Artistas retiran obras da Fundación Luís Seoane en protesta pola destitución da directora

Oco deixado polas obras retiradas por Pillado Dominio Público Praza Pública

Varios cidadáns concentráronse esta mañá na Fundación Luís Seoane para rexeitar a destitución da súa directora, a ex concelleira socialista Silivia Longueira, e que lle foi comunicada pola edil de Cultura do Concello da Coruña de forma verbal, á espera de que sexa ratificada polo padroado da institución. Ademais, propietarios de coleccións privadas que compoñen a exposición que actualmente se pode ver no museo decidiron retirar as súas obras en forma de protesta.

Así, Francisco Pillado acudiu nesta mañá de mércores á Fundación para retirar dous dos cadros da súa propiedade, obras do propio Luís Seoane, que formaban parte da exposición e que xa non se atopan nas paredes do edificio dedicado ao artista na Coruña, que xunta desde o pasado mes de abril varios lenzos cedidos por 22 prestadores particulares. As obras -unha sen título e outra denominada Sorpresa- foron descolgadas da parede polo propio Pillado, que lembrou que eran "un agasallo persoal" do autor e aclarou que facía este xesto "como protesta" pola marcha de Longueira.

"Non me gusta o que fixeron; non coñezo os motivos da destitución, pero non me estraña se a idea parte do Concello da Coruña", di Pillado

"Tiña que retirar os cadros porque non me gustou o que fixeron. Non coñezo os motivos [da destitución de Silvia Longueira] pero non me estraña nada se a decisión chega desde o Concello da Coruña, que semella ter outras prioridades como Millán Astray. Non lles preocupa Luís Seoane, que está nas antípodas ideolóxicas de quen está na Administración local", asegurou Pillado.

Mentres, a aínda directora da Fundación non quixo entrar en polémicas e limitouse a asegurar que cumpriu coa petición dos propietarios das obras e que ela só é "unha humilde traballadora". Outro artista, Lino Braxe, tamén anunciou a súa intención de retirar catro obras da súa propiedade cedidas ao museo, aínda que a responsable prefire agardar a que sexa el mesmo quen solicite de maneira formal a retirada dos cadros e que envía unha persoa para o que faga ante os problemas de mobilidade do actor e escritor.

Silvia Longueira deixará a dirección da Fundación Luís Seoane, segundo decidiu a concelleira de Cultura, Ana Fernández, que lle comunicou que a destituiría. Desde o Concello asegúrase que esta decisión só vén provocada pola intención de darlle "unha nova velocidae" á institución e negan que haxa motivos ideolóxicos detrás. No entanto, iso non é o que pensan voces achegadas á aínda directora, que ven neste cesamento das súas funcións unha "persecución" da que fora concelleira socialista no anterior goberno municipal, razón pola que solicitara unha excedencia de tres anos á fronte do museo.

Actualmente, a Fundación conta con obradoiros de 35 artistas da cidade, outro sobre o universo de Luís Seoane a través da lingua de signos, e cursos de arte contemporáneo e arquitectura, entre outros.

Oco deixado polas obras retiradas por Pillado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.