As artes escénicas critican a escolla do novo director de AGADIC, sen experiencia na xestión cultural

Jacobo Sutil Dominio Público Praza Pública

133 días, case cinco meses, é o que a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) estivo sen director. Así o marca un contador que se puxera en marcha nunha web creada ad hoc. O sector levaba meses reclamando que a Xunta nomease o substituto de Juan Carlos Fasero e este xoves o Consello da Xunta aprobou o a designación de Jacobo Sutil. E quen é Jacobo Sutil? Pois esa é a primeira pregunta que se fixeron os profesionais da cultura galega, pois Sutil carece de experiencia neste eido. É licenciado en Ciencias Empresariais e realizou o MBA da Escola de Negocios Caixanova e o Máster en Dirección Financeira da Cesma Business School. Si ten experiencia noutros campos, coma o da construcion, pois entre 1998 e 2011 traballou na construtora San José.

Salvador del Río: "para ese posto requírese alguén con perfil de xestor cultural, alguén que teña criterio cultural, e nos tempos que corren necesítase a alguén cun certo peso político, con capacidade de tomar decisións"

Salvador del Río, presidente de Escena Galega, lamenta a súa falta de contacto co mundo da cultura e tamén a súa "falta de perfil político", necesario ao seu xuízo para resolver a situación na que se atopan as industrias culturais galegas e sobre todo as artes escénicas, en grave risco pola paralización da xestión da Consellaría: "para ese posto requírese alguén con perfil de xestor cultural, alguén que teña criterio cultural, e nos tempos que corren necesítase a alguén cun certo peso político, con capacidade de tomar decisións". Tamén critica que os representantes do sector tivesen que coñecer a nova polos medios de comunicación, cando na tarde deste mércores mantiveron unha xuntanza co propio conselleiro Jesús Vázquez, "na que non se nos dixo nada e na que a impresión que nos quedou a todos é que o nomeamento ía tardar aínda unhas semanas". Del Río considérao "unha falta de respecto".

Anuncia que de inmediato solicitarán unha entrevista co no responsable de AGADIC para tentar reconducir a situación: "xa vai un trimestre perdido e só agora, tarde e mal, convócanse unhas redes de distribución moi mermadas. Pero á marxe diso hai que falar das axudas á creación, que están completamente no aire". 

Del Río considera "moi decepcionante" a xuntanza que mantiveron este mércores con Jesús Vázquez

Del Río considera "moi decepcionante" a xuntanza que mantiveron este mércores con Jesús Vázquez: "repetiunos que a culpable é a crise económica, pero nós non protestamos tanto contra os recortes coma contra o aproveitamento que se fai dos recursos dispoñibles". E conclúe: "e sobre todo pedimos que non se destrúa o que custou tantos anos erguer".

Jacobo Sutil Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.