Para moito do gran público, Diego Dourado, de Matalobos. Para moitas persoas, un rostro familiar e prezado da escena e do audiovisual galego. Para as persoas que trataban con el home "querido e respectado" tanto no traballo como na vida cotiá.
O actor Xabier Deive faleceu á temperá idade de 54 anos. O seu representante, Alejandro Albaiceta, confirmábao a través das redes sociais este 18 de xullo. "É inxusto, inesperado e moi doloroso polo inmenso vacío que deixa", resalta tras sinalar que marchou "como a estrela do rock and roll que era: discretamente".
"Este -engade Albaiceta- era o seu estilo: non facer mais ruído do estritamente necesario". Ao cabo, "deixar que o seu traballo e as súas personaxes falasen por el".
"Marchou como a estrela do rock que era: discretamente", evoca o seu representante
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que presidiu entre 2019 e 2021, expresouse pouco despois nun sentido semellante. A organización sindical lembra "a calidade humana" deste "compañeiro querido e respectado, tanto polo público como pola profesión".
"O seu traballo no teatro e mais no audiovisual, eidos nos que legou mostras incontestables do seu talento artístico, deixa testemuño dunha forma de entender, exercer e vivir o noso oficio que a AAAG quere recoñecer como exemplo para todos e todas", sinalan. Lembran, ademais, o "compromiso coa profesión" que acreditou co seu "traballo desinteresado" na propia AAG.
Deive desenvolveu unha ampla traxectoria tanto no cinema como no teatro e na televisión dende finais do século pasado. As que máis sona lle reportaron entre o público galego foron producións como Rías Baixas, As Leis de Celavella, A vida por diante, Os Atlánticos, Matalobos ou Serramoura.
"O seu traballo no teatro e mais no audiovisual, eidos nos que legou mostras incontestables do seu talento artístico, deixa testemuño dunha forma de entender, exercer e vivir o noso oficio que a AAAG quere recoñecer como exemplo para todos e todas"
No cinema destaca o seu traballo en títulos como Jalisco (2001); Las mujeres del anarquista (2006), El menor de los males (2007), A cicatriz branca (2012), Las altas presiones (2014) ou, máis recentemente, os seus papeis en Fatum (Juan Galiñanes, 2023) e As Neves, a fita estreada por Sonia Méndez neste mesmo 2024.
Tamén dedicou gran parte da súa carreira ao teatro, como lembra a AAAG, con montaxes como Os carros do camiño (Ollomoltravía, 1998), O retrato de Dorian Grai (Uvegá Teatro, 2000), Poca vita (Teatro Maltés, 2002), Final de película (Ancora Producións, 2004), Edipo (Nove Dous, 2006), Sitma (Centro Dramátigo Galego, 2008), Gaivotas subterráneas, (Talía Teatro-Voz Audiovisual, 2013) ou Sede de mal (Culturactiva, 2015). Cando esta última estaba a piques de ver a luz, en 2014, en Praza.gal conversamos con el xunto a Luís Iglesia sobre o seu traballo e a situación da cultura galega.