Así era Galicia: publícanse na rede miles de imaxes históricas que amosan os cambios das cidades e vilas galegas

Imaxe do casco histórico de Marín entre 1926 e 1936. Arquivo de Otto Wunderlich CC-BY-SA IPCE

A fotografía que encabeza esta información corresponde á vila de Marín nalgún momento entre o ano 1926 e 1936, cando a localidade presentaba un aspecto moi diferente ao da actualidade. Trátase dunha fotografía tirada polo alemán Otto Wunderlich, que neses anos percorreu Galicia, imaxes que hoxe nos permiten comprobar os cambios radicais experimentados por moitos lugares. Os avances do progreso, pero tamén a destrución da paisaxe e do patrimonio material sufrido por moitos lugares.

Entre os fondos máis destacados que se acaban de publicar están as 7.000 fotografías que proceden dos arquivos Pando e Wunderlich, máis de mil delas tiradas en Galicia

Parte do seu arquivo fotográfico pode verse dende agora en liña e de balde grazas ao Ministerio de Cultura, que vén de publicar a fototeca do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE), composto por máis de 275.000 imaxes, dende 1860 ata a actualidade. As imaxe son só unha parte do máis de medio millón que conserva o instituto e que se irán incorporando progresivamente. Entre os fondos máis destacados que se acaban de publicar están as 7.000 fotografías que proceden dos arquivos Pando e Wunderlich, máis de mil delas tiradas en Galicia.

O Arquivo Wunderlich 

Wunderlich percorreu Galicia entre 1926 e 1936, especialmente a costa pontevedresa

O arquivo Wunderlich é obra do fotógrafo Otto Wunderlich (Stuttgart, 1887- Madrid, 1975). Formado en Alemaña, trasladouse a España en 1914, onde desenvolveu unha gran produción fotográfica na que destaca a fotografía de paisaxes e escenas tradicionais. Wunderlich percorreu Galicia entre 1926 e 1936, especialmente a costa pontevedresa. As súas imaxes amosan como era Marín, pero tamén Bueu, Baiona ou as cidades de Pontevedra e Vigo, especialmente cambiada esta última, cun Berbés case irrecoñecible.

O Arquivo Pando

O arquivo Pando conserva a obra do fotógrafo Juan Miguel Pando Barrero (1915-1992), desenvolvida ao longo de máis de cincuenta anos e continuada polo seu fillo, Juan Pando Esperto, ata 2003. É o máis voluminoso dos arquivos conservados no IPCE, con máis de 125.000 imaxes de temática variada. Desde 1940 ata 1993, a Axencia Pando realizou traballos para unha ampla gama de clientes: museos, coleccionistas e artistas, industrias, encargos de publicidade comercial, fotografía de arquitectura, etc. De forma paralela a esta actividade, os Pando desenvolveron un interese persoal pola fotografía de paisaxe e de carácter etnográfico durante as súas viaxes por España e Marrocos entre as décadas de 1950 e 1970.

O arquivo Pando conserva a obra do fotógrafo Juan Miguel Pando Barrero (1915-1992)

Entre as imaxes galegas destaca unha gran cantidade de imaxes da cidade de Compostela, e sobre todo do Hostal dos Reis Católicos e do Burgo das Nacións, que acababa de ser construído. Tamén un gran número de fotografías de encoros e industrias, tamén de hospitais, pero así mesmo fotografías de cidades e vilas que amosan os cambios experiementados pola paisaxe e o urbanismo.

Ademais, pódense ver as imaxes do arquivo Ruiz Vernacci, que conserva máis de 12.000 negativos orixinais dun dos pioneiros da fotografía en España, Jean Laurent (1816-1886); e o arquivo Moreno, integrado por máis de 60.000 imaxes sobre coleccións de arte públicas e privadas tomadas por Mariano e Vicente Moreno entre 1893 e 1954. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.