Artur Trillo: “Non somos optimistas sobre o futuro da Mostra de Teatro de Cee”

Artur Trillo © Talía Teatro

O vindeiro agosto celebrarase a 25ª Mostra de Teatro de Cee, cuxa organización recae en Talía Teatro. Non obstante, a efeméride chegará en pleno verán tinguida de incerteza de cara ao futuro, xa que podería ser a última vez que a compañía a leve a cabo. “Non somos optimistas sobre o futuro da Mostra de Teatro de Cee”, admite ás claras o actor e director Artur Trillo, un dos máximos impulsores desta iniciativa cultural que, dende 1988, enche a localidade coruñesa de funcións teatrais.

As circunstancias económicas, a falta de apoio institucional e mesmo certo cansazo despois de tantos anos poderían desembocar na clausura da mostra. En Talía Teatro levan tempo dándolle voltas ao asunto e poderíase tomarse unha decisión “drástica”, en palabras do propio Trillo. “Esta non é a situación idónea, non o temos aínda seguro e non queremos tomar unha decisión tan drástica, pero non somos optimistas. Realmente é difícil ser optimista con calquera proxecto cultural”, confesa.

A organización da mostra recae nos membros da compañía e dende hai meses reflexionan ao redor do futuro. A difícil situación que atravesan as administracións públicas esperta interrogantes que se teñen moi en conta na organización da mostra. “Que non a apoie a Deputación da Coruña? Vale. Pero que non a apoie o propio Concello de Cee non é comprensible”, explica Trillo, quen ademais admite que se arrastran facturas por pagar por parte das administracións dende o ano pasado. “Si, claro que hai atrasos de 2011. É unha circunstancia que coñecemos e resulta insostible. Ti pides unha axuda, pero hai que adiantar os gastos. Tes que pagar primeiro, tes que xustificar os gastos e despois, págancho. Realmente este modelo non é sostible”, sinala o intérprete e director teatral, que insiste en que non hai aínda unha decisión tomada, pero que o futuro preséntase “moi difícil”. “Non sei que pasará”, sinala Trillo, quen mesmo recoñece que se fose só por el, “tomaríase a decisión de parala”. Non obstante, todo dependerá do que se decida na compañía.

Sobre a cita deste ano, aínda hai pendentes reunións co Concello de Cee para determinar como será a súa dimensión e o seu orzamento. Até agora, o único que parece estar decidido é que este ano haberá, en calquera caso, Mostra de Teatro en Cee. “Vaina haber, aínda que sexa cun só espectáculo de Talía”, sentencia Artur Trillo. A data de inicio na que se pensa é o 19 de agosto. “Non hai data fixa, pero a idea sería comezar ese sábado de agosto. Iso falámolo xa no concello”, explica o actor, quen tamén lembra que o modelo ideal que se querería manter é o que se está a levar dende hai varios anos. “Na 17ª edición creouse un sistema de programación de catro funcións ao día. Esa é a estrutura que queremos, e a que quereríamos seguir facendo. Iso é o que é unha mostra”, admite Artur Trillo.

 

“Balance positivo”

Realmente é difícil ser optimista con calquera proxecto cultural”, confesa

A Mostra de Teatro de Cee celebrouse por vez primeira en 1988. Dende aquel momento, o municipio coruñés contou cada verán cunha mostra que foi medrando até chegar ao modelo actual, con catro funcións diarias e a participación das compañías máis destacadas da escena galega. A mostra naceu ao tempo que Talía Teatro, compañía que se converteu en profesional en 1996 e que o vindeiro ano cumprirá 25 anos de andaina. “A compañía e a mostra naceron xuntas. En xullo de 1998 celebrouse a primeira mostra e Talía formouse neses días. A primeira montaxe do grupo estreouse no certame”, rememora o director teatral.

Nun primeiro momento a organización do evento recaeu nunha asociación cultural que levaba o nome de Domingo A. de Andrade, histórico arquitecto da Berenguela nado en Cee. “A asociación fundáraa un cura con inquedanzas culturais e que realizou moitas actividades”, explica Trillo.

Entre esas actividades, destacaba a Mostra de Teatro, cuxa organización correu a cargo da citada asociación até 1992 coa participación de Talía. Nese ano, a organización comezou  a depender da compañía até este 2012, na que os membros do grupo meditan a posibilidade de abandonar a organización. Para Trillo, o saldo de todos estes anos é satisfactorio. “O balance é moi positivo, con gran afluencia de público. Os inicios foron duros, eu tiña 18 anos cando comecei con todo isto”, recorda Trillo, quen asegura que nestes anos houbo unha “loita continua” coas administracións. “Foi un evento irregular porque as axudas foron case sempre escasas ou nulas”, sinala.

A decisión aínda non está tomada, mais Talía Teatro podería deixar de organizar este destacado evento teatral. Xa na presentación da edición do ano pasado, segundo recolleu a prensa local, o director da Mostra de Cee aseguraba que a programación estaba “feita en precario” e que o que se ofreceu ao público non era o que se quería. Trillo mesmo chegou a sinalar que non sabía “se o esforzo pagaba a pena”. Esa dúbida segue enriba da mesa e nas próximas semanas, e dependendo das circunstancias, o grupo teatral podería decidir liquidar na súa 25ª edición a mostra tal e como se coñeceu até o momento. “Se se perde esta mostra, eu sería a persoa deste mundo a quen máis lle doa”, conclúe Artur Trillo.

Artur Trillo © Talía Teatro
Pelos na lingua Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.