A 12ª edición das Xornadas Literarias, organizadas polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, estarán dedicadas este ano ao autor italiano Alessandro Manzoni. O encontro celebrarase do 23 ao 25 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro e contan tamén coa colaboración da Embaixada de Italia en España e o IES Fernando Esquío.
As xornadas abriranse o día 23, ás 20 horas, no campus de Ferrol, cunha conferencia de Giovanni Albertocchi, que falará da relación entre o escritor e a poética da verdade. Nos días seguintes as xornadas trasládanse á Casa das Palmeiras de Neda. O xoves, ás 20:00 horas, falarán Giovanni Albertocchi (“Os noivos: a construción da novela histórica”) e José Manuel Sande, programador do CGAI (“Manzoni no cine”). A xornada inclúe a proxección do filme I promesi sposi, dirixido por Mario Camerini en 1941.
O venres, ás 20:00 horas, o clube de lectura do IES Fernando Esquío renderá tributo a Alessandro Manzoni. Ademais, intervirá Xavier Rodríguez Baixeras, que falará sobre "Algúns aspectos en torno á traducción galega de Os noivos”. Para rematar, os músicos Enrique Agrelo (violinista) e Andrés Pazos (pianista) ofrecerán un concerto de clausura con música italiana do século XIX.
O encontro literario coorganizado polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da UDC estivo dedicado en anos anteriores a autores como Julio Cortázar, Marcel Proust, Fernando Pessoa, William Faulkner, Fiódor Dostoievski, Franz Kafka ou Virginia Woolf, abranguendo a maior parte das grandes literaturas europeas, até chegar a este ano, consagrado ás letras italianas. En cada edición contaron coa participación de expertos académicos galegos e doutros países, así coa de escritores e tradutores, e actividades complementarias relacionadas co cinema e a música, así como coa participación do alumnado do clube de lectura do centro de ensino local.
Alessandro Manzoni foi un escritor, poeta e dramaturgo italiano da época da Romanticismo. É coñecido sobre todo polo seu novela histórica I promessi sposi (Os noivos), ambientada entre 1628 e 1630 en Lombardía, e publicada en galego por Galaxia. Aínda hoxe está considerada unha referencia básica dentro da literatura italiana e na fixación dun canon para esta lingua.