Astérix volverá falar galego da man de Xerais

Imaxe promocional de Astérix e Obélix © Didier Conrad

Eduardo Maroño repasa en Qadriños, o blog de Praza Pública sobre banda deseñada, o regreso de Astérix á lingua galega

Unha boa nova para os afeccionados galegos á banda deseñada. Hai uns días Xerais daba a coñecer o seu plan editorial para os meses de setembro e outubro e nel anunciaba a próxima publicación en galego do novo álbum de Astérix, que levará por título Astérix e os pictos. A nova aventura dos irredutibles galos chegará ás librarías de Galicia o vindeiro 24 de outubro, a data sinalada internacionalmente para a saída do álbum, tanto na súa versión orixinal en francés coma traducido a máis de vinte idiomas. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto, que tamén se ocuparon da tradución para o castelán que editará Salvat-Bruño.

A aposta de Xerais por Astérix chega nun punto de inflexión na historia da cabeceira, xa que Astérix e os pictos será a primeira aventura dos personaxes na que non participa ningún dos seus creadores. Lembremos que tras a morte do escritor René Goscinny en 1977, o debuxante Albert Uderzo asumiu en solitario a elaboración das aventuras dos galos ata que o pasado 2011 anunciou a súa retirada. O propio Uderzo foi quen seleccionou os que serán os continuadores da serie, o guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Didier Conrad. Sen ser primeiras figuras, ambos son autores veteranos e con carreiras consolidadas. Ferri é coñecido sobre todo polas súas colaboracións co debuxante Manu Larcenet en series como Le retour à la terre ou Le sens de la vis; pola súa banda, Conrad debe a súa sona a dúas series desenvolvidas co guionista Yann, Les innommables e Tigresse blanche. A continuación das aventuras de Astérix por autores novos ten sido acollida con esperanza por un sector importante dos seus seguidores, moi descontentos co traballo de Uderzo nos últimos anos. Axiña poderemos comprobar se o labor de Ferri e Conrad responde ás expectativas creadas.

A aposta de Xerais por Astérix chega nun punto de inflexión na historia da cabeceira, xa que Astérix e os pictos será a primeira aventura dos personaxes na que non participa ningún dos seus creadores.

Mais a aposta de Xerais por Astérix non se limita a este álbum, xa que Manuel Bragado confirma que a editora viguesa asumirá a edición en galego de todos os novos títulos posteriores a este ao tempo que anuncia que en 2014 comezarán a reeditarse os primeiros álbums da serie realizados por Uderzo e Goscinny. Os primeiros títulos en ver a luz serán Astérix o Galo e Astérix e a fouciña de ouro, cuxa saída está prevista para o mes de marzo.

Tamén para 2014 está prevista a publicación por Xerais de varios títulos de produción propia: Dragoneta, a terceira entrega da serie Marcopola de Jacobo Fernández Serrano, o novo libro de Xosé Tomás, así como dúas obras inicialmente previstas para este 2013, o agardado Baixo a sombra das pedras flotantes de Kiko Da Silva e a novela gráfica na que levan tempo traballando Diego Ameixeiras e Juan Carlos Abraldes.

Imaxe promocional de Astérix e Obélix © Didier Conrad

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.