Así lle cantou Rosendo a Frei Rosendo Salvado en Australia

Rosendo Mercado, ante a tumba de Frei Rosendo Salvado © César Espada

Hemeroteca

Frei Rosendo Salvado foi un frade bieito nacido en Tui en 1814 que a mediados do século XIX levantou unha misión en Australia e chegou a ser bispo de Perth. Atribúeselle a introdución do eucalipto en Galicia, aínda que non hai proba documental que o asevere con precisión, como destacou hai uns anos un simposio internacional organizado no CCG sobre a súa figura. Rosendo Mercado, nacido en Madrid en 1954, é un dos grandes nomes do rock en español das últimas décadas, primeiro en bandas como Leño e despois en solitario, con temas como "Agradecido" ou "Maneras de vivir".

En 2016 Rosendo viaxou a Australia, onde deu dous concertos, chegando a tocar ante a tumba do frade

Pouco teñen en común un e outro máis aló do nome, pero unha curiosa iniciativa da embaixada española en Australia acabou por xuntalos en 2016, levando o guitarrista a tocar ante a tumba do frade tudense, nunha igrexa situada en Nova Nursia, preto de Perth. Un documental, De Rosendo a Rosendo, recolle o proceso, que vén de recobrar actualidade grazas a un fío de twitter dun dos diplomáticos que impulsou a iniciativa, Enrique Criado.

Nel, relata como en 2014 "acababamos de herdar na Embaixada un proxecto cultural con pouco fuste, a típica exposición de paneis que ninguén le, sobre un misioneiro galego chamado Rosendo Salvado". O conselleiro cultural da embaixada, César Espada (doutor en Filosofía e director de cine), tivo a idea de convidar a Rosendo para complementar a mostra. 

"Contra todo prognóstico, deron luz verde o Embaixador, a dirección de asuntos culturais e ata os australianos", conta Criado, que explica que se puxeron en contacto co artista para trasladarlle o convite. "Rosendo convocou nun bar a César para dicirlle que non, pero ao escoitalo díxolle: 'canto máis tolo soa isto, máis ganas teño de ir. Conta comigo'". 

E así viaxou o músico a Australia, onde deu dous concertos, en Camberra e Nova Nursia, chegando a tocar ante a tumba do frade. Ofreceu unha master class e coñeceu bandas australianas que facían versións das súas cancións. Ademais, un dos monxes do lugar acabou por tocar co órgano os temas máis coñecidos de Rosendo para despois acompañalo nunha actuación nun local de Perth, vestido mesmo co seu hábito.

 "Creo que comparten algúns trazos morais: a honestidade, a inquietude (e esa forma de rebuscar, aínda que sexa á conta de ir contracorrente e incordiar), a perseveranza e a paz"

César Espada, que dirixe o documental que relata toda esta viaxe, destaca en conversa con eldiario.es que, contra o que podería parecer, existen máis semellanzas entre os dous que o nome que comparten:  "A pesar das enormes diferenzas culturais que os separan, creo que comparten algúns trazos morais, por dicilo dalgún modo: a honestidade (e esa forma de ser fieis a unhas ideas e a si mesmos), a inquietude (e esa forma de rebuscar, aínda que sexa á conta de ir contracorrente e incordiar), a perseveranza e a paz".

A pesar de manter necesariamente a visión colonizadora e evanxelizadora, unha visión de superioridade polo tanto, que implicaba o obxectivo polo que foi enviado a Australia, Frei Rosendo Salvado defendeu os seus dereitos e buscou comprender a súa cultura e costumes, loitando contra un sentir xeral que consideraba as comunidades aborixes como etnias inferiores, destaca o Consello da Cultura Galega. Nos seus Diarios o frade revela a súa simpatía por estes nativos, aínda que sempre mesturada co transfondo de superioridade moral habitual nos observadores europeos do século XIX: "Sorprendeume ver manifestacións de cortesía que eran máis propias do home civilizado que do incivilizado".

Dise que xa na década dos 50 do século XIX Salvado lles enviou aos seus parentes en Tui sementes de eucalipto, pero non hai ningunha referencia convincente neste senso anterior a 1884

Así mesmo, dise que xa na década dos 50 do século XIX Salvado lles enviou aos seus parentes en Tui sementes de eucalipto, pero non hai ningunha referencia convincente neste senso anterior a 1884. Xa en 1829 hai informacións das primeiras plantacións en Vilanova de Gaia.

"O atractivo era precisamente ese: ir a un sitio que xamais imaxinara e coñecer a un homónimo doutra época, xa que tampouco imaxinaba que naquel tempo había majaras a este nivel", afirma Rosendo Mercado no documental, que se abre co músico tocando Á sombra dunha mentira ao pé da tumba de mármore do tudense.

Abadía de Nova Nursia, onde está soterrado Frei Rosendo Salvado CC-BY-SA ngangarra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.