poder por parte do primeiro. Currículum Vítae amosa, desde a comedia, o fondo de paro, precariedade e reforzo do nepotismo propios do actual panorama, ou a eliminación de dereitos provocada pola reforma laboral.
Tamén Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos, de Ibuprofeno Teatro, reflicte o sentimento de frustración, rabia e inconformidade xeneralizadas a través da historia de dous personaxes que, ao xeito da loita de David contra Goliath, tentan opoñerse desde o ámbito cotián a institucións tan difíciles de bater como o sistema banqueiro ou o consumismo como xeito de vida. A obra sitúase ademais na liña política de creacións anteriores do seu autor, Santiago Cortegoso, como 0,7 Molotov.
“O discurso do teatro sempre se torna político, mesmo cando se escolle falar de cuestións domésticas. Como din as feministas, o privado é público. Non hai teatro se non hai crise, se non hai conflito, se non hai acción”
“O discurso do teatro sempre se torna político, mesmo cando se escolle falar de cuestións domésticas. Como din as feministas, o privado é público. Non hai teatro se non hai crise, se non hai conflito, se non hai acción”, subliña o dramaturgo, actor, director e profesor Afonso Becerra. Ao fío deste argumento, pódense salientar, entre moitas outras, obras como Linda and Freddy, ilusionistas, de Teatro do Noroeste, -reflexión sobre un mundo que non valora a arte situada nun escenario postcrise, desnortado, sen imaxinación nin sentido-; ou mesmo montaxes de pezas non recentes pero que seguen de actualidade como Viaxe a ningunha parte de Fernando Fernán Gómez -representada no último ano por Sarabela-, coa súa metáfora arredor do teatro como oficio sempre en crise; ou Azos de esguello de Euloxio Ruibal, -que Espello Cóncavo está a levar a escena-, coa súa denuncia da conexión entre corrupción, construción e política.
Mais, de ter que subliñar teatro “de escárnio e maldizer” presentado nos dous últimos anos, Afonso Becerra queda, sobre todo, -ademais de con Chévere -Citizen e Eurozone- e cos logomonos de Gustavo Pernas-, co libro Banqueiros, (Laiovento), que recolle textos de Olivia Pena, Roi Vidal, Fidel Vidal, Diana Varela, Vanesa Sotelo, Henrique Rabuñal, María Xosé Queizán, Gustavo Pernas, Xosé Manuel Pazos, Zé Paredes, Manuel Lourenzo, Lois Diéguez, Ánxeles Cuña Bóveda, Santiago Cortegoso, Marica Campo, Lino Braxe, Vicente Araguas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marcos Abalde e do propio Becerra.
Francisco Pillado considera “un macabro e desafortunado eufemismo falar de crise cando en realidade estamos a ser vítimas dun calculado e programado saqueo da mafia financeira internacional para acabar de vez coas conquistas acadadas pola clase traballadora no decurso dos séculos"
O coordinador deste volume, Francisco Pillado, explica no limiar do mesmo que considera “un macabro e desafortunado eufemismo falar de crise cando en realidade estamos a ser vítimas dun calculado e programado saqueo da mafia financeira internacional para acabar de vez coas conquistas acadadas pola clase traballadora no decurso dos séculos”. Queda aínda moito 2013 por diante, e o Día das Letras é unha boa oportunidade para volver á obra do que foi un dos nosos dramaturgos máis críticos, Roberto Vidal Bolaño, cuxos textos se adiantaron a moito do que estamos a sufrir agora, e que creou ademais escola para moitos dos que viñeron detrás, como Rubén Ruibal. Tampouco hai que esquecer o traballo de Ensalle, que mantén unha das poucas salas de teatro alternativo que quedan no país.
O discurso crítico como alicerce da creación do país
“Todos os discos publicados ultimamente están marcados pola situación que vivimos. De que vas falar, se é o que ves?”, comenta Vituco Neira
Aos artistas de calquera país supónselles unha actitude crítica que, se cadra, vólvese máis visible no caso das culturas minorizadas. “Todos os discos publicados ultimamente están marcados pola situación que vivimos. De que vas falar, se é o que ves?”, comenta o membro de Ruxe-Ruxe e responsable do programa musical Planeta Furancho Vituco Neira. Mais a crítica social e política non é, desde logo, unha novidade, pois foi sempre un dos alicerces principais da música en galego, -só hai que lembrar a Voces Ceibes ou a Fuxan os Ventos-.
“Eu creo que os máis combativos están agora no hip-hop”, engade Neira, que salienta, -entre outros moitos-, grupos como Dios Ke Te Crew ou Rebeliom do Inframundo. “O hip-hop ten xa ese carácter, ao ser música de rúa, na que ademais o texto, a palabra, é fundamental”, matiza. “A música a fin de contas é arte, e non política, pero é normal que xente reaccione ante o que ten diante. Se todo fose xenial, non falariamos destas cousas. De todas maneiras, hai música cañeira en todas as linguas. O que ocorre é que, moitas veces o que máis nos chega pola radio ou pola televisión, por exemplo en español, é o máis comercial. Coa música galega non pasa isto tanto, ao moverse noutro tipo de circuítos”, pensa.
Malia que o último disco de Ruxe-Ruxe quixo afastarse un pouco da cuestión da crise, “o novo vai ser totalmente político”, asegura Vituco. A outro dos grupos máis importantes do rock galego, Zënzar, saíulle, sen pretendelo, un CD, -o último, Vaise armar-, que advirte de que todo parece a piques de estourar debido aos niveis de opresión que se están a alcanzar. “Foi algo do que nos demos conta despois, ao escoitar o disco acabado: falamos moito de control social, de escravismo laboral... Eu creo que iso da crise é un invento. En crise está a xente, que ou non ten traballo ou o ten moi precario, e ademais afixérona a un nivel de consumo innecesario. A crise é un negocio planificado, do que se benefician os que dirixen os bancos. E, claro, o rock, a música, é algo que fas non para facerte rico senón polas cousas positivas que pode achegar á túa vida persoal. É normal que fales neses termos sociais, pois trátase de ceibar o que pensas. O difícil é atopar música galega que non sexa crítica, e non que o sexa”, indica Bocixa, voz de Zënzar.
Vituco salienta os últimos traballos de Nao, Machina, Invivo, Das Kapital, Grampoder, Skandalo GZ, Skarallaos, A compañía do ruído ou O Sonoro Maxín
Mais non é só o rock ou o hip-hop. As reaccións máis directas ante as mentiras da crise e da actual fase do capitalismo financeiro poden atoparse en todos os estilos. Sen ánimo de facer un catálogo completo, e só por citar algúns exemplos representativos de distintos xeitos de entender a música, Vituco salienta os últimos traballos de Nao, Machina, Invivo, Das Kapital, Grampoder, Skandalo GZ, Skarallaos, A compañía do ruído ou O Sonoro Maxín. “Toda a música que teño arredor ten que ver con iso: Kastomä, Ruxe-Ruxe, Dios Ke te Crew, K-raxe, Gendbeat, Som do Galpom, Deseqilibrio Mental... A listaxe completa sería moi ampla”, remarca Bocixa. “Non se trata de facer panfletos, senón de dicir as cousas con intelixencia, e iso faise moi ben por aquí”, engade Vituco.