As boirenses Agoraphobia, premio do xurado do I Concurso SonRías Baixas

Agoraphobia © Praza Pública

Son 5, son mulleres, son novas e son de Boiro. Agoraphobia fíxose co premio do xurado no I Concurso SonRías Baixas, o que lles permitirá actuar no XII Festival SonRías Baixas, que terá lugar os días 2 e 3 de agosto en Bueu, xunto a bandas de referencia como os británicos The Toy Dolls, os italianos Talco, os madrileños Boikot ou Rulo e La Contrabanda. As Agoraphobia impuxéronse ás outras bandas finalistas: Qué Desilusión!, Fei, Ke+Da, La4Pared, Malkeda, La Banda de Andrelo, Ítaca Band e Skarallaos.

Tamén actuará no SonRías a banda pontevedresa de metalcore melódico Vortex, gañadora do Premio Son Radio Galega. E, en vista da enorme implicación do público, que apoiou esta primeira edición do concurso votando masivamente na páxina do Facebook do Festival, a organización decidiu crear ademais un accésit para a banda máis votada e ofrecerlle ao grupo pontevedrés de rock Qué Desilusión! a oportunidade de actuar na festa de apertura do SonRías, a Troula Benvida, o xoves 1 de agosto no Aturuxo de Bueu.

Agoraphobia naceu hai sete anos, cun nome que homenaxea aos estadounidenses Incubus e unha condición inalienable: que todas as integrantes do grupo foran mulleres. Co tempo, evoluiron dende as versións de clásicos do punk e do rock aos temas propios, gravaron a súa primeira maqueta autoproducida, Mentir y Gobernar, e foron entrando e saíndo ata chegar á formación definitiva: Susana (voz e percusión), Aislinn (guitarra), Sabela (guitarra), Lucía (baixo) e Paula (batería). Os cambios na composición do grupo troixeron aparellados cambios no estilo ata que a banda chegou á mestura de rock, indie e garage que hoxe a caracteriza, con trazos de artistas como Blondie, The Bangles, Jet o Les Plasticines.

Concerto de Agoraphobia © TrespésProducións
Agoraphobia © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.