Este xoves publicouse no DOG a convocatoria de axudas ás industrias culturais que todos os anos realiza AGADIC. O orzamento en 2012 será de 1.290.000 euros, inferior aos 1.370.000 euros do 2011 e moi lonxe dos 2.100.000 de 2010. As subvencións á actividade escénica levan a parte máis importante da convocatoria, con 700.000 euros (cun importante descenso dende os 850.000 do pasado ano). Si se incrementan, en cambio, as axudas á distribución, con 450.000 euros, 150 mil máis que o pasado ano. A asociacionismo profesional, que non recibira nada en 2011, optará a 60.000 euros, e as salas de teatro privadas chegarán a 70.000.
Actividade escénica | Distribución | Salas Privadas | As. Profesionais | Outros | TOTAL | |
---|---|---|---|---|---|---|
2008 | 1.240.000 | 380.000 | 200.000 | 110.000 | 190.000 | 2.120.000 |
2009 | 1.450.000 | 385.000 | 200.000 | 110.000 | 130.000 | 2.075.000 |
2010 | 1.450.000 | 380.000 | 160.000 | 90.000 | 190.000 | 2.100.000 |
2011 | 850.000 | 300.000 | 80.000 | - | 120.000 | 1.370.000 |
2012 | 700.000 | 450.000 | 70.000 | 60.000 | 10.000 | 1.290.000 |
Axudas ao audiovisual
O Documento Oficial de Galicia tamén publicou este xoves a convocatoria de axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega. En total, son 2'9 millóns de euros, unha contía igual á da convocatoria do pasado ano, pero moi inferior aos 4'9 millóns euros de 2010. Estas subvencións cobren a fondo perdido até o 50% do investimento das producións. Os e as interesadas en recibir estas axudas disporán dun mes a partir para presentar a súa solicitude.
Segue sen saberse se neste 2012 haberá de novo unha convocatoria para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, como noutros anos. No 2011 o AGADIC destinou 150 mil euros a esta partida, destinada a financiar escritas de guións, curtametraxes en soporte dixital, curtametraxes experimentais e longametraxes en soporte dixital. Tampouco se publicaron, polo de agora, as outras liñas de axudas: desenvolvemento de proxectos (200 mil euros no 2011), contidos interactivos (210 mil) e curtametraxes e videoclips (115 mil)