Era o mellor do tempos, era o peor dos tempos, a idade da sabedoría e tamén da loucura; a época das crenzas e da incredulidade; a era da luz e das tebras; a primavera da esperanza e o inverno da desesperación | Charles Dickens
A través deste breve artigo intentaremos amosar unha visión panorámica do estado das artes escénicas (AAEE) en Galiza. Podemos pensar que o noso país é totalmente alleo ao que ocorre no resto do Estado, mais ese sería o noso primeiro erro de base. É evidente que somos un país singularizado, cunha cultura diferenciada e cunha lingua propia, mais isto non nos afasta dos cambios globais que se produciron nos últimos tempos a nivel social, económico, político, ético, estético ou ideolóxico.
Esta falta absoluta de planificación, de visión estratéxica, provoca a situación actual: unha deriva determinada pola improvisación, pola falta de obxectivos claros
A multiplicidade de nesgos desde os que analizar o tema é innúmero, mais vou centrar o tema desde a perspectiva que mellor coñezo, a dun xestor cultural que dirixe un teatro público municipal con clara vocación de servizo público.
É certo, tal e como apunta Marcos Lorenzo1 que “No noso país, a planificación cultural é unha rareza, así como a elaboración previa de diagnósticos que xustifiquen unha política ou a posterior avaliación de resultados”.
Esta falta absoluta de planificación, de visión estratéxica e de definición da misión do sector en Galiza provoca a situación actual: unha deriva determinada pola improvisación, pola falta de obxectivos claros e definidos que orienten o futuro das AAEE na sociedade actual e na nosa contorna máis inmediata. E refírome á totalidade da cadea de valor das AAEE: xestores culturais, públicos ou privados; compañías e produtoras; distribuidores e, como non, creadores. Somos todos corresponsables da situación creada e compétenos a nós o traballo de deseñar un futuro para as AAEE en relación ao contexto e a sociedade. E na nosa realidade, a supervivencia das AAEE practicamente depende das administracións públicas.
Na nosa realidade, a supervivencia das AAEE practicamente depende das administracións públicas
De entrada temos que exixirlles aos nosos gobernantes a definición e posta en marcha de políticas culturais públicas comprometidas coa cultura en xeral e coas AAEE en particular. Políticas practicamente inexistentes ata o momento, tanto pola falta de interese na cultura, que nunca está na axenda política, como pola falta de coñecemento do ecosistema cultural e das AAEE por parte dos partidos políticos e dos seus responsables.
A política cultural debe ser a conciencia organizadora das estruturas culturais, xeralmente entendida como o programa de intervencións realizadas polas administracións públicas, institucións civís, entidades privadas ou grupos comunitarios, co obxecto de satisfacer as necesidades culturais da poboación e promover o desenvolvemento das súas representacións simbólicas. En definitiva, a política cultural produce o efecto de proporcionar instrumentos de coñecemento, recoñecemento e auto-recoñecemento.
Atendendo ao obxecto final das políticas culturais podemos facer unha dupla distinción: a patrimonialista e a do fomento da creación. É esta segunda acepción a que nos interesa analizar: como as políticas promoven a produción, a distribución e o uso ou consumo de novos valores e obras culturais.
Neste desafío entre coñecemento e organización é onde entra a figura do xestor cultural ou programador
Neste desafío entre coñecemento e organización é onde entra a figura do xestor cultural ou programador. A cerna da xestión cultural ou da dirección de calquera entidade cultural, pública ou privada, é a toma de decisións, para o cal é crucial dispoñer dunha diagnose real de todas as variábeis que directa ou indirectamente poidan influír no resultado da decisión, atendendo tanto aos factores cuantitativos como aos cualitativos. O autocoñecemento é clave para a supervivencia de calquera proxecto cultural ou escénico, pois permite reconducir ou modificar os plans segundo o grao de cumprimento das expectativas de éxito fixadas de xeito apriorístico, é dicir, o plan de actuación ou estratéxico. E neste camiño aparecen nexos propiciados polas redes ou polos circuítos, entendendo circuíto un conxunto que comprende produtores, manifestacións escénicas, distribuidores, públicos e institucións organizadoras.
Dalgún modo está instaurada a idea de que o programador/xestor cultural é un mero mediador, un facilitador entre o creador e os públicos. Porén, sabemos que o seu traballo ten un aquel curatorial, na acepción orixinal latina de curare, que significa “facerse cargo”: o xestor debe exercer labores de interpretación, documentación e divulgación das manifestacións artísticas para facelas accesibles aos públicos. O fundamento básico da programación é xerar unha experiencia artística significativa para todos os que a comparten, para o cal é imprescindible un proceso de contextualización da programación. En palabras de Kenneth Foster2:
A contextualización da representación carrexa todas as ideas, programas, proxectos e comunicacións necesarias para construír exitosamente unha conexión dinámica entre os artistas, a arte e o público.
A contextualización en AAEE implica a descuberta e selección de traballos, a contextualización da representación e o proceso da propia representación. A programación debe ser intencionada, non debe responder nunca ao azar ou a unha simple calendarización de actividades escénicas. O traballo de estudo e descuberta dun artista debe buscar a “ancoraxe na comunidade” (Lynda Gratton3), que forme parte de xeito perdurable da comunidade de referencia. Deste xeito, a acción do xestor debe centrarse na xeración do contexto, no mapeo de recursos e potencialidades dos creadores e na activación dun espazo para a reflexión e interpretación, quer dicir, un espazo teórico e crítico que á súa vez xere novas prácticas artísticas.
Xestionar, por outra banda, significa ter unha grande capacidade de liderado para conducir organizacións que funcionan en medio da diversidade de lóxicas en tensión: políticas, estéticas, técnicas, económicas e sociais, tal e como apunta Lluís Bonet4.
As administracións públicas posicionáronse como catalizador único do mercado das artes ao vivo, polo que o panorama actual é dunha febleza extrema
No traballo de acompañamento da creación e de apoio ao talento é onde xorde o maior dos problemas para un programador. Traballar con espectáculos ao vivo sempre xera moitas inseguridades: sobre a adecuación dos itinerarios programáticos, a adecuación das condicións deseñadas para a exhibición e para a eliminación de barreiras que permitan o acceso á cultura da comunidade; a procura do equilibrio entre as artes de fácil aceptación e aquelas que ten un nesgo máis minorizado; a procura dun discurso inclusivo a través da programación das artes ao vivo...
No caso galego, as administracións públicas posicionáronse como catalizador único do mercado das artes ao vivo, polo que o panorama actual é dunha febleza extrema: a crise minguou o compromiso das administracións públicas, non só no apoio á produción e circulación de creacións escénicas, senón tamén pola inexistente capacidade de apoio ao talento e á creación, aínda que na actualidade haxa algún aceno por parte dalgunhas ao involucrárense en proxectos como as Residencias Paraíso, coordinadas e curadas desde o Colectivo RPM.
A presenza de redes pódese reducir basicamente a dúas: a Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, xestionada polo AGADIC, e a Rede da Deputación da Coruña
A presenza de redes pódese reducir basicamente a dúas: a Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, xestionada polo AGADIC, e a Rede da Deputación da Coruña. Isto no significa que non haxa outras redes, mais cun carácter máis puntual e anecdótico. No primeiro caso, a mingua económica xerada polo sucesivos recortes sufridos por parte da administración autonómica para a cultura deixaron en fase terminal este circuíto. No segundo caso, hai unha clara falta de determinación á hora de definir un circuíto no que conviven na mesma plataforma as actividades escénicas profesionais coas non profesionais, e na que, ata non hai moito, era de obrigado cumprimento facer as actividades con carácter gratuíto, fonte de clara discusión á hora de determinar unha acción cultural municipal.
O sistema de produción está fragmentado. En ocasións responde á necesidade imperiosa dos egresados da escola de arte dramática con afán de buscar unha saída para a realización artística e profesional e nun medio hostil e sen ningunha capacidade de absorcións de novos valores; pola contra, son poucas as unidades de produción que prevalecen no tempo e que teñan unha actividade suficientemente normalizada, aínda que tamén existen.
Podemos resumir a situación teatral na proliferación de compañías sen ningunha traxectoria contrastada e cun futuro máis ca dubidoso nun mercado hostil e sen capacidade económica
A circulación de espectáculos no país e a súa proxección cara ao exterior é totalmente deficiente. A proxección exterior por parte dos creadores limítase a un anecdotario de proxeccións de artistas a título individual, e case sempre dependendo da disciplina na que traballen. As compañías que conseguen saír son as menos, traducir unha peza é custoso e moitas veces non compensa o investimento con respecto á amortización que esta poida chegar a ter no mercado alén Galiza.
Se nos detemos na análise por disciplinas podemos resumir a situación teatral na existencia de poucas estruturas con capacidade de resiliencia, na proliferación de compañías sen ningunha traxectoria contrastada e cun futuro máis ca dubidoso nun mercado hostil e sen capacidade económica, e cunha absoluta falta de compromiso por parte dos distintos axentes pola innovación, experimentación e creación dun corpus teatral propio, sexa cal sexa ámbito (interpretación, dirección de escena, dramaturxia, etc.).
O mundo da danza redúcese a unhas cantas compañías con nula capacidade de supervivencia
O mundo da danza redúcese a unhas cantas compañías con nula capacidade de supervivencia a través do mercado nacional e con algunha incursión no panorama estatal e internacional; de novo proliferan os solos de danza ou espectáculos nos que a aposta é case individual e dun grande grao de voluntarismo. O novo circo é case residual, con poucas unidades de produción en todo o país con certa solvencia e algunha manifestación puntual e case individual. Por último, os monicreques e as producións infantís posúen máis capacidade de supervivencia pero a custa de traballar en condicións demasiado afastadas da dignidade profesional.
Un Centro Dramático Galego, tocado de morte e sen capacidade para reaxir ás necesidades do momento por falta de implicación, sobre todo orzamentaria, por parte da administración autonómica
Por último, non debemos esquecer un axente clave e decisivo na historia das AAEE de Galicia, as unidades de produción oficiais: un Centro Dramático Galego, tocado de morte e sen capacidade para reaxir ás necesidades do momento por falta de implicación, sobre todo orzamentaria, por parte da administración autonómica da que depende, e cun modelo con necesidade perentoria de ser definida polo sector (carencia histórica) para que responda ás necesidades deste. Por outra banda, o Centro Coreográfico Galego, cuxa existencia activa non foi máis ca unha verdadeira miraxe, hoxe vive na máis absoluta inanición e unicamente se soporta como estrutura sen ningún proxecto que lle dea sentido.
Se ollamos para as plataformas de proxección das AAEE en Galiza e cara ao exterior, o panorama non é máis alentador. Galicia Escena Pro, a modo de feira de AAEE, non responde nin ás necesidades dos creadores do país nin ás necesidades da maioría dos programadores galegos; nin se nos acorda falar da presenza de programadores foráneos, pois iso suporía unha valente redefinición da plataforma contando compañías foráneas, á que o sector non está disposto, optando polo endémico minifundismo na produción das AAEE galegas. O proceso de profesionalización, dada a precariedade do sector, é unha entelequia de dubidoso alcance tendo os propios creadores que encarar roles totalmente alleos ás súas responsabilidades como axentes activos do sector, véndose obrigados a constituírse como empresarios e realizando todo tipo de labores empresariais, cousa para a que non están preparados nin é desexable para un sector saneado.
Os xestores sofren continuas inxerencias por parte de políticos que non atinxen a discernir cal é o seu papel
Se ollamos cara a outros axentes atopámonos cunha fotografía ben similar. Os xestores, unha profesión inexistente ata hai ben pouco, son case invisibles para o resto da sociedade. En xeral padecen eivas importantes, tanto no que atinxe á formación e capacitación profesional como nas continuas inxerencias que sofren por parte de políticos que non atinxen a discernir cal é o seu papel, asumindo tarefas técnicas que nin saben abordar nin lles corresponden. Por outra parte, a definición poliédrica do rol do programador/a é tan grande que é imposible unha especialización suficiente que nos permita elaborar plans a longo prazo con obxectivos concretos para as artes ao vivo para alén da mera improvisación e da resposta inmediata ás necesidades perentorias do momento.
O corpus teórico e de prensa especializada redúcese a unha tímida, aínda que renovada, revista de teatro e algún que outro blog e artigo solto na prensa xeneralista, todo anecdótico, moi afastado dunha situación normalizada.
Galiza é un país que conta cunha gran capacidade creadora e con moito talento. É isto o que nos ten que alentar para formular un futuro mellor
A fotografía non é moi alentadora, mais vivimos nunha sociedade baseada no coñecemento e que muda a grande velocidade e se organiza en redes, ou en redes de redes. Galiza é un país que conta cunha gran capacidade creadora e con moito talento, é unha sociedade que ten múltiples manifestacións e organizacións de carácter cultural e das AAEE; amadores, comunitarios, profesionais, etc. É isto o que nos ten que alentar para formular un futuro mellor, que sen dúbida é posible apostando por uns poucos obxectivos alcanzables e que lle infiran algo de sentido a un sector desestruturado e sen rumbo certo. Deste modo, podemos apuntar como urxente un plan real para a as AAEE en Galiza como instrumento que guíe e estruture de xeito flexible unha senda do sector e que responda ás súas necesidades.
Un futuro mellor é posible apostando por uns poucos obxectivos alcanzables e que lle infiran algo de sentido a un sector desestruturado e sen rumbo certo
De xeito corresponsable e coa mirada no futuro debemos formular as seguintes ideas:
- Apoiar, desde todos os axentes, a creatividade e o talento, ofrecendo a posibilidade de realización profesional aos creadores consolidados e apoiando aos novo valores.
- Xerar e mellorar as condicións de traballo, de todos os axentes que integran a cadea de valor das AAEE, fortalecendo o traballo en rede e formulando unha proxección tanto no contexto inmediato, como no estatal e no internacional. Non esquezamos o veciño Portugal, un país co que temos máis cousas que nos unen que cousas que nos separan.
- Propiciar a chegada de novos públicos ás AAEE e fidelizar os que xa participan de xeito proactivo. E neste caso temos claros exemplos de boas prácticas que están tendo resultados máis ca positivos. Por coñecemento de primeira man menciono o proxecto de Programación Expandida que se está a realizar na Coruña desde o Teatro Rosalía Castro desde hai xa cinco anos acompañando o ciclo TRC-Danza.
- Impulsar a creación dun corpus de reflexión, documentación e debate, pois compartir o coñecemento é o que nos fai fortes e nos permite afianzar proxectos que enraícen na comunidade.
- Por último, priorizar na axenda política a cultura e as AAEE establecendo un compromiso real e poñendo os recursos necesarios por parte da administracións competentes na materia.
Notas
- Lorenzo, Marcos, “As políticas culturais en Galicia” en Revista Grial (2017).
- Foster, Kenneth J., La programación de las artes escénicas. De la teoría a la práctica. Consejo Nacional para la Cultura y las Artes. México D.F. 2008.
- Gratton, Lynda: Desarrollar resiliencia en un mundo frágil. Harvard Deusto, Business Review. 2017
- Bonet, Lluís &Héctor Schargorodsky, La gestión de teatros: modelos y estrategias para equipamientos culturales. Quadernos Gescénic, 2016.