"Balbino. A village boy. In other words a nobody". Nace 'Galician Reader' para visibilizar a literatura galega no mundo anglosaxón

Portada de tres dos libros galegos editados en inglés por Small Stations Press © Small Stations Press

Nos últimos 14 anos Small Stations Press, baixo a dirección de Jonathan Dunne, publicou 72 títulos galegos traducidos ao inglés escritos por 45 autores e autoras

Nos últimos 14 anos a editorial Small Stations Press,  baixo a dirección do tradutor e editor Jonathan Dunne, publicou 72 títulos galegos traducidos ao inglés escritos por 45 autores e autoras distintas. Agora a editorial vén de anunciar o lanzamento dunha nova web, Galician Reader, que inclúe fragmentos de varios das obras editadas neste período, dende o 2009 ata a actualidade.

No ano 2024 a editorial prevé publicar un libro que incluirá estes e outros textos, cunha distribución en todo o mundo e exemplares presentes nas bibliotecas públicas e universitarias de Estados Unidos e do Reino Unido.

Portada de seis dos libros galegos editados en inglés por Small Stations Press © Small Stations Press

A editorial vén de anunciar o lanzamento dunha nova web, Galician Reader, que inclúe fragmentos de varios das obras editadas neste período

A diferenza dos títulos publicados pola editorial, os textos na web Galician Reader e no libro acompañante serán bilingües, dando así acceso ao idioma galego, a través das traducións ao inglés, e visibilizando o proceso de tradución, "tantas veces infravalorado ou mal comprendido".

De momento son pouco máis de dez autoras as incluídas na web, pero o seu número incrementarase ao longo dos próximos meses, sendo sempre escritoras e escritores con libros editados por Small Stations.

Os 72 títulos publicados por Small Stations nos últimos anos inclúen as primeiras edicións completas en inglés dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas (en tradución de Erín Moure), clásicos como Memorias dun neno labrego (en tradución de John Rutherford), e unha plétora de títulos contemporáneos, ás veces ilustrados. Todo isto foi realizado por unha editorial pequena e con poucos recursos pero que mantivo inquebrantable un obxectivo de difundir a literatura galega en todo o planeta a través da súa tradución ao inglés.

Jonathan Dunne ©

Small Stations Press espera con esta iniciativa dar un impulso ao status da literatura galega máis alá das súas fronteiras lingüísticas, "tendo en conta que unha cultura non traducida é unha cultura muda" 

Small Stations Press, unha iniciativa persoal de Jonathan Dunne, espera con esta nova iniciativa dar un impulso ao status da literatura galega máis alá das súas fronteiras lingüísticas, "tendo en conta que unha cultura non traducida é unha cultura muda", destaca. 

Os libros da editorial, que contan co deseño de Kapka Kaneva, candidata ao Premio Memorial Astrid Lindgren, están dispoñibles a nivel mundial –nos tres grandes mercados de Estados Unidos, o Reino Unido e Australia, e globalmente– e "sempre a prezos razoables", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.