As Irmandades da Fala, un movemento que non se pode entender sen o seu contexto internacional

Membros da Irmandade da Fala de Betanzos indo cara ao concello, 1918 © Arquivo Municipal de Betanzos

O Consello da Cultura Galega vén de publicar 'As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas', unha obra que en máis de cincocentas páxinas explica o movemento de forma comparada, situándoo no seu contexto histórico e internacional, desde a perspectiva peninsular, europea e a dimensión americana da diáspora. 

A obra explica o movemento das Irmandades da Fala de forma comparada, situándoo no seu contexto histórico e internacional

Entre 2016 e 2018 o CCG celebrou tres congresos co obxectivo de situar o movemento das Irmandades da Fala no seu contexto internacional. Agora esta publicación recolle os principais traballos e achegas presentadas nesas citas. Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Máiz foron os coordinadores destas citas e tamén da obra que xunta as principais contribucións. Os tres participan nunha conversa, que foi gravada previamente, para dar conta da relevancia do movemento.

Na obra Xosé Manoel Núñez Seixas analiza a recepción e influxo na evolución dos movementos nacionalistas da Europa occidental dos novos principios políticos relativos á cuestión das nacionalidades que foron espallados durante o conflito por parte dos bandos contendentes, con especial atención á "miraxe wilsoniana" e mais á difusión do novo concepto de autodeterminación nacional, fusión da autodeterminación liberal como consentimento dos gobernados e do principio das nacionalidades.

Bandeira das Irmandades da Fala de Betanzos. 1916 © http://galicia100.consellodacultura.gal/

O volume está dividido en tres seccións, que respectan a estrutura e denominación dos diferentes congresos, e conta coa participación de historiadores, politólogos e lingüistas, como son Johannes Kabatek, Joep Leerssen, Justo Beramendi, Isabel Burdiel, Borja de Riquer, José Luis de la Granja Sainz, Alfonso Iglesias Amorín, Henrique Monteagudo, Emilio Xose Ínsua, Raúl Soutelo, Carlos Pazos-Justo, Pilar Cagiao e os tres coordinadores.

O volume analiza en primeiro lugar o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial e os seus efectos, abranguendo debates teóricos e sociais, a súa mobilización e as súas perspectivas culturais

O volume analiza en primeiro lugar o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial e os seus efectos, abranguendo debates teóricos e sociais, a súa mobilización e as súas perspectivas culturais. Ademais, achégase ao tema desde diferentes escalas, mesturando a perspectiva global e transnacional coa vista desde abaixo, dende os contextos locais, con particular atención ás zonas periféricas. En segundo lugar, revisa o contexto peninsular, tanto español como portugués, que arrodeou o seu xurdimento, centrado nos postulados rexionalistas de Emilia Pardo Bazán e as estratexias das forzas nacionalistas vasca e catalá. 

Por último, a publicación afonda nas dimensións atlánticas e diaspóricas do emerxente nacionalismo galego que permitiu ver a pegada en Cuba, no Uruguai, en Lisboa e noutros territorios. Neste senso empréstase especial atención ás modalidades de interacción entre os migrantes e as reivindicacións culturais e políticas dos nacionalismos nas súas terras de orixe, e incidindo en que a relación non ha verse como unha exportación de ideas e modelos dende a metrópole ás comunidades da diáspora, senón como unha transferencia que opera nas dúas direccións. Así, aplica esas reflexións ao caso concreto da potente comunidade galega na Arxentina, que se convertería dende comezos dos anos vinte nun sobranceiro apoio externo, referente político nalgúns sensos e fornecedor de líderes para o movemento galeguista

O Álbum de Galicia acolle un conxunto de biografías dalgúns dos membros máis destacados das Irmandades da Fala © CCG

A publicación pódese consultar no especial web sobre as Irmandades dende o que tamén se pode acceder ás biografías dalgúns dos membros máis destacados do movemento, existentes no Álbum de Galicia

A publicación pódese consultar no especial web sobre as Irmandades creado polo Consello da Cultura dende o que tamén se pode acceder ás biografías dalgúns dos membros máis destacados do movemento, existentes no Álbum de Galicia. Ademais, ofrécese a análise da única bandeira conservada das Irmandades, pertencente ás Irmandades da Fala de Betanzos, e que formou parte da exposición Galicia 100.

Hai uns meses tamén se presentou o volume en inglés The First World War and the Nationality Question in Europe Global Impact and Local Dynamics, coordinado por Xosé M. Núñez Seixas, editado pola prestixiosa editorial Brill, e que permite trasladar este coñecemento ao público internacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.