“Ás veces é a historia a que parece que non cambia e a natureza a que se transforma”

Daniel Salgado, poeta e xornalista © Hilda Carvalho

O último libro de Daniel Salgado, 'Os paxaros e outros poemas', está atravesado por tensións non resoltas entre a historia e a natureza ou a política emancipadora e o capital

Os paxaros e outros poemas (Xerais) é, como todos os poemarios de Daniel Salgado, un libro atravesado por tensións non resoltas. Desta volta, unha relaciona a transformación incesante da historia cunha suposta –que se revela falsa- inmutabilidade da natureza. Outra é o “marasmo da política emancipadora fronte á hiperactividade do capital”, co mundo do traballo e a organización de clase, “as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente” de fondo. O autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

Comeza o libro cun poema sobre a realidade que se nos escapa, sobre a humildade da materia que nos vence. Por que? 

O poema, titulado Oración, e os tres poemas da sección final -Coda- funcionan dalgunha maneira en paralelo. Poden lerse como mapa, sumario ou caixa de ferramentas. Ou como todo o contrario. En todo caso, o último verso de Oración -“Vence, digamos, a humildade da materia”- é un verso nuclear para o libro e os seus significados.

Na parte titulada ‘Os paxaros’ están presentes -en realidade, en todo o libro- distintas especies de paxaros. E a voz poética fala de como interromper a ética da aceptación. Da ignorancia sobre o proceso histórico. Coma Dos tempos sombrizos, remite a unha sensación de fracaso, a unha, quizais, parálise da loita de clases, cunha clase obreira en proceso de desintegración. Que ten que ver Os paxaros e outros poemas con isto?

Os paxaros e outros poemas foise construíndo nun intre que eu percibo como de restauración de certa orde cuestionada tras os sucesos históricos acontecidos entre 2008 e 2012. Ese foi o medio ambiente en que escribín estes poemas. A maiores, neles respira unha conciencia da longa duración histórica. Aí talvez entren consideracións sobre o mundo do traballo e a organización de clase, as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente. Pero máis que a temática do libro, entendo que eses son elementos do medio ambiente en que o escribín e que tal vez emerxen nos poemas.

Capa d'Os paxaros e outros poemas, de Daniel Salgado (Xerais) © Xerais

Por que tanta presenza dos paxaros?

Os paxaros que aparecen no libro -paxaros comúns, que se poden ver en calquera lugar do país- son os paxaros que observaba desde a fiestra do cuarto onde traballei en boa parte dos textos. Provocaron os poemas.

Dos tempos sombrizos representaba, dentro da túa poesía, un intento máis narrativo, cunha linguaxe con menos ambigüidades. Seguramente a túa intención en Os paxaros era seguir pola mesma senda. É así? 

“Se noutros libros, a linguaxe máis tensada, como ti dis ambigua, recollía, ou encarnaba, certa confusión da época, agora pretendín opoñer algo así como unha clareza”

Si, é certo, aínda que, tal e como eu o vexo, o intento de Dos tempos sombrizos nese sentido era aínda incompleto. Ou polo menos, máis incompleto que nos Paxaros e outros poemas. Se noutros libros, a linguaxe máis tensada, como ti dis ambigua, recollía, ou encarnaba, certa confusión da época, agora pretendín opoñer algo así como unha clareza. Preocupábame saber a (miña) razón detrás de cada verso. Imaxino que as lecturas e relecturas que me acompañaron mentres escribía este poemas tamén contribuíron a empurrar a escrita nesa dirección: os últimos libros de Eugenio Montale, Anne Sexton, Tempo de ría, unha pouco disimulada obsesión con Seamus Heaney... 

En O acivro e o cristal, que abre a segunda parte do libro, a preguiza histórica imponse e “a insurrección volve adiarse”. Varios dos teus libros anteriores nomeaban a fin dunha etapa histórica. Un tempo de caos, de transformación, que non se sabía se ía traer avances ou retrocesos. Queda neste libro máis claro por onde foi o proceso histórico? 

Entendo que esta pregunta está directamente relacionada coa segunda. Hai un medio ambiente histórico e político que é no que se escribiron os poemas do libro e que ás veces emerxen na propia materialidade dos textos. Saber por onde está a ir o proceso histórico é algo que excede con moito as competencias dos Paxaros e outros poemas. Que, como dicía antes, é tamén produto das dificultades para ler politicamente o presente en sentido emancipador.

Outra característica dos teus poemarios é a consciencia de seres home branco, co que iso implica en termos de dereitos. En ‘Os diarios de Joe Orton’, un home branco que foxe da opresión benefíciase dela, dalgunha maneira, e segue a facelo ao voltar ao seu país, onde forma parte dos subalternos. É un xeito de tratar as contradicións da clase traballadora. De que xeito esta consciencia está presente neste libro? 

Non sei se Joe Orton encaixaba exactamente no que se entende por clase traballadora. Tal e como eu o vexo a partir dos seus diarios, era un escritor diso que no seu día se chamou bohemia, con gusto por escandalizar a burguesía e certa tendencia ao sensacionalismo. O poema trata, efectivamente, sobre as contradicións e como estas nos conforman de maneira decisiva. Entendo, por relacionalo coa túa pregunta, que a consciencia do existente é sempre importante, e non sempre doada de delimitar. Hai, finalmente, certa opacidade no que somos.

E de súpeto estala a violencia das cousas,/ imparábel/ na presente organización da vida”, di Trieste. Onde todo parece dunha quietude abafante, imponse a violencia do real, que se expresa a través do cotián porque, como di o poema seguinte, “o capital desprégase contra os corpos”. De que xeito a consciencia diso atravesa este libro? Por iso esa atención ao matérico, o pequeno: un paxaro, unha planta…?

“O libro intenta rexistrar de que xeito a historia se inscribe nos corpos, na realidade concreta das cousas” 

Os paxaros e outros poemas é un libro atravesado de tensións non solucionadas. Unha é a que relaciona a transformación incesante da historia -e polo tanto a posibilidade do cambio histórico- e a suposta inmutabilidade da natureza, algo que o proceso de escritura dos poemas me desmentiu. Outra atópase no que sinala a túa pregunta: o marasmo da política emancipadora fronte á hiperactividade do capital. Ao mesmo tempo, intenta rexistrar de que xeito a historia se inscribe nos corpos, na realidade concreta das cousas. 

Daniel Salgado, nunha imaxe de arquivo © Anxo Iglesias

Volve tamén, como en libros anteriores teus, o tema tan presente na poesía actual da consciencia das limitacións da palabra poética. Ningunha figura retórica, di un poema, se achega ao agromar perfecto dun simple tomate, e a lama, di outro, non é poesía pura. A que apunta este libro, respecto a iso?

Máis que consciencia de limitacións da palabra poética -algo que non sabería moi ben en que consiste-, falaría de certa percepción, de certa sensación, dos límites da linguaxe. Dalgunha maneira, é un tópico presente na poesía desde polo menos o romanticismo -o inefábel e toda esa retórica- pero que se agudiza talvez debido á hiperinflacción de escritura no mundo actual. Se cadra tamén esta relacionado co meu oficio de xornalista. Estes días leo un libro marabilloso de Marguerite Duras, A vida material, e nun momento di: “E sempre faltan as palabras para dicir o que queremos dicir, sempre”. Cústame moito pensar sobre o que trata un poema e, ao tempo, non son ninguén para impedir que calquera asunto entre nel.

Cavalo dinheiro, o poema que fai referencia ao filme de Pedro Costa, nomea o medo e a súa resistencia, como o facía Dos tempos sombrizos, antes de Organización, un poema que agoira que “finalmente cederemos”. De que xeito están o medo e a conformidade presentes neste libro? (Nese sentido, parece tamén unha autocrítica, é dicir, a voz poética simplemente parece constatar o que ve, non tentar falar en nome de ninguén).

“Cando digo conformismo falo dunha especie de espírito do tempo, non dunha actitude concreta ou particular. Un aire que nos impregna” 

Son quizais perplexidade e desorientación dúas liñas de forza que percorren Os paxaros e outros poemas e nese sentido si, tamén aparecen o medo e certa constatación de que se impón o conformismo. Pero cando digo conformismo falo dunha especie de espírito do tempo, non dunha actitude concreta ou particular. Un aire que nos impregna. En todo caso, xa o epígrafe do Museo Valéry Proust de Adorno que o abre o libro, revela ese ton: “Que o mundo está exasperado nótase en que, fagamos o que fagamos, equivocámonos”. 

O libro está cheo de referencias culturais, históricas… que citas directamente, e a través das que a voz poética conecta quizais a loita de clases do pasado e do presente. Que función cumpren estas citas?

“A mala herba que prende en calquera lugar e de xeito intempestivo é talvez un resumo axeitado do que sexa a idea de esperanza”

Primeiramente son un recoñecemento de débedas. Ademais, gústame deixar rastros de como os poemas se foron compoñendo, ou de como foron emerxendo. Ao mesmo tempo é como deixar constancia de que nunca escribes só, de que o traballo do poema é tamén dalgunha maneira colectivo. E nese punto, a maiores das referencias que mencionas, tamén están as dedicatorias.

No poema de Treatise de Cornelius Cardew a mala herba esténdese e sinala que hai vida mesmo ao borde do colapso. Como nos libros anteriores teus, hai consciencia da derrota, do fracaso, pero hai certo lugar para a esperanza porque, como di o poema seguinte, nada permanecerá, a historia seguirá o seu curso. É así?

Máis arriba falábache de que unha das tensións non solucionadas dos Paxaros e outros poemas é aquela que opón a presunta inmutabilidade da natureza ao cambio histórico. Dicía que o proceso de escritura foi desmentindo esa idea e ofreceu a conclusión -provisional, como todas as conclusións- de que ás veces é a historia a que parece que non cambia e a natureza a que se transforma. Nesa dialéctica móvese o libro. En todo caso, esa mala herba que prende en calquera lugar e de xeito intempestivo é talvez un resumo axeitado do que sexa a idea de esperanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.